Notas de campo para ler sentenzas constitucionais

Notas de campo para ler sentenzas constitucionais

Nestes días tan marcados por ese anestésico social que é o fútbol, a recente sentencia constitucional sobre o Estatut catalán ven a se constituír nunha especie de válvula de escape para que os que non somos futboleiros teñamos algo do que falar. Despois de semellante parto con dor, poren, pareceume oportuno deixar pasar uns días até sentarme diante do computador para teclear algunhas ideas. Cando se trata de asuntos polémicos, por propio dereito ou por creación artificial, convén deixar que se expresen primeiro os que, cos coitelos aguzados e apenas agochados, levaban tempo esperando á matanza do porco.

E a espera, dende un punto de vista simplesmente dialéctico, valeu a pena. Había tempo que non lía semellante sarta de argumentos simplistas. Por resumir, as dúas posturas confrontadas verbo da sentencia xiran arredor de valorala a peso, coma se tratase de vender un xato nunha feira, ou de salientar a forza cualitativa da resolución centrándose case exclusivamente nesa consideración do termo nación coma unha licenza poética.

Non é casual tanta trapallada. Sen nos remontar ó marcado carácter esperpéntico da transición española, levamos máis dunha década padecendo a confusión intencionada e electoralista da Constitución coas sagradas escrituras, coma se unha lei, a estas alturas da historia da humanidade, fose verdade revelada, desa que hai que crer porque si. Unha constitución, na tradición liberal máis ortodoxa, plasma nin máis nin menos que un acordo verbo do fundamental, un pacto social sobre os aspectos da organización social nos que a cidadanía concorda, necesario para que exista unha verdadeira democracia, nos termos que expresara a principios do século pasado Sir Arthur Balfour, primeiro ministro inglés entre 1902 e 1905. E un pacto, por certo, que lóxicamente ten vocación de permanencia, de durabilidade, pero que nin é nin pode ser inmutábel.

No caso do Estado español, ademáis, resulta ser unha simplificación tratar temas constitucionáis coa única referencia do texto da Constitución de 1978. Iso acaso sexa admisíbel na barra de un bar, mais non o parece en calquera medio de comunicación que pretenda sacar peito creando opinión en base a plantexamentos serios. O propio Tribunal Constitucional, que Deus o teña na gloria, ten falado a partires da súa sentenza 10/1982 do bloque da constitucionalidade, integrado pola Constitución e polos Estatutos de Autonomía, unha e outros en tanto definidores en conxunto do marco competencial vixente no Estado español. Un Estatuto, pois, non é unha ocorrencia de catro matados con veleidades nacionalistas, nin unha declaración de guerra de secesión, senón a plasmación do acordo fundamental, expresado libre e universalmente pola cidadanía, que se integra a nivel de norma básica de convivencia nese bloque de constitucionalidade. Claro que as porcentaxes que serviron no seu momento para que os vascos refrendasen a Constitución non valen agora para que os cataláns aproben o seu Estatut. Pero iso xa é outro conto. Segunda reflexión, pois: os voceiros do fatalismo deberían ampliar o seu abano de lecturas cara a interpretar correctamente a realidade.

Con todo, máis aló destas consideracións xerais, no fondo do asunto late a idea-forza do rexeitamento a unha suposta interpretación nacionalista da Constitución. Esta tese é defendida abertamente, por exemplo, na obra Nacionalidades históricas y regiones sin historia, do coñecido articulista Blanco Valdés. Afirma Blanco no limiar do libro que "cuanto más se ha descentralizado nuestro Estado, más insatisfechos -y más intransigentes- se han mostrado aquellos que han terminado por ser los beneficiarios principales de esta descentralización: los nacionalismos periféricos". Os nacionalistas, para Blanco, son os que crean o problema e os que ofertan a solución ó mesmo, se ben a verdadeira solución, segundo este autor, pasa por restablecer «el prestigio del proyecto estatal y la aceptación de la comunidad cultural-histórica española».

Con máis ou menos fortuna argumentativa, a tese de partida é sempre a mesma: o proceso de descentralización do Estado a partires do Título oitavo do texto constitucional foise das mans, tendo como resultado un modelo territorial simétrico salvo os feitos diferenciais -o cal, por certo, ven sendo un modelo asimétrico, do mesmo xeito que un fraco que engorda deixa de ser fraco-. Como resulta que isto acabou sendo un Estado federal, agora non se pode pretender que se converta en confederal. Pero ben seguro que se o proceso postconstitucional tivese derivado nun modelo confederal puro, de integración de nacións nun estado plurinacional, non habería problema en defender que trocásemos a pelaxe por unha federal. Cabe entender, pois, que o problema non é a Constitución, nin os Estatutos, senón outra lei moito máis común que é a do funil. Ancha es Castilla, estreito o resto.

Non vexo eu moitas diferencias entre esa suposta comunidade cultural-histórica española e aquelo de España como unidade de destino no universal. O problema non é o Estatut, nin o defunto Tribunal Constitucional, nin a controvertida sentencia. Trátase máis ben, e confeso que nese lugar se situa o límite do meu entendemento, de que na busca de novos nichos no mercado das ideas se chegue a negar a lexitimidade institucional ou mesmo a tentar desviar os camiños que a propia sociedade vai trazando en cada momento histórico. O que resulta paradoxal, cando non unha verdadeira perversidade, é que dende as posicións expostas se tente estereotipar ós nacionalistas como o problema. Non é fácil imaxinar dende unha perspectiva social irresponsabilidades semellantes a patrocinar movementos involutivos consistentes en negar a esencia mesma da democracia, que é a capacidade de decidir. Precisamente por iso, e independentemente de que entremos a valorar o contido concreto da sentencia do Estatut, pensou que cómpre deterse nas causas remotas da polémica, xa que como é sabido, convén ter clariño de ónde vimos para saber cara ónde imos.