Non son “demasiado galega”, son galega

Non son “demasiado galega”, son galega

No ano 36 era fusilado Bóveda polos seus ideais, por ser galeguista baixo a acusación de traizón, foi un 17 de agosto, sabendo cal ía ser a sentencia a morte só pide ser enterrado coa bandeira galega manifestando o seguinte: "A miña patria natural é Galiza. Ámoa fervorosamente, xamais a traizoaría, inda que me concedesen séculos de vida. Adóroa mais aló da miña propia morte. Se o tribunal entende que polo amor entrañable debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio mais por ela. Fixen canto puiden por Galiza e máis faría si puidera. Se non podo ata me gustaría morrer pola miña patria Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado se o tribunal xulga que debo selo".

Por iso cada 17 de agosto é o día de Galiza Mártir, pero seguro que a un certo sector da sociedade política galega se lle preguntamos o porque deste día sairán con algunha escusa ou mesmo inventando un motivo porque para eles defender a cultura galega é estar "ensimesmado" ou ben ser "demasiado galego" pero o que me avergoñaría seria ser unha concelleira de cultura ou conselleiro de cultura e desprezar o galego e cobrar un soldo por algo no que non creo pero cando hai que conservar a estatúa dun militar para iso si sabemos usar a historia de Galiza e os seus persoeiros.

Agora seica as festas de Coruña eran demasiado galegas: xa me gustaría vela na feira de abril dicíndolle os sevillanos que a feira é demasiado andaluza, pero cando se vive pensando que o foráneo é mellor que podemos esperar? Pois nadiña, e a este paso acabaremos por escoitar que Almanzor no 997 roubou as campás de Compostela porque as badaladas se daban a ritmo de muiñeira e non por flamenco.

Parece que volvo a miña infancia cando os cativos falabamos todos galegos no lugar e ao entrar na escola empezaron a ensinarnos a falar en castelán para facernos persoas de proveito, fomentando a idea de que o galego era de xente da aldea e de brutos. Por sorte moitos de nos seguimos mantendo o galego no noso ámbito familiar e social e lembramos moitas festas e romarías populares con música galega ou as reunións de amigos o redor dunha mesa cantando o Pousa, pousa ou Catro vellos mariñeiros.

Dicirlle a esa señora que moitos dos que nos visitan queren coñecer a Galiza, a súa cultura, a súa sociedade porque se quixeran escoitar unha sevillana iríanse a Sevilla ou unha Sardana a Cataluña. A cultura galega é un sector produtivo moi importante no noso país que debemos coidar e promocionar. E que mellor que a través das nosas festas que para iso somos coñecidos como o país das mil festas, un sector que crea emprego e que o que xera se inviste en Galiza e tributa en Galiza.

,O que non se pode permitir a un cargo público galego, que inda por riba cobra dos impostos dos galegos, desprezar dese xeito a cultura, o idioma, os galegos e a Galiza. E si non esta contenta con ser galega pois xa sabe o que ten que facer: ir dirixir a cultura de Castela a Mancha que seguro que alí non diría que é demasiado española, mais estaría feliz.

Porque señora vostede acaba de ser coñecida polo desprezo a súa cultura porque ata o de agora non se lle coñecía ningunha outra valía e agora resulta que quere facer uns actos nun idioma que entenda todo o mundo, pois non sei como farán os xaponeses que visitan as festas de María Pita ou os beneficiarios das becas Erasmus que chegan ao campus coruñés e son de Holanda ou Estonia? Porque pola súa teoría terían que por tradutores, facelas en inglés ou en esperanto, pero cando o cargo lle queda grande a un e mellor marchar.

E logo presúmese de ser europeo e esquece que na Carta Europea de lingua minoritarias, o artigo 21, di que estas linguas son expresión de riqueza cultural; e hai que fomentar a súa promoción.

Pero como están tan preocupados de que a humanidade se entenda e vaian de vacacións a Reino Unido e lle falen en gaélico lle pedira que lle falen en español.

Por desgraza aptitudes como estámolas atopando a miúdo e cada vez son máis frecuentes, xa intentaron que a "Carolina el lagarto le moviese el rabo" e que os pinos rumorosos soaran a ritmo de palmas flamencas e o remataran por pedirnos que a rianxeira se calce porque en Galiza xa non temos ondiñas senón un mar calmo como no Mediterráneo e se queremos ver un carballo mellor visitar os érbedos do Retiro, porque hai que ser moderno.

Pois eu négome a españolizar o noso, quero seguir indo ás romarías, quero seguir cantando nunha foliada, quero xantar unha cunca de caldo e lacón con grelos, quero berberechos de Noia ou centolas do Grove, quero que chova miudiño e sobre todo vou seguir sendo galega, nacín galega e morrerei galega, sinxelamente galega.