Non nos imos, bótannos
Quen non ten algún familiar, amiga, compañeira que se tivo que marchar lonxe da súa terra á procura dun traballo, dun futuro, dunha vida digna? triste foi que tiveran que facelo os nosos avós, os nosos pais… para que agora eses avós e eses pais teñan que vivilo cos seus netos e fillos, que por desgraza vendo este panorama desolador, parece non quedar outra alternativa… grazas a un goberno, que non soubo, ou non quixo crear as condicións suficientes para que os mozos non teñamos que facela maleta forzosamente. Nunca a palabra desafiuzamento a tiven tan definida.
Na Galiza só no pasado ano, deixaron a súa terra máis de 15.000 persoas, un problema secular, acarrexando toda unha vida o drama da emigración deixando o país entristecido e envellecido. Outra sinal máis de que a integración co estado español non funciona, nunca funcionou.
Galiza, atrapada neste estado “democrático” secuestrado por uns mercados financeiros que só vela por os seus intereses e o mesmo tempo rescatado polas políticas de austeridade da U.E, cobrando a estafa bancaria que nós non propiciamos que o único para o que serviu é para hipotecar o noso benestar social, cunha reforma laboral digna do medievo máis profundo; a sanidade e a educación converténdose en produtos de luxo. Obrigando á nosa xuventude, a nosa xente máis preparada da historia a fuxir do país, máis ben a botarnos del, porque somos xente perigosa, para que non molestemos nin interrompamos a letanía adormecedora dos obedientes e fieis.
A segunda parte desta historia para os que se queden, non darlles as posibilidades de se formar e así crear pobres, ignorantes, submisos, obreiros mal pagados, estratexia perfecta para o seus retorcidos plans e así ser un país de primeira pero só na aparencia, que todo ten un prezo, e ser de primeira sae caro, aparéntalo, case de balde.
Revestilo de fermosos eufemismos como “mobilidade exterior” , “residentes ausentes” ou “mozos con espírito aventureiro…” é unha forma como outra calquera de decoralo, até semella que ten máis glamour… Todo vai sumando, trocar unhas cousas por outras e aí o tes: un país de primeira…
A veces penso, pero só para consolo meu, que a fuga de cerebros non é tan negativa xa que o realmente negativo é esta caterva de descerebrados que nos gobernan, nos teñan escravizados sen ningún futuro porvir , pagando os pratos que nós nos rompemos, para a desgraza nosa.
Esta xentalla lévannos polo camiño da destrución, e nós podemos coller o outro, o bo camiño, adoptando medidas drásticas, ser donos do noso, na nosa vida, collamos folgos para eliminar este lastre que nos ocupou toda unha historia.
Existen dúas vías: este que nos ofrecen; resistir até poder ou morder até morrer, así de dramático… pero, depende de nós. Quen non ten algún familiar, amiga, compañeira que se tivo que marchar lonxe da súa terra á procura dun traballo, dun futuro, dunha vida digna?
,