Non saen as contas


Tense xa analisado que o noso sistema eleitoral ten abondas carencias democráticas, como son a asignación de escanos mediante un sistema maioritario (D´Hondt), a barreira do 5% de votos mínimo para que unha lista acade representación ou o reparto desigual de número de representantes por provincias. A carretaxe de eleitores, as deficiencias nos censos e o sistema de voto no estranxeiro, a presión exercida o propio día das eleccións incluso dentro dos colexios eleitorais, entre outras, son tamén eivas que lastran o fondo e a forma en que se pode exercer o voto libre e secreto. Sábese que influíndo ou modificando certos aspectos formais da “técnica” eleitoral se pode cambiar o resultado da vontade popular expresada nas urnas. Así, o sistema eleitoral galego beneficia aos partidos maioritarios na procura de estabelecer un bipartidismo que non existe na sociedade, moito máis plural e na que o nacionalismo ten unha presenza máis ca significativa.

Mais atopámonos agora con que o PP quere reformar este sistema eleitoral pero non nun sentido máis xusto e democrático, senón todo o contrario, en beneficio propio. Semella claro que as durísimas medidas dos gobernos do PP encamiñadas a que as maiorías sociais fiquen cada vez máis desprotexidas e empobrecidas para alimentar o capital financeiro, está a atopar enfronte mobilizacións multitudinarias e unha oposición maior cada día. A dirección dese partido ten detectado e cuantificado o desgaste que isto lle está a supoñer, sexa mediante enquisas internas ou pulsando o ambiente social. E as contas non lles saen. Non ven que se poida manter nas vindeiras eleccións galegas a maioría absoluta mantida precariamente até agora. Por iso preparan un pucheirazo, mediante o troco para peor de certas normas eleitorais. E pretenden facelo en solitario, custe o que custar, para manter -mudando as regras de xogo- unha maioría absoluta que se lles escapa.

A intención do PP é avanzar no bipartidismo e eliminar unha opción como a do BNG que é a verdadeira antítese das políticas que propugnan e a única oposición real ás mesmas. A redución de escanos na cámara galega e a súa maior desproporcionalidade en función da provincia de que se trate é un atentado á democracia e deixa ver o pouco que confían en ter o apoio maioritario de galegas e galegos. Vexamos os números que fai o PP.

,Nas últimas eleccións galegas de 2009, o PP obtivo menos votos que BNG e PSOE xuntos, pero grazas á Lei D´Hondt asegurou un escano máis ca estes e acadou a maioría absoluta, claro exemplo de que a técnica eleitorial inflúe e modifica nun sentido ou noutro a vontade cidadá. Coa mesma distribución de voto que daquela, pero de se ter aplicado un sistema proporcional e cunha circunscrición eleitoral única en toda Galiza, o PP perdería dous deputad@s (e con isto a maioría absoluta), o PSOE perdería un e o BNG gañaría un respeito aos actuais. Pero mesmo se se aplicase o sistema D´Hondt para asignar escanos e houbese unha circunscrición única o PP non gozaría de maioría absoluta, sendo o resultado: PP 37, PSOE 25 e BNG 13. Dado que ao PP non lle saen as contas nin sequera tal e como está hoxe o sistema eleitoral é polo que promove unha reforma vantaxista e oportunista como a actual. E vai nunha dobre dirección: reducir deputad@s ao número de 61 e potenciar aínda máis o reparto ás provincias onde ten maior control político.

Hai que indicar que xa hoxe as circunscricións eleitorais de Lugo e Ourense dispoñen de 15 e 14 escanos respectivamente cando os que lle corresponderían proporcionalmente por poboación sería 10 a cada unha, sendo elexíbeis eses 9 deputad@s de diferenza –de se manter unha proporcionalidade equitativa- na Coruña e en Pontevedra, sumando estas un total de 30 e 25 deputad@s. Se en 2009 o reparto de escanos fose proporcional o PP perdería tamén a maioría absoluta cos mesmos resultados que se produciron daquela. E é que se pode dicir que un voto en Ourense ou en Lugo vale o dobre ca nas outras provincias: o BNG acadou na Coruña 105.344 votos e 4 escanos (o custo por escano foi de 26.336 votos), porén o PP en Lugo acadou 8 escanos con 109.574 votos (cun custo de 13.696 votos por escano). Esta inxustiza que interesou sempre ao PP pode verse incluso empeorada de modificarse o sistema e potenciar aínda máis ás circunscricións chamadas “do interior”, que por certo non semella que se viran beneficiadas económica nin socialmente de ter sobrerrepresentación no parlamento. Un auténtico escándalo que non sostén a mínima análise de democracia, nin sequera nos seus aspectos máis formais.

Daquela, a proposta do BNG dunha circunscrición única pon de relevo o xogo suxo do PP, pois camiña no sentido de acadar unha representación política moito máis achegada á vontade popular. Ollamos tamén así que o BNG está a acertar nas medidas que propón e que son diametralmente opostas a un Partido Popular que significa cada vez máis pobreza, máis inxustiza e menos democracia. Como se está a ollar nas mobilizacións contra os recortes e no Día da Patria, é a riqueza e variedade que se artella no BNG a única alternativa para este país. O discurso da desunión alimentado pola dereita españolista está superado. Na práctica demóstrase que só un BNG forte pode pararlle os pés ás políticas retrógadas que alimenta o PP, o auténtico problema de Galiza e que debe centrar o combate d@s nacionalist@s. E o tempo estálle dando a razón. Hai unha parte deste pobo que non se resigna e ten claro que o BNG é fundamental para enfrontar un futuro mellor para a nación. Estase a pechar o ciclo de desprestixio do nacionalismo galego: o BNG non era nin é tan malo como nolo pintaban, non facía tantas cousas mal, non está roto nin desunido como nos facían ver. A estratexia eleitoral do PP pódeselle volver na súa contra. Fagámolo posíbel.