O alcalde follonero
Xerardo Conde Roa estase gañando a pulso que o bauticemos como o alcalde follonero. O seu último e grotesco espectáculo -insultando a un técnico de iluminación a saída dunha representación de El Barbero de Sevilla- define con claridade o talante e comportamento deste personaxe. "Eres un parásito y un mamón" son algúns dos improperios cos que o rexedor agasallou ao xefe de iluminación. Mais non estamos ante un desequilibrio mental transitorio; é unha actitude que agocha un posicionamento ideolóxico reaccionario e autoritario, que non debe pasar desapercibido. Esváese esa imaxe de home de a pé que intentou dar nos seus primeiros días de mandato. Emerxe con forza a súa verdadeira personalidade, actitudes e principios. Non teño o desgusto de coñecelo persoalmente, mais estou segura de que non se trata dunha saída de ton puntual.
Porén, hai outro aspecto máis significativo que non ten que ver coas formas, senón co fondo. Que motivou esta saída de tono? Segundo el mesmo declarou, o feito de exhibírense, nun espectáculo cultural, carteis con lemas do movemento 15-M. "El auditorio no está para que se cuelen mensajes del 15-M!" sentenciou, na súa pseudodesculpa. Ningunha persoa que acredite na liberdade de expresión afirmaría tal cousa, pois está xustificando a censura. As súas palabras amosan unha concepción da cultura domesticada, carente de todo obxectivo reivindicativo ou crítico. Valores que contrastan co papel que a cultura xogou, xoga e, agardemos, siga xogando. As manifestacións artísticas son algo máis que entremento ou espectáculo. Son accións con carga ideolóxica, que buscan causar unha reflexión ou acción en que a recibe.
,Veladamente descubre outros dos piares do seu proxecto: pechar os espazos públicos a toda manifestación cultural que non sexa do seu gusto. É un novo aviso para navegantes: en Santiago só haberá lugar para a cultura que lle gusta ao PP. Nada de reivindicación, só entretemento (en español, por suposto!). Xa advertiu hai pouco que non estaba para "subvencionar actos culturetas". E por se isto fose pouco, cualificou os artistas que participaban na programación cultural de Santiago como "una pandilla de amigos que vivían a costa del Ayuntamiento".
Sería un erro reducir a cuestión a un problema "particular" do individuo. Por desgraza, o asunto ten raíces máis fondas. Ten a ver cunha ideoloxía conservadora, reaccionaria e antigalega, que habita máis alá do pazo de Raxoi. A que está detrás dos que atacan ao galego; aos que din "que las fiestas son demasiado gallegas"; aos que consideran que a "cultura galega limita". É a versión contemporánea dun preconceito antigo, a fobia ao galego, que normalmente vén da man do autoritarismo. Mais unha vez, a historia repítese.