O 8 de marzo ten que ser unha data para reaxir e loitar por esa igualdade real

Ao abrir a miña axenda feminista, visualizo martes, 8 de marzo, Dia Internacional das mulleres e 3º aniversario do Observatorio da Mariña pola Igualdade.Teño nas miñas mans a axenda feminista editada por primeira vez por esta organización feminista mariñá e que ten a virtualidade de recoller datas e acontecementos históricos e decisivos para ás mulleres.
A historia do 8 de marzo chega nun período de gran transformación social e política no mundo. Está cruzada por situacións e feitos que amosan un escenario mais complexo e rico en acontecementos marcados pola Primeira Guerra Mundial, pola Revolución Rusa, as primeiras conmocións da revolta nacionalista nos imperios coloniais de Asia e África. E en Norteamérica o movemento polo sufraxio feminino estaba cuestionando algunhas das presuncións das relacións humanas, as pugnas entre socialistas e sufraxistas, e o crecente sindicalismo feminino durante as primeiras décadas do século XX en Europa, Estados Unidos e Latinoamérica. Acontecementos que influíron no devir desta data foi o tráxico incendio da fábrica de Triangle na cidade de Nova Iorque onde morreron mais de 140 traballadoras,a maioría inmigrantes. Este suceso tivo grandes repercusións na lexislación laboral dos estados Unidos, e nas celebracións posteriores do Dia internacional das Mulleres fíxose referencia ás condicións laborais que conduciron ao desastre.
A historia mais estendida sobre a conmemoración do 8 de marzo fai referencia aos feitos que sucederon na data do ano 1908 cando morreron calcinadas 146 mulleres traballadoras da fábrica do téxtil Cotton de Nova Iorque nun incendio provocado polas bombas incendiarias que lles lanzaron perante a negativa a abandoar o peche no que protestaban polos baixos salarios e as infames condicións de traballo que padecían. Tiñan un antecedente no que inspirarse, o Wome¨s Day que as socialistas estadounidenses levaban celebrando desde 1908 cuxa finalidade era a reivindicación do dereito ao voto para ás mulleres. A primeira tivo lugar o 3 de maio de 1908 no teatro Garrik de Chicago co obxectivo central de facer campaña polo sufraxio e contra a escravitude sexual.
Finalmente a Conferencia Internacional de mulleres socialistas, reunida en Copenhague, proclamou o Dia Internacional da Muller traballadora, a proposta da dirixente comunista alemá Clara Zetkin como unha xornada de loita polo dereitos das mulleres. A proposta foi aprobada por unanimidade na conferencia de mais de 100 mulleres procedentes de 17 países. Celebrouse por primeira vez o 19 de marzo en Alemaña, Austria, Dinamarca e Suíza con mitins aos que asistiron mais dun millón de persoas que esixían para as mulleres o dereito ao voto, o de ocupar cargos públicos, o dereito ao traballo, a formación profesional e a non discriminación laboral.
É importante ir ás orixes desta efeméride ou facer un breve repaso da mesma para sermos conscientes da súa transcendencia e do significado que debemos darlle na actualidade. Esta data conmemorativa aglutinaba ás mulleres nunha xornada que se concibía como de loita para reivindicar os dereitos básicos, como o dereito a ser cidadás (dereito ao voto), dereito a traballar nunhas condicións laborais dignas, dereito a non ser explotada, e o acceso como a educación, cultura,...
O mais triste e desolador neste 8 de marzo no que se cumpren o 100º aniversario é a plena vixencia das reivindicacións en todo o mundo, e en Galiza. Sen embargo, o 8 de marzo xa non é o que era, unha xornada de loita, de denuncia, de celebración das mulleres por seguir acortando as diferenzas instauradas polo sistema patriarcal vixente. Neste 2011 non atopo moitos motivos para celebrar, hai mais retrocesos que avances.
Actualmente, o 8 de marzo, é celebrado polas as institucións, polos movementos sociais e maioritariamente polo movemento feminista que son as que gardan a súa esencia. Moitas desas celebracións ou actos realizados non teñen ningún sentido e valor. Os homes nos fogares fan ese dia a cea ou poñen a mesa, no traballo os compañeiros e dinche," hoxe é o voso dia", tamén as compañeiras entre elas, e incluso mercantilizase a data mediante agasallos materiais a elas, no seu dia.
