O 1º de Maio non chove


Saímos de novo ás rúas. Reivindicamos emprego digno, servizos públicos e un cambio de rumbo nas políticas económicas. É necesario. É xusto. É imprescindíbel. A situación económica non ten mellorado nos últimos catro anos, moi ao contrario, o Estado Español entra de novo en recesión e o paro acada cifra históricas. É o resultado das políticas de austeridade impostas desde o estalido da burbulla financeira. Porén, nin antes o PSOE, nin agora o PP, semellan querer recoñecer o erro e continúan aplicando fanaticamente a doutrina neoliberal que afoga a milleiros de persoas en todo o mundo. Din que son medidas valentes, que a ningún goberno lle gusta tomar. Falso!. Son medidas covardes -cébanse cos máis débiles- e ninguén lles obriga a adoptalas. E máis, lembremos as promesas do PP en pleno apoxeo electoral, prometía un “cambio” e criticaba moitas das decisións que agora defenden como “necesarias”.

Á vista do acontecido, é evidente que mentiron en campaña, e menten agora, nas razóns de fondo que xustifican as súas políticas. Ocórreseme, que antes de reformar o código penal para reprimir a liberdade de expresión e o dereito a manifestación, era máis urxente e democrático tipificar como delito grave a fraude electoral, as mentiras masivas en campaña e o incumprimento da palabra dada aos e ás cidadás. Mais non o farán. Non acreditan no verdadeiro significado da democracia: o goberno do pobo, polo pobo e para o pobo. Hoxe faise descaradamente visíbel a UE como unha ditadura dos mercados e a Europa dos mercaderes. Negocio para unha minoría a costa de sacrificar os dereitos da maioría. Mais a desigualdade ten formas variadas, non só hai loita de clases, a crise evidencia que hai centro e hai periferia.

,Galiza, nunha posición periférica no económico e político, sufre con dureza os efectos da mesma. Estamos nun momento decisivo onde é preciso defender con uñas e dentes a escasa base produtiva que nos queda: o agro, a pesca, o naval, o forestal... A crise non só se aproveita para arrasar con dereitos socias e laborais, tamén para consolidar o papel de Galiza no concerto estatal e europeo. Condenan ao noso país ao abandono da economía produtiva, dito con maior clareza, queren ditar condena de morte a un futuro digno na nosa nación. Como diría Castelao “mexan por nós e hai que dicir que chove”.

Mais temos claro que non chove e a situación require dunha resposta contundente. Máis unha vez, só o nacionalismo galego, representa a alternativa real as actuais políticas económicas e sociais. Son conscientes disto os nosos adversarios políticos, por iso teiman nos ataques. Escoito persoas preocupadas porque este primeiro de maio non hai unidade sindical. A preocupación correcta sería unidade para que? Con que obxectivo? Unidade para aceptar unha reforma laboral inxusta? Unidade para consolidar o papel subornidado de Galiza? Acredito na boa intención de moitas das persoas que fan esta reflexión. En todo caso, a historia recente demostra o esforzo do nacionalismo en dotar ao noso país de plataformas plurais que deran resposta aos nosos problemas. Son outros quen teiman en rachar esa unidade e intentan diluírnos nunha dinámica estatal que con contempla nin atende as nosas necesidades específicas como galegos e galegas. Nada novo por outra parte. A clave: confiarmos no noso pobo, na nosa capacidade e afortalar o nacionalismo, ao BNG como alternativa real ante políticas que nos afunden.