O alto custe dunha xeración perdida
Quéreselle botar as culpas de todo á crise, que ten parte, máis o fundamental neste asunto é, por unha banda a falla de soberanía para a defensa de todos os nosos sectores produtivos que son atacados sistematicamente dende fora onde priman sempre outros intereses alleos e por outra as miopes políticas de recortes en materia de investigación e innovación. As e os nosos investigadores e innovadores precisan de soporte económico para a súa actividade, precisan ser valorados e incentivados e como isto non é así deben coller as maletas e ir onde se lles dean as ferramentas para desenvolver o seu traballo. Estamos mandando como agasallo, sen nada a cambio, ás nosas mozas e mozos máis preparados a países que con un pouco de cabeciña aprovéitanse da circunstancia.
Hai unha frase que resume perfectamente esta situación: “Non investigan os países ricos, senón que aqueles que investigan son os únicos que poden ser ricos”. A investigación e a innovación son fundamentais para progresar, e solo con novos modelos produtivos conseguiremos afrontar situacións económicas adversas. Novos nichos de mercado, novos modelos de negocio que complementados cos existentes e apoiados no coñecemento e tecnoloxía van permitir competir nun mercado globalizado e altamente competitivo.
Pinta mal a situación, debemos empezar xa a recuperar todo o noso coñecemento espallado fora de Galiza e evitar a saída de novas persoas. Para elo urxe xa procurarnos un novo marco político. Un marco onde Galiza, como suxeito político, teña a capacidade de decidir sobre as súas políticas económicas, produtivas, de innovación e tecnolóxicas. Un marco onde unha xeración formada sexa encamiñada a traballar na súa terra e procurar o seu pulo.
Hai retos temáticos sectoriais como “saúde, benestar e vida”, “alimentación, agricultura, pesca e biotecnoloxía”, “enerxía, medio ambiente, servizos, turismo e cultura”, máis tamén transversais como “TIC” e “nanotecnoloxías, materiais e tecnoloxías da produción”. Ten que ser obxectivo da Administración o desenvolvemento da cultura emprendedora, aceptando que, en ocasións, haberá fracasos e non poucos. Hai que innovar en algunha materia que aproveite os activos que ti tes como pais, hai que focalizar pois, concentrar esforzos coa máxima de que innovar non é suficiente, hai que emprender.
Coñecer as debilidades e as fortalezas de Galiza é fundamental para traballar na innovación intelixente e estas están ben claras. As nosas debilidades pasan pola nosa atomización empresarial, a pouca innovación, cooperación e internacionalización, tamén pola escasa transferencia tecnolóxica e valorización do coñecemento. Dependemos moito do investimento público e hai pouco compromiso do capital privado tendo unha escasa capacidade de atracción do talento.
Somos fortes en que temos importantes recursos endóxenos diferenciais, naturais e patrimoniais. Temos sectores industriais tractores con ampla experiencia, dispoñemos de infraestruturas competitivas e capital humano con experiencia. As nosas universidades ofrecen unha formación superior ampla e variada e existen capacidades investigadores e de xeración do coñecemento.
Agardemos pois, que sentando as bases para que isto suceda, a nosa rapazada volva a Galiza e traballe arreo para o seu desenvolvemento. Agardemos tamén que non sexa tarde.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.