Novo goberno e fin de ciclo

Novo goberno e fin de ciclo

Andan perplexos no PP. Tardarán aínda un tempo en se decatar de que a súa soberbia bateu de cheo contra o espigón da soberanía popular. Desde antes do desenlace, M. Rajoy, ausentándose do parlamento, puxo ao descuberto diante de toda España o seu talante, a súa ideoloxía e o seu concepto da política e do estado: se son eu quen leva a bandeira, ninguén me gaña a patriota; se é outro quen o fai, que non conte comigo nin para responder a un “viva España” de rigor, pois o meu é ser un cínico, un bon vivant, un indolente que naceu e entrou en política para vivir a corpo de rei, sen dar un pao á auga.

Alegreime de que o PP, partido corrupto ata as madres e xa condenado pola Audiencia (e esta sentenza non foi máis que a primeira das que virán), tivese que meter xunto nas maletas e largar do poleiro a fume de carozo. E a cara que lle quedou ao señor de provincias lembroume a de Rita Barberá, cando nun arranque de poética oratoria só acertou a dicir: Que hostia...que hostia! É o que teñen as xentes finas da alta sociedade, que, o mesmo que os sabios, vistas de preto deixan moito que desexar. Non me produciu ningún pracer que o seu lugar fose ocupado polo PSOE, partido ao que a miña terra nada ten que agradecer e si moito que reprochar. Non me admirou que Pablo Iglesias esquecese citar Galicia como unha das nacións do estado español; para el, que contempla e entende o mundo desde a Vila e Corte, onde naceu e vive, existen Cataluña e Euskadi porque todos os días ve os seus representantes ocupando escanos no parlamento, mentres que o nacionalismo galego lle é absolutamente descoñecido, pois o sucedáneo que anda por alí teno el perfectamente amortizado e subsumido dentro do grupo que lidera. Por iso tampouco me causou estrañeza observar que, tralo seu discurso, no que ignorou a miña nación, os cinco da Marea (autoproclamados nacionalistas como outros se din demócratas, mais os feitos apuntan noutra dirección) se puxesen en pé e aplaudisen ata o paroxismo ao seu xefe natural. E causoume vergoña a explicación que unha das cinco fixo do desprezo de Iglesias, argumentando que fora remendado polo voceiro do grupo, a quen eu non escoitei recriminar o “esquecemento” do xefe, non vaia ser que máis para adiante non lle permita acompañalo nas listas. O propio Villares insistiu en que o silencio, a taciturnidade do labio, que diría o Padre Isla desde Pontevedra, non foi máis ca un lapsus que arranxou o citado voceiro. Ah, sendo así! Mais a resposta de Pedro Sánchez a ese arranxo e aos cinco minutos de intervención (unha fartura por non formaren grupo parlamentar) foi un simple “gracias”, é dicir, pasou del olimpicamente, pois é consciente de quen ten mando en praza e de quen anda por alí.

Agardando que retire xa a Lei Mordaza (escribín isto antes de saber do nomeamento de Grande-Marlaska), darei por boa a ascensión de Pedro Sánchez só se ten o valor de revogar a prórroga que M. Rajoy lle concedeu a ENCE, aínda que ao mellor, para facelo, precise solicitar permiso ao seu correlixionario Manuel (Pachi) Vázquez, ex-conselleiro de Medio Ambiente. Non esquezamos que este significado membro do PSOE concedeu á pasteira a Autorización Ambiental Integrada, o que segue a dar moito xogo ao presidente Núñez para contraatacar as reclamacións do BNG, lembrándolle que gobernaban xuntos. Canto mellor tivera sido que os nacionalistas non entrasen naquel bipartito! Cómpre non esquecer as ensinanzas de Clío para, chegado o caso, evitar cometer os mesmos erros.

O primeiro nomeamento ministerial do que se filtrou a noticia xa me chegou para ratificarme na idea que tiña de Sánchez e do seu partido. Coido que é unha provocación designar a Borrell, despois do espectáculo bochornoso que montou en Barcelona acompañado do neoliberal Vargas Llosa, intelectualmente incapaz de distinguir o nacionalismo estatal imperialista e colonialista (Bélxica no Congo) do nacionalismo solidario das nacións sen estado. Sentín vergoña allea, pois, recoñecendo as innegables calidades do catalán, pareceume desprezable a insistencia en solicitar o aplauso do público. Notábaselle que desexaba un baño de masas afervoadas e bandeiras ao mellor estilo de Praza de Oriente. Estaba, como dicimos no Porto do Son, na “aghuiña dos ovos” e por iso pensei que nunca máis tería mentes de desempeñar un cargo de responsabilidade política, mais agora verifico que o desprezo ao pobo dos auto-chamados socialistas non ten límite.


