Non somos laicos

Os europeos non somos laicos. A inmensa maioría defendemos con fe, e as veces con fanatismo, o que os poderes dominantes queren que defendamos, e fannos mudar de crenza en moi pouco tempo.
Case que non pensamos, consumimos as ideas e mensaxes que o poder pon de moda. “Pensar” pénsase que é “filosofar”, perder o tempo.
Si a ideoloxía dominante é como di Noam Chomsky a relixión do Estado podemos ollar as doutrinas básicas que dominan a comunicación na esfera política no espazo europeo no que vai do século XXI e veremos canta fe fai falla para poder crer que os que dominan e gobernan nestes territorios están defendendo a democracia, os dereitos humanos, a dignidade das persoas, a participación equitativa e xustan traballo e na distribución da riqueza….
Millóns de pobres, millóns de miserables e explotados/as…. Consorcios transnacionais, moitos europeos, explotando e arruinando pobos enteiros con conflitos e guerras, lanzando aos seus habitantes a morrer de fame, debaixo das bombas ou afogados no mar.
Pero como en toda relixión os males son froito de pecados que cometen os pobos e os salvadores actúan para protexelos do “terrorismo” internacional. Non pensedes en que consiste e quen provoca o “terrorismo”, iso xa o marca a propia relixión de Estado.
E que dicir da crise, froito doutro pecado de soberbia : Os pobres quixeron ser como os ricos, quixeron vivir por enriba das súas posibilidades e o deus mercado que todo o sabe, condenounos os infernos da recesión.
E como en toda relixión se precisa orientar o desasosego e o enfado da xente polas desgrazas que está a sufrir, sobre todo cando a razón ou a ciencia fan ver que hai uns culpables de carne e oso, compre prescindir da razón e volver a metafísica ó irracional e ó relixioso, e desatar os peores sentimentos individuais e colectivos, tal como están a facer en Ucraína ou antes fixeron na Federación Iugoslava.
Cando a xente pensa so quedan dous camiños, indicarlles contra quen teñen que ir (normalmente contra os seus propios intereses) os partidos, os sindicatos, as autonomías, os parlamentos, as asociacións, e contra as actividades destes entes (debates, protestas, xuntanzas, vida cultural…); ou queda unha segunda vía: facerlles ver que o poder e seu sistema de mercado e de opresión son invencibles e que o único posibel e adaptarnos e someternos a el. Ou sexa: Morrer a miñoca.
Non son os únicos xeitos de ter entretida a poboación para que renuncie a buscar as causas reais dos fenómenos sociais que a preocupan. Hai ídolos cos que consolar os espírito inquedo, moitas formas de manter a conciencia allea a realidade. Milleiros de pantallas lanzan millóns de imaxes adoutrinándote coa relixión do estado e fante inter-actuar para que penses que es libre e que estas influíndo na opinión pública. En realidade, cando pasan a súa aviación pouco máis podemos facer que tirarnos corpo a terra.
Pero cando os deuses e os ídolos da relixión da Europa liberal castigan tanto a os seus fieis comezan a aparecer moitas dúbidas e nin cos demos do separatismo, do terrorismo, do soberanismo nin coas pragas da crise do paro, da corrupción ou cos esconxuros dos recortes, das privatizacións ou rescate da BANCA se da termado da fe no sistema capitalista, vaise e empurrase a xente a que renuncie a crer e que se esqueza de calquera tipo de fe ou principio e práctica social. Que pase de todo e lle deixe as forzas invisibles do mercado facer o que queira. Que prescinda de solucións prácticas coma humanas e colectivas e por suposto transformadoras ou revolucionarias. Que non se lle ocorra pensar nin organizarse; esas son prácticas pecaminosas do pasado.
O mellor son as solucións máxicas, místicas ou modernas. Precísanse novos ídolos, novos símbolos, e novos ritos; é so cuestión de moda, cuestión de formas; algo así como o que fixo a igrexa católica cando o papa Xoán XXIII lles mandaba mudar a súa posición de apoio os ricos para apoiar os probes. Reviraron a ARA SAGRADA DO SAGRADO SACRIFICIO para o público e traduciron o latín a os idiomas dos poderes económicos civís.
Na Galiza o Español.
Sen eu pretendelo estiven nun debate no que se converteu un xantar de antigos compañeiros de bacharelato a semana seguinte as eleccións municipais, e puiden chegar a varias conclusións:
- A xente moi relacionada cos medios de comunicación ou coa rede non é normalmente a que máis se decata da política. Toma coma verdades rigurosas moitas mensaxes relixiosas.
- Ollase moi pouco ou case nada a realidade inmediata e en concreto a galega. Os medios levante a Madrid relixiosamente. Somos máis colonia que nunca.
- Moita xente demoniza canto lle poñen diante e adora irracionalmente calquera fetiche prefírese, incluso para política o novidoso e o descoñecido, equivale a nova moda.
- O máis importante na vida, tamén na política e ser triunfador/a o porque e o para que pasa a segundo plano.
- A linguaxe política actual esta chea de conceptos abstractos e contraditorios: Precísanse, din, políticas modernas, con outro xeito de goberno: Políticas novas, transparentes, abertas, ilusionantes, imaxinativas, sen partidos políticos, sen ideoloxías, adelgazando a administración, reducindo o gasto público, sen falar de ingresos, nin de cotizacións. Fundamentalmente políticas baseadas nas formas e nos xestos.
En definitiva: unha nova esquerda que é dereita, un novo estilo de políticas progresistas que nos permitan facer o camiño que xa fixo Don Felipe Gonzalez Marquez dende Surennes. O tempo fai sedimentar os camiños e os proxectos.
¡Ou gran Felipe
Todos os imperios te aclaman,
Canto espírito de morte levas dentro!
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.