Non espía quen quere, senón quen pode

Non espía quen quere, senón quen pode

Hai un mes o goberno de Corea do Norte presentaba en sociedade o que sería o seu primeiro teléfono móbil smartphone. Feito en China -onde senón- este aparello utiliza o coñecido sistema operativo con licenza Open Source, Android, propiedade da empresa Google.

Os medios de comunicacións occidentais, e en concreto El País, afirmaba que con este lanzamento Pyongyang “quería poñer freo á chegada de móbiles chinos de contrabando, que permiten chamadas ao estranxeiro”; e en engadía que isto era “unha ameaza para un poder que non quere deixar ningunha fenda no seu férreo sistema de control da poboación”.

Eu non sei se Kim Jong-un espía os seus cidadáns, mais as filtracións de Snowden si deixaron claro que se hai alguén que espía, e faino a nivel global, é o goberno dos Estados Unidos, que salvo honrosas excepcións, como o goberno de Brasil, ninguén deu un chío, aceptado deste xeito un comportamento que se lle achaca a outros, como no caso de Corea do Norte, Cuba, Irán, ... é dicir, os inimigos do Imperio.

Mais non espía só Estados Unidos. En 2001, o Ministerio de Interior, dirixido naquela altura por Mariano Rajoy, contratou SITEL (Sistema Integral de Interceptación das Telecomunicacións), un sistema de espionaxe cun custe de case 10 millóns de euros, que aínda hoxe segue vixente ao servizo da Policía, a Garda Civil e o CNI. Con este aparello os distintos gobernos que se alternaron no poder desde aquela , PP e PSOE, puideron e poden interceptar calquera tipo de chamadas telefónicas, incluído tráfico de internet, que se realice con dispositivos móbiles. Vamos, toda unha tentación...!

Evidentemente, para que esteamos tranquilos, o goberno central afirma que utiliza SITEL “só” para loitar contra a delincuencia organizada, especialmente narcotráfico, e o terrorismo, e sempre baixo control xudicial, cumprindo escrupulosamente coas leis do estado de dereito; un discurso, que, por outra parte, é o que emprega Estados Unidos para xustificar a espionaxe dos seus cidadáns e de boa parte do mundo.

Pero non só espían os gobernos, as empresas, especialmente aquelas que teñen o seu negocio en internet, vixían con celo os nosos hábitos de navegación e de consumo na rede para ofrecernos produtos e servizos á carta, atendendo á nosa localización, gustos, en función das procuras que facemos e das páxinas que visitamos, etc. Así por exemplo, no mes de agosto ocorréuseme buscar en Google un modelo concreto de bicicleta de montaña coa intención de comprar, -cousa que finalmente non fixen-. Días máis tarde, decateime que nos anuncios das páxinas polas que navegaba aparecían bicicletas por todas partes, o modelo que buscaba e outros alternativos. O pesadelo da película “Hardwired”, da que xa falei noutro artigo, feito realidade, malia que, de momento, sen consecuencias graves para o navegante.

Xa o dixo Julian Assange, internet, e en concreto as redes socias, son un instrumento de control masivo da poboación como nunca antes se vira na historia da humanidade, e boa parte do traballo facémolo nós, que poñemos a disposición dos espías a información necesaria para facer máis efectivo ese control.

Aínda que pareza que non, estamos controlados e hipercontrolados. Xa o dicía El País na noticia sobre o smartphone norcoreano, “o poder non quere deixar ningunha fenda no seu férreo sistema de control da poboación”. E así é, só que neste caso é o occidente, todo ese conglomerado de intereses políticos e comerciais, que presume de democrático e de cumprir escrupulosamente coa legalidade vixente, quen nos espía a todas e a todos para ter controladas as masas, máxime nestes tempos de crise e de contestación social. Para o poder é vital manternos a raia para que non saíamos do rego definido polas elites, que garante o seu statu quo.