Desde o ano 2012 teño dedicado varias colaboracións en Terra e Tempo a toda esta sangría que, con gran ledicia dos partidos estatais, debilitou o noso nacionalismo. Varios deses artigos foron motivados polas tentativas de forxar novas unións instrumentais con vistas as eleccións. As defeccións no BNG e subseguintes engarzamentos con partidos xacobinos (IU, Podemos) fóronse producindo gradualmente e en lotes máis ou menos numerosos, e as novas tentativas de unión, os conatos con asembleas e manifestos de abaixo-asinantes tiveron sempre partidarios –e partidarias, aquí non chega co xenérico- de dentro e de fóra. A fronte nacionalista, posiblemente con moito mellor criterio que o meu, non só non puxo atrancos a estas manobras, senón que mesmo favoreceu a algúns dos impulsores, e estes días estou a ver que novamente hai quen insiste en poñer enriba da mesa a necesidade de conformar alianzas. Teño tamén que recoñecer que, vistos os comportamentos adoptados desde hai seis anos, tampouco me admira a actitude do BNG con certas persoas. Eu non tería paciencia, e moito menos agora que, desde a XV Asemblea Nacional, celebrada na Coruña o 28 de febreiro de 2016, a organización serenou e colleu pulo. Como se dixo naquela data de hai dous anos, “As alianzas de IU, Podemos e Anova son lexítimas e respectábeis”, mais “encarnan un proxecto diferente”, mentres que a proposta do BNG ten que ser “en chave netamente galega” e, por se aínda seguían as dúbidas, Ana Pontón, acabada de elixir Portavoz Nacional, sentenciou: “Galicia non é un anexo, é unha nación e como tal ten que actuar”.

O 20 de febreiro do ano 2010 homenaxeabamos no multiusos de Arcade ao amigo e colega Lois Obelleiro no segundo cabodano do seu pasamento. Concluído o acto, achegóuseme Roberto Vilameá para me pedir que colaborase na versión dixital de Terra e Tempo que estaba a piques de iniciar a súa xeira. Os meus artigos versarían sobre cuestións culturais e terían unha periodicidade mensual, sempre nunha data fixa. Esta segunda cláusula botoume para atrás, pois unha cousa é enviar un artigo de cando en vez e outra moi distinta é comprometerse, amarrarse a unha periodicidade, como se dunha profesión se tratase. Poucos días despois viña eu só, como adoito andar, de pescar do Mar de Fóra, nome que sempre deron os mariñeiros de Pontevedra ás augas ao occidente de Ons e, xusto debaixo da ponte da autoestrada, sonou o teléfono. Escoitábase fatal, o que me obrigou a desembragar o motor, co que, mentres volvía a escoitar a petición de colaborar no novo xornal dixital, o barco, tirado pola corrente do Lérez en devalo, ía rapidamente caendo contra as pedras. A situación non daba para unha conversa sosegada, polo que unicamente acertei a dicir que moi ben, mais matizando que escribiría sobre cuestións políticas, pois de cultura xa me ocupaba en moitos outros foros.

Enviei a miña primeira colaboración na data indicada, oito de marzo antes das seis da tarde, e desde aquela a esta que remito hoxe, oito de xuño de 2018, nin un só día deixei de ser puntual no comprometido. Van alá oito anos e catro meses e, en tanto tempo, non sempre me resultou doado cumprir a encomenda por me ter cadrado o día indicado con problemas familiares, de saúde, compromisos científicos, viaxes ao estranxeiro, en fin, a vida mesma. Este artigo fai, xa que logo, o número 100 e coido que non está nada mal para quen puxo moitos reparos a comprometerse nesta andaina.

Chegado ata aquí, coido que cumprín razoablemente coa petición que se me fixo e, de feito, hai moito tempo que verifiquei que somos moi poucos os que, partindo daqueles inicios do ano 2010, nos mantivemos ata hoxe. Non me corresponde a min analizar a evolución do xornal nin a calidade das moitísimas novas incorporacións dos últimos tempos; outros tamén valoran e valorarán os meus propios artigos, escritos todos eles con absoluta liberdade por parte da Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas e, pola miña banda, co maior do respecto, mesmo lingüístico e estilístico, aos lectores. Coido que tratei boa parte dos temas que directa ou indirectamente afectan a Galicia, tentando sempre deixar patente o seu carácter nacional e empregando a Historia como recurso no que, por formación e profesión, teño unha certa seguridade. Mais nestes oito anos longos o tempo nesta nosa terra semella estar empantanado, todo é un “déjà vu”, un “volta á bola que é de millo toda”, un tocar o mesmo “máis recargado de bombo”. Boto unha ollada aos temas tratados e sinto como propio o “Penélope” de Díaz Castro: “Un paso adiante e outro atrás, Galiza / e a tea dos teus sonos non se move”. Todo está igual, semella que avanzamos un chisquiño e desandamos de súpeto, volvendo á posición de saída, como vimos na primeira parte deste artigo. Sempre estamos a vivir esperanzas frustradas, mais, como non son fatalista nin acredito en sinos inamovibles, penso que algo estamos a facer moi mal os nacionalistas.

No seu epitafio alá en Nápoles, Virxilio, aquel xenio dos hexámetros dactílicos, deixou dito: “cantei pastores, labregos e heroes”. Os pobres mortais esforzámonos para que a nosa prosa sexa intelixible e garde unha certa corrección gramatical para escribir sobre o prosaísmo cotián, mais, iso si, algúns tendo sempre de fondo, de inspiración e de interese a nosa nación, a “Galicia, nai e señora” de Cabanillas. Esta tarde volverei comprobar con Risco que “Galicia é un mundo”, mentres vaia rodando desde Pontevedra a Seoane do Courel “dos tesos cumes”, onde mañá, día 9, participarei nun seminario sobre o patrimonio cultural da zona. Lembrarei a Novoneyra e direille que, malia sermos moitos a dedicarlle sen tregua os nosos afáns, aínda non conseguimos transitar por “terras liberadas”, mais aferrámonos á certeza de facelo algún día, xa que “Non, o noso amor non pode ser inútil!”.

Xa agora, só me cómpre agradecer aos lectores que me acompañaron ao longo de tantas páxinas. Se algo do que leron lles serviu de proveito, considero que o traballo e esforzo que fixen pagou a pena. Saúde, peixe nas redes e que cante o merlo.