Novos tempos para a lírica -e tamén para a política-

Novos tempos para a lírica -e tamén para a política-

Os tempos políticos actuais están a mudar a unha velocidade vertixinosa e fan necesario tomar conciencia de que teñen pouco que ver co escenario político que tíñamos recentemente. A ofensiva ideolóxica que dende a UE, o Estado Español e a propia Xunta de Galiza están a desenvolver esixe valorar a nova situación e adecuar a nosa maneira de actuar ao novo escenario. A interesada deslesitimización da política e das institucións está provocando tamén un cambio nas percepcións sociais sobre a actividade política.

A velocidade no deterioro da situación económica, política e social fai necesario que prestemos atención a nosa maneira de actuar tanto no traballo institucional coma no traballo social adecuando fondo e forma ao novo contexto, procurando a contestación e contundencia necesaria e buscando sempre o fío condutor da necesidade de soberanía, da necesaria capacidade para que Galiza poida decidir, indo do concreto ao xeral e facendo toda a pedagoxía sobre o valor e a necesidade do BNG, do nacionalismo para saír desta situación. Temos alternativas, temos propostas - potenciación sectores produtivos, banca pública, dinamización económica co sector público, política laboral respectuosa cos dereitos dos traballadores, mantemento da capacidade adquisitiva e do comercio local, respecto as conquistas sociais na sanidade, ensino, servizos sociais, normalización do noso idioma, ….

Temos traballo social meritorio neste ámbitos e traballo institucional exemplarizante que podemos poñer en valor. Priorizar o traballo social e buscar o seu reflexo na nosa actividade institucional. Facer dos nosos representantes institucionais elementos activos con presenza nos conflitos sociais favorecendo a resposta contra as agresións que o pobo, os traballadores, os pensionistas, os autónomos, os comerciantes, etc, veñen sufrindo.

Este novo tempo político está agudizando tamén moitas contradicións: modelo de UE e papel da Troika na imposición de agresións aos pobos, modelo de estado e reivindicacións de soberanía das nacións, dereito a decidir fronte a involución centralista e a negación do dereito democrático a consultar ao pobo, vixencia da monarquía, papel do sistema financeiro e dos mercados fronte aos gobernos, privatización dos servizos públicos, reforma do sistema de pensións, reforma centralista da administración local, lei de unidade de mercado como pretexto para eliminar competencias autonómicas, potenciación das deputacións provinciais, reforma regresiva do mercado laboral, privatización caixas de aforro …..

Esta auténtica involución necesita ser contestada pondo de manifesto a necesidade dun cambio de modelo económico e social para saír da crise a partir dunha Galiza que como nación conte con capacidade para decidir en todo o que nos afecte, teña soberanía para impulsar políticas de desenvolvemento económico e social favorábeis aos traballadores e a maioría do pobo a partir dos importantes recursos que a nación galega posúe.