Moitas das políticas de Igualdade que se desenvolven no país, consisten en celebrar cun acto (obradoiros,concertos,teatro...) as datas mais significativas para o xénero feminino, o 8 de marzo e o 25 de novembro, e o resto do ano non se fai gran cousa, ben porque non hai diñeiro, ben porque non hai interese... en definitiva, falta de vontade para desenvolver políticas reais que promovan a Igualdade.
O goberno galego por medio da Secretaria Xeral de Igualdade súmase a conmemoración mediante a campaña" Vivir a diferenza, garantir a Igualdade" centrándose na problemática das mulleres que padecen discapacidades. Sendo consciente da dobre discriminación na que se atopan as mulleres con discapacidades coido que o 8 de marzo debe ter unas proclamas mais xenéricas, e non aproveitar un evento destas características para presentar un estudo e uns libros sobre a historia das mulleres. Actos de carácter mais ben simbólico, e na que a chamada a participación e implicación directa das mulleres, as principais protagonistas do dia, e da cidadanía é inexistente.
As políticas practicadas nos últimos dous anos caen no simbolismo, accións de cara a galería, totalmente regresivas para os dereitos das mulleres, como por o exemplo o recorte nas axudas económicas ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos centros de asesoramento e información ás mulleres (despois da supresión das Oficinas de Igualdade como a súa medida estrela e de entrada no goberno da Xunta) ou a implantación dunha rede de apoio ás embarazadas (como sempre as mulleres necesitamos que se nos apoie, que se nos diga o que temos que facer), o que choca coa gran autonomía que se dá ós centros educativos para expulsar a unha nena que porta un pano na cabeza. Os motivos poden ser relixiosos, culturais ou por imposición, iso non o sabemos, e non todos son lexítimos pero aí prima o dereito á autonomía do centro por riba do dereito básico, o dereito fundamental á educación. En cambio, si intercedamos na decisión libre das mulleres a ter descendencia ou a interromper o proceso. Parches para tapar o burato e que non se vexa moito o que hai por debaixo, pero nada que faga mudar a situación das mulleres.
E no que atinxe ao goberno do estado, outro tanto poderíamos dicir. Cando queremos vendernos como progresistas acudimos ás modificacións lexislativas, tan rendibles pola acollida popular e moitas veces económicas leis como así foi coa aprobación do matrimonio das persoas homosexuais, reforma da regulación do divorcio,a creación dun Ministerio de Igualdade,... pero cando veñen os malos tempos a solución está clara, a mesma de sempre. Retiremos todo o que non é necesario. As políticas de igualdade son prescindibles, rescindamos o contrato...En fin, destapouse o veo!!. Pura demagoxia para gañar votos?? Para ter a certo sector do feminismo caladas??
Non sendo suficiente coa imposición dunha política regresiva en materia de Igualdade, por riba dannos mais paus, cunha reforma laboral que precariza aínda mais o emprego e elimina dereitos, cunha reforma das pensións que nos leva a un maior empobrecemento e co recorte nos gastos sociais que fomenta a privatización e aumenta a desigualdade.
O 8 de marzo non pode pasar por alto como un dia calquer, ten que ser unha data para reaxir e loitar por esa igualdade real, temos que reaxir ante os ataques que estamos a sufrir que volven a relegarnos e a manternos na discriminación, demandemos:
- Igual traballo igual salario.
- Non a dobre xornada de traballo: corresponsabilidade nas tarefas domésticas e de coidados.
- Ampliación das baixas de maternidade e paternidade aos seis meses sen diminución salarial.
- Inclusión no réxime xeral da Seguridade social ás empregadas do fogar.
- Equiparación das pensións mais baixas ao SMI.
- Inversión pública para crear prazas suficientes en escolas infantís, centros de día, residencias para persoas maiores e servizos profesionais de atención á dependencia.Non a privatización dos servizos públicos....
Non podemos permanecer impasibles, debemos continuar esta loita emprendida antano por todas aquelas que nos levaron até o presente, algunhas a costa da súa vida.Si ben, son tempos de desesperanza e desánimo, non perdamos a ilusión e creamos nas capacidades e potencialidades das mulleres, que despois de soportar esta opresión histórica seremos quén de vencer ao patriarcado e instaurar unha sociedade mais xusta.
Rematemos co Poema escrito en 1911 por James Oppenheim, asociado á famosa folga das obreiras téxtis en Massachussets
"As nosas vidas non serán explotadas desde o nacemento até a morte; /os corazóns padecen fame, ao igual que os corpos / -Pan e rosas, pan e rosas!!