Nova lei da familia
Comezo a ler este anteproxecto e xa me atopo na primeira páxina o ideario real desta nova lei: "A evolución histórica e a complexidade progresiva da organización social, levaron a unha crise o modelo tradicional de familia, habendo sectores da poboación que optan por fórmulas de convivencia que pretenden diferenciarse do modelo familiar. Como consecuencia destes factores, hoxe preséntase un panorama que dista moito de ofrecer a homoxeneidade do modelo tradicional de familia, polo que a pretensión de constituír unha sociedade de benestar obriga aos poderes públicos a apoiar tanto a familia como aos grupos de convivencia que se constitúen con certa analoxía a esta institución." Segundo o PP o modelo tradicional de familia esta en crise, pero que modelo de familia a que lle mandan predicar dende os púlpitos ou a que eles realmente viven?
Porque segundo eles ese modelo tradicional debería estar constituído por un pai, unha nai, uns fillos exemplares e uns avós paseando os netos polo parque veciñal e por suposto todo isto coa bendición da Santísima Trinidad e como Deus manda. Todo o que escape deste modelo xa vivimos fora do modelo familiar tradicional e constituímos certa analoxía a ese modelo.
E para remedialo nada mellor que facer un anteproxecto para salvar a todos aqueles que se atopan fora dese modelo e así poder predicar aos catro ventos que xa somos un país moderno porque van apoiar e dar solución a todos eses problemas que dificultan a constitución de novas familias.
Que despois de 30 anos de democracia e de acadar dereitos como a lei de divorcio, o rexistro de parellas de feito, a igualdade de dereitos para matrimonios homosexuais, a lei do aborto, a lei da dependencia,... agora resulta que a sociedade que non sexa tradicional atopase en perigo e con dificultades para gozar como familia.
Sen embargo resulta curioso que quen nos falan de modelos tradicionais son os mesmos que permiten que cos impostos dos galegos se manteñan concubinas na residencia de Monte Pío, que unha deputada popular cando lle preguntan nunha entrevista cal é o seu mellor momento do día responda: "Por las mañanas cuando veo como visten a mis hijos" ou mesmo que se sigan facendo viaxes a Portugal ou Londres para abortar no anonimato e logo se planean matrimonios case por conveniencia e perpetuar a estirpe do apelido paternal. Van aplicar por lei aquilo de "fai o que che mando e como Deus manda e non o que eu fago" non vaia ser que a empresa do chamado sucesor de Pedro, O Pescador, con sede no Vaticano, deixe de apoiar e subvencionar as políticas populares do PP e non salga a rúa en plena campaña electoral e perdan esa cota de votos das familias modelos.
Pero non contentos xa con catalogar os que están fora do seu modelo tradicional tamén queren protexer "as mulleres xestantes xa que son un instrumento importante de fomento da natalidade", para xustificar que cos impostos dos galegos se van a adicar a pagar campañas antiaborto tal e como se redacta no capitulo 32 da lei: "a) Promovendo campañas de sensibilización destinadas á concienciación social da importancia da maternidade, ao fomento da natalidade e á protección do dereito á vida en formación." E de paso criminalizar as mulleres que deciden abortar e seguir cos preceptos que lles ordenan dende a Santa Sede e o manda máis na escuridade Rouco Varela.
E tamén cos nosos impostos pretenden "d) Promover a acollida e a adopción como alternativa para que a muller xestante poida continuar co seu embarazo". Volvemos décadas atrás, promoven parir e de paso xa teñen unha lista de espera para adoptar. Por desgraza hoxe en día fan falta máis familias de acollida para moitos nenos que son abandonados ou que se atopan en custodia xudicial e van os gobernantes da Xunta e queren promover os nacementos para adopcións ou acollidas.
Haberá que empezar a recordarlles que as mulleres hai moito tempo que deixamos de ser instrumentos que NOS PARIMOS, NOS DECIDIMOS, e sobre todo que non se trata de traer nenos ao mundo sen mais, senón de parilos concienciadas, de que os queremos criar, e crialos no modelo que nos decidamos, as galegas non somos úteros andantes que hai que identificar ao igual que as reses cando van o matadoiro tan so polo simple feito de poder parir.
Que empecen por dotar de partida orzamentaria a lei de dependencia que esta en vigor e que tanta falta fai e se deixen de investir cartos públicos en campañas absurdas que vivimos nun estado laico e quen queira predicar as súas teorías que o faga a costa do seu patrimonio pero non a costa de todos os galegos mentres se recorten dereitos e a esas mesmas mulleres que agora hai que protexer as que están vapulando con atrasos nas prestacións da lei da dependencia e tendo que facer paros laborais para poder atender os maiores xa que as prazas de centros de días e de residencias son escasas.