Non só o pan

Desde hai xa anos vense falando e debatendo, sobre todo nesas tertulias soporíferas das radios e nalgún caso, da televisión, da situación económica da nosa nación como se este fose o único, exclusivo mal que nos tortura. Houbo, tamén desde o primeiro momento en que os problemas profundos comezaron a aboiar, un interese planificado en que se situase o conflito como crise dun momento, como lóxico suceso dun sistema (o capitalista) que para renovarse ten que pasar tamén por momentos complicados. Coidáronse moito en atallar posturas que entrasen na dinámica de expoñer con claridade que a crise era o resultado do estoupido dun sistema político esgotado, voraz e sometido totalmente aos intereses do chamado grande capital, concentrado xa en tan poucas mans que rematou por negar radicalmente o reparto da riqueza.
A segunda parte consistiu en introducir a idea de que fóra do propio sistema era imposíbel buscar alternativas, posición abandeirada dun xeito radical coa lóxica capitalista por ese partido que goberna na nación e no estado ao paso marcial joseantoniano cun escaparate ben planificado da vella sección feminina española. Esas mulleres de mantilla española e hábitos monxís, radicais como nunca nas ideas que rozan o fascismo e suaves nas formas tan ensaiadas, e ao servizo do clásico galego recastado que manda en Madrid, son hoxe o dique contra o feminismo liberador de tan valente e prometedora historia.
Impuxéronse eses criterios en tertulias e conversas que até os e as máis firmes defensores dun sistema oposto, liberador e comprometido, e guiado polos propios pobos das nacións europeas, caeron doadamente na trampa, levando, en xeral, o debate estritamente polo camiño da economía que nos mata e afoga. Insistentemente os temas non saíron de aí, e non se introduciu a problemática sobre os ideais, unión, forza, conciencia e superación como alternativa a calquera forma de explotación dunha minoría contra unha maioría social poderosa. Ah, a utopía que tanto nos movía como espazo liberador, hoxe encarcerada por tirios e troianos nos lindeiros mecánicos da lóxica capitalista fría e asoballante.
Así, desapareceron e debilitáronse eses outros aspectos que ían caendo cada día ao paso das raras matemáticas inventadas pola banca, os e as defensoras dela nos distintos gobernos, e as firmes portavocías ditatoriais en que se converteron os medios de comunicación chamados tristemente democráticos. Eses outros aspectos que a educación actual, consciente ou inconscientemente, ten como causa sen apenas importancia: a comunicación entre as persoas, a solidariedade, o idioma a usar e respectar, a seguridade para non morrer por falta de axuda sanitaria ou o dereito sagrado a chegar a un coñecemento das cousas e da vida e das persoas, liberador. O amor, en fin, por todo o que nos rodea: xente, nación e lingua.
Si, hoxe nada ten importancia fóra da gobernación estritamente económica da riqueza roubada por quen están a mandar e polos que se apoderaron das huchas. Non ten importancia iso que habitualmente non se conta: fulaniño que toleou, outro tentado polo suicidio, a emigración renovada baixo a hipócrita inxección da formación, a muller desesperada por ter de novo os fillos na casa sen espazo nen alegría, as caras alongadas e serias e as novas e difíceis relacións entre as persoas, a submisión a quen manda aínda que sexa mudando idioma e dignidade, o silencio de quen antes compartía conversa sobre nación e cultura ou lecer ou dereitos, a cultura da identidade, o dereito a ser un mesmo como persoa e como individuo pertencente a unha colectividade, a indiferenza ante o roubo e os milleiros de asasinatos que os presidentes dos países da OTAN seguen a cometer en Oriente, hoxe tristemente representado por Siria. O nazismo tan cacarexado nas películas actuais como horror, estase a practicar hoxe polos da OTAN ante o silencio e covardía de occidente (nosa, de todos e todas).
Temas, problemas secundarios, sen decatarse que van unidos a ese, evidentemente, grande conflito da necesidade de pan. Mais que é o pan sen a palabra; que é o pan sen a conciencia de ser e de existir; que é o pan sen o amor e entusiasmo polos outros e outras, polos demais.
,Eleccións o próximo 21 de outubro. Un futuro para 4 anos. É así? É así nunha situación social no que o que dominan son a confusión e o medo? Saberemos distinguir ou contestar a esa outra situación das alternativas e ver o que representa cada opción? Unha que domina todos os medios de comunicación, que se apoderou do poder para beneficio exclusivo e condena dos demais, que é a causante principal deste martirio colectivo; outra que se subiu hai anos ao carro europeo do conservadurismo económico e que neste campo non ten programa diferente á primeira; outra (debilitada por liortas desde hai anos protagonizadas por uns que, contraditoriamente, hoxe van cos de España, renunciando ao principio fundamental nacionalista de autoorganización), mais que si pode ser esperanza, esperanza porque simplemente é daquí, nosa, solidaria, antiimperialista e batalla sen respiro; e ese resto de moito número e maior españolismo... Cal delas elixes? Cal é a túa? E por que?
Non é doado espallar a esperanza ante este panorama. Concentradas as armas da comunicación no bipartidismo negador da pluralidade, o traballo faise desigual, pesado e difícil na bandeira da rebeldía. Mais, haino, existe, aínda cos seus erros, que non son poucos e hai que corrixir con urxencia, e iso, hoxe por hoxe, será a única garantía de sermos e humanizarnos.