Non se meta vostede en política

Non se meta vostede en política

No dia de onte martes 8 de novembro 2011 vimos de celebrar un pleno extraordinario monografico do Concello de Allariz para abordar os recortes que a Xunta de Galiza efectuou nas subvencións aos concellos galegos para a prestación dos servizos básicos do plan concertado de servizos sociais. Diante dos numerosos veciños e veciñas que asistian ao pleno abarrotando o salón de sesións, o portavoz do PP Sr Miranda, iniciou a súa intervención denunciando que se estaba a facer política coa celebración do pleno.

Para o PP facer política segue sendo unha especie de actividade molesta, insalubre, nociva ou perigosa. Chama a atención ademais que esta expresión tan empregada no franquismo -no se meta usted en política- sexa utilizada por un cargo público -portavoz do PP, deputado no Parlamento Galego, portavoz municipal do PP en Allariz que se adica profesionalmente a esa tarefa- a facer política. Esta advertencia do Sr. Miranda e a súa preocupación porque no pleno da corporación municipal de Allariz se fixera política -so faltaría que en vez de facer política xogaramos ao tute ou a brisca- respondia a evidencia de que a Xunta de Galiza do Sr. Feijoo ven de reducir en porcentaxes próximas ao 70% os fondos destinados a prestación dos servizos sociais municipais do plan concertado e resulta dificil poder explicarlle esta política de recortes aos veciños, usuarios e traballadores destes servizos básicos presentes no salón de sesións.

Dificil de explicar porque ademais estamos a falar de servizos de primeira necesidade. Servizos para que as persoas maiores por exemplo poidan permanecer, mentras teñan autonomia persoal, residindo na súa propia vivenda, no seu entorno familiar e de veciñanza. Servizos coma a axuda no fogar que atende un promedio de 50 unidades familiares coa contratación de 8 traballadoras, a comida a domicilio que atende con xantar elaborado diariamente e con menus axeitados a un promedio de 70 unidades familiares, outros programas de dinamización con cursos e actividades específicas para darlle vida aos anos, programas de igualdade ou servizos complementarios de educación coma aula de espera, transporte ou comedor.

,Dificil de explicar que o Concello de Allariz asuma nestes gastos sociais con cargo ao seu orzamento un custe de mais de 526.000 euros e a aportación da Xunta de Galiza se limite neste 2011 a 49.891 euros reducindo un 100% as axudas en xestión de programas, un 69% as subvencións na prestación básica de axuda no fogar e un 43% as axudas na atención a dependentes. En total de 75.895 € no 2010 pasamos a unha subvención de 49.891 no 2011 cunha redución de 26.004 €.

Sen dubida nada mellor que estes exemplos para pór ao descuberto a verdadeira política, non de austeridade nin de aforro, nin de redución de débeda pública, senon de RECORTES SOCIAIS BASICOS que a Xunta de Galiza de Feijoo está a practicar e o PP con Mariano Rajoy pensa incrementar.

Quedámonos cunha argumentación utilizada polo portavoz municipal do PP para sair do paso, dixo que aínda non acabara o ano e que na Xunta de Galiza estaban estudando como facer unha segunda entrega de fondos aos concellos. O descontento xerado por estas medidas, as reclamacións efectuadas, as mocións aprobadas, as denuncias dos recortes formuladas polo BNG poñen de manifesto que con rectificación da Xunta de Galiza ou sen ela FACER POLITICA AO SERVIZO DO POBO PAGA A PENA e será posibel frear moitos dos recortes sociais que pretenden aplicar.