Non máis do mesmo


Hai unhas semanas foron xulgados e condenados polo cobro de comisións a promotores a cambio de incluir determinados convenios urbanísticos no PXOM dous ex-concelleiros do Partido Popular no concello de Gondomar.

Quedou demostrado neste xuízo o que pola nosa banda viñamos advertindo desde hai moito tempo: o PP, confundindo maioría absoluta con legalidade, utilizou o poder institucional para obter beneficios partidarios que investirían no intento, por activa ou por pasiva, de manterse no poder. Por "pasiva", tentando evitar a chegada do BNG ao goberno dividindo o voto, propiciando e financiando unha escisión do PSOE -os independentes de Move Gondomar cos que despois pactarían-, ou incrementando a súa propia campaña local no voto emigrante -que no concello de Gondomar ten un peso de case o 20% do censo e que en máis dunha ocasión ten sido decisivo á hora de conformar goberno-; ou, fracasado o intento anterior, por "activa", co Sr. Louzán, Presidente da Deputación de Pontevedra, mercando vontades dos tránsfugas do PSOE para levar adiante unha ilexítima moción de censura co fin de desaloxar ao BNG dun goberno municipal democraticamente elixido.

Particularidades locais aparte, esta estratexia de asalto ao poder por parte do PP repetiuse noutros moitos concellos do país. Obviamente hai moitos intereses detrás deste tipo de actuacións e estamos a un ano vista das próximas eleccións municipais. Volverán mover ficha. Porque nin os depredadores do territorio (e non só) están dispostos a que os novos gobernos municipais lles fagan perder privilexios sen intentar impedilo, nin o PP se pode permitir perder un poder do que se cre propietario.

Por un lado seguirán o camiño, iniciado xa nas pasadas municipais e intensificado nos últimos meses, de "reunificar á dereita" facendo que desaparezan (sempre que as retesías persoais llo permitan) as mal chamadas candidaturas independentes; por outro, incidirán no divide e vencerás, ben de xeito directo buscando vontades que mercar, ou ben de xeito indirecto financiando na sombra benintencionadas candidaturas de opcións políticas ás que as máis das veces non se lle coñece traballo algún (político ou social) na localidade en cuestión.

Compre que non esquezamos que se finalmente as persoas que agora ostentan o poder nalgunha desas localidades non poden repetir como candidatos/as, ben porque sexan declarados transfugas, porque acaben inhabilitados polas causas nas que están incursos, ou simplemente porque electoralmente sería impresentábel, presentarán outros nomes alleos a todos eses procesos no intento de que a corrupción acabe vinculada ás persoas e non á forza política e á ideoloxía á que representan.

Non esquezamos tampouco aos poderes mediáticos, supostos transmisores obxectivos da información que serven a quen serven, que alimentarán aínda máis ese espectáculo lamentábel que están a dar tanto o PP como o PSOE, para facer crer que todas as opcións políticas son iguais, para que non haxa cualidade diferencial cando menos nese aspecto, e contribuíndo máis ainda ao desencanto da opinión pública, sabedores de que nese terreo de xogo quen sae perdendo é a esquerda -no caso galego o nacionalismo-, xa que ante ese panorama parte da súa base electoral pasará á abstención.

Está nas nosas mans evitar que uns e outros o consigan e achegar ao electorado as claves que lle permitan colocar a cada quen no seu sitio. Pero iso non o imos lograr se teimamos tamén nós en facer da corrupción dos outros o noso mellor argumento. Iso só o lograremos se somos quen desviar o foco de atención, facendo que o enfoque estea nos problemas reais da sociedade, co traballo do día a día, actuando socialmente nas nosas respectivas localidades, achegando á cidadanía as nosas propostas, falando de política, facendo política. Porque somos a alternativa.