Non enterran cadáveres, enterran sementes!

Non enterran cadáveres, enterran sementes!

Como para calquer patriota que se aprecie, non existe maior alegría do que participar nos actos que convocan o Bloque Nacionalista Galego e a súa organización xuvenil, Galiza Nova, con motivo do Día da Patria Galega; desde a Homenaxe a Rosalía e Castelao en Bonaval seguida da Ruada da mocidade –que sucederon às arengas da miña xuventude– até a multitudinaria manifestación da Quintana, pasando polos concertos e o traballo militante na organización do Festigal. E desde que fixen da Galiza o meu fogar –van aló máis de 20 anos– nunca faltei a un só Día da Patria.

Os días 24 e 25 de xullo conforman dúas xornadas carregadas de esperanza, como tan atinadamente recalcou no seu discurso a porta-voz nacional do BNG, Ana Pontón. Toda unha mostra da fraternidade e da entrega militante que caracterizan @s compañeir@s do BNG, que nunca deixaremos de soñar e traballar por unha Galiza ceibe e popular.

Os festexos reivindicativos de finais de xullo dan rapidamente paso ao mes de agosto en que @s nacionalistas conmemoramos os mártires que deron a súa vida pola Patria: Moncho Reboiras, Alexandre Bóveda, Ánxel Casal... só tres d@s milleir@s d@s bo/as e xeneros@s da Galiza que foron represaliad@s ou mesmo cuxas vidas foron segadas polo rexime franquista.

Hai quen pretende negar os horrores e os crimes do franquismo, alegando con total descaramento que: “Franco no fusiló a nadie ni dictó condenas de muerte”. Tamén hai quen nen se ruboriza ao proclamar, con absoluto cinismo, que: “El Régimen no fusilaba por capricho. [...] Fusiló infinitamente menos que fusilaron en Italia, Francia o Alemania. España vivió el genocidio de la izquierda en esos tres años [...]. De las 36.000 condenas a muerte sólo se fusila a 23.000”. Aínda que fose certo (que non o é, xa que foron case 5.000 as persoas asasinadas na Galiza e 150.000 en todo o Estado) que tipo de persoa pode falar de “só” 23.000 persoas fusiladas?

Mais, por moito que se empeñen en negaren a verdade dos corpos tirados nas cunetas, das persoas paseadas e de toda a represión da Longa Noite de Pedra que caeu sobre a Galiza como unha lousa e que aínda hoxe non acaba de se levantar de todo, nós nunca daremos a esquecemento. Sempre clamaremos xustiza para a memoria das vítimas, con máis forza aínda desde que a Fundación ‘Nacional’ Francisco Franco ficou encarregada de xestionar o secuestrado Pazo de Meirás. Un escandaloso e vergoñento insulto ao povo galego e à súa memoria sen precedentes. Mexan por nós e din que chove!

Ninguén no seu perfeito xuízo podería imaxinar que na Alemaña unha Fundación que levase o nome de Adolf Hitler chegase a rexentar o campo de concentración de Buchenwald sen protestas ou oposición por parte do partido do poder (sexa cal for) ou que os seus herdeiros gozasen dunha casa expropriada a unha familia xudía como residencia particular para pasar nela as ferias. E non é só que na Alemaña non exista tal fundación, nen que non reciba subvencións públicas, mais que, à diferenza do que acontece no Estado español, calquer mostra pública de simboloxía nazi fica totalmente prohibida por lei. É que Spain is different! Co seu Valle de los Caídos, as súas homenaxes públicas ao ditador no centro de Madrí con motivo do 20-N, as súas decenas de misas conmemorativas, os seus bustos, estatuas e cruces, as súas fundacións franquistas (en plural), os seus partidos políticos falanxistas, fascistas, etc., e mesmo os seus alcaldes... Inconcibíbel en calquer país democrático.

O BNG exixe que se faga xustiza. Non pode haber xustiza sen recoñecemento. Non pode haber xustiza sen reparación. Non pode haber xustiza sen que se devolva o Pazo de Meirás ao povo. Non pode haber xustiza encanto que, máis de 80 anos despois, o xuízo político contra Alexandre Bóveda segue sen ser anulado. Por isto o BNG impulsa unha Lei Galega da Memoria Histórica. A vontade dos mártires cumprirase pois, como ben dixo Castelao: “Non enterran cadáveres, enterran sementes.”

Estas sementes de vencer son xustamente @s compañeir@s de Galiza Nova cuxas filas non cesan de crescer e @s camaradas da UMG que manteñen viva a chama que prendeu Moncho Reboiras, reunid@s nas IV Xornadas da Unión da Mocidade Galega, esa escola de militantes patriotas e comunistas que criou o Partido dous anos após o asasinato de Moncho Reboiras aos 25 anos. Este ano, por vez primeira, puiden asistir à homenaxe que se rende cada ano ao noso camarada ante a porta da casa onde foi abatido, cribado de balas pola policia fascista, un 12 de agosto hai 42 anos na cidade que hai tan só 7 retirou a estatua ecuestre do ditador da praza pública. Non para destruíla, mais para gardala detrás dos muros do arsenal: non vaia ser que a queiran sacar outra vez... Encheume de orgullo ver tantas raparigas e rapaces que seguen a dar vida à canción: “Vide vide, camaradas, a loitar! Que a Unión da Mocidade está disposta a traballar: para facer da Galiza unha patria socialista e popular!”

“A forza do noso amor non pode ser inútil”, escrebeu Novoneyra. E así será: loitaremos incansabelmente, movid@s polo noso amor pola Galiza, para que se faga xustiza plena para o seu povo, até que cada galega e cada galego saiba onde xacen enterrados os seus familiares, varrendo da Terra o último rastro da simboloxía franquista, nunha patria finalmente libertada do xugo da memoria da opresión.