Nós temos moita razón, eles moita propaganda

Nós temos moita razón, eles moita propaganda

O éxito dos españois en Galiza foi convencer a xente de que non sirve de nada ter razón nin dereitos si o poder non che os da. O éxito foi poñernos a odiar ao próximo en vez de querernos a NÓS mesmos.

Si o esforzo que pon España en negarnos os dereitos as nacións do Estado, entre outros, aos galegos/as, o puxera en defender os do Estado fronte ao exterior poderíamos ter unha República Federal ou confederal e non unha monarquía bipolar, bicéfala e bananeira. Como reza o vello dito popular: “Meu pai pégame a min e eu pégolle as vacas”. ¿Porqué ten tanto interese a nosa querida nai España en que sigamos no fogar as chamadas nacionalidades históricas si resulta que non lle damos mais que gastos e desgustos? ¿Non somos uns bos fillos si nos imos emancipando e vivindo pola nosa conta? ¿Non foi a aboa Europa a que fixo a bombazos as partillas na Antiga Iugoeslavia para que poidan vivir mellor e en “democracia”?

Fai poucos días o Sr. Español que preside a Xunta dicíalle a algúns, que semellaba andaban algo desorientados (como mareados) “benvidos a España!”, “ Descansade no colo da vosa naiciña; non sei si vos darei aleitado a todos porque anda mal o do leite e a aboa de Europa puxo a outros a mamar nas tetas de adiante, e non sabemos moi ben porqué a algúns sempre nos tocou mamar na rolla de atrás. Pero o papá Rajoi comeravos a bicos, está moi orgulloso de vos, sodes uns fillos modelo, sempre lle obedecedes, sen protestar, nunca preguntades porque tedes que sacrificarvos, agardades a que mamen todos e logo pedides permiso para todo. Perdoades que eu vos advirta que tendes que aceptar un gran acordo do leite e que si non o facedes bos arrepentiredes e agora que foi papel mollado me ría de vos dicindo que “la culpa fué del cha, cha, cha...” Aturades que a miña graciosa conselleira vaia onde a nosa graciosísima ministra e diga que o leite mellorou o prezo en seis céntimos cando sigue igual, ou que a graciosísima fale de quitarlle a tarxeta roxa a quen non cumpra....(en español tarxeta pode significar: “TER XETA”) E a graciosa miña mandada di que a culpa de que non reciba ao sector lácteo e que non sabe a quen chamar.... Si todos foran como vos esta corte española sería un remanso de paz. Non parecería Israel e Palestina como pasa cos Catalás, parecería o Portal de Belén. Os gandeiros non andarían a escornar cos tractores polos portais e soportais de Compostela, pousaríanos ao pe da muralla e daríanlle alento e calor a tódolos arcos como a vaca e a mula, e sairían cantos anxelicais da Xunta que dirían ¡Caeunos unha Conselleira do ceo e vainos traer a paz a todo o rural galego!” ¡ Que boa Conselleira é, o malo é que ten un xenio que non lle deixa facer nada! En canto nos arrole un pouquiño no seu colo xa non haberá endexamais discriminacións, nin desigualdades, nin nacións, nin nacionalidades, nin partidos, nin sindicatos, nin ideoloxías, nin protestas. Incluso a vaca deixará de muar para que non lle pase como a mula que falou cando non debía e castigouna deus a quedar muda para sempre. A marca MU de Alimentos Lácteos non sairá ao mercado, porque si múas cáeche a maldición divina.

Galiza xa non será nosa nai rural porque seremos todos urbanos e xa non falaremos con linguaxes primitivos, falaremos inglés electrónico supersónico vía satélite....”

E NÓS teremos que ir porta a porta por tódolos portais berrando: “Espertade do voso soño e da vosa debilidade, danouvos a fame de tanto mamar na rolla de atrás. Xa non sabedes nin quen sodes nin de onde vides, non sodes ricos nin o ides a ser, non sodes españois nin vos vai servir para nada, non ides ter ceos nin paraísos polo mundo adiante, estades no portal de sempre, coas mesmas vacas ou con menos, cos mesmos peixes ou con menos, coas mesmas mulas ou con mais, e metidos no mesmo belén” -“ Que non, que o belén está cheo de luces de cores, é internacional, é mundial, somos cidadáns do mundo e imos ser so cidadáns, ser consumidores, ser electrónicos, ser robóticos, ser emprendedores, ser arriscados, tentar a sorte, a lotaría, a rolda portuguesa, ser empresarios, ser competitivos, ser os mais competitivos, ser agresivos, ser violentos si fai falla, ser occidentais, pechar tódalas fronteiras con gardas como en París....”.

- Esperta Pepe, esperta, pilláchela gorda, estás debaixo da Torre Eifel, hai unha xeada do demo, rematas de construír unha nación pequena aquí mesmo en París e pechada co armas, e na que estás aterrorizado, ti non das soportado a emigración. Dentro duns días tes que volver a xunto dos teus aos Ancares, xa nos coñeces, somos NÓS, que tamén chegamos contigo correndo a mesma sorte. Eses xendarmes que tanto nos impresionan están a dicir que lle sobramos os emigrantes, que todo o catecismo que nos contan nas pantallas do mercado libre, de democracia, da liberdade, de ser ricos e de cidadáns do mundo é un crime cerebral para converternos en vermes. Recorda o refrán da aboa: “quen non me pariu non é miña nai”. Non se refería a nada físico, xa sabes, temos que amañar o noso portal, alí hai moita vida, xa é hora de que NÓS recoñezamos a nosa nai, e de que NÓS nos recoñezamos a NÓS mesmos.

Xa é moito hora de que deixemos de matar o xenio contra os roxos, contra os vascos, contra os cataláns, contra os políticos... Non perdamos o tempo ladrando porque nos encirran, atendamos NÓS ao noso prato que nolo están papando....


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.