Non chega co “Todos contra o PP”

Non chega co “Todos contra o PP”

Desde hai meses quéresenos facer ver que o único que nos xogamos o 25 de setembro é botar ao PP ou seguir sendo gobernados por eles durante outros catro anos. “Todos unidos contra o PP”, “hai que botalos” “botar fora ao PP é o único que importa neste momento” son frases que cando falamos de política con persoas do noso redor escoitamos multitude de veces.

E claro que hai que botar ao PP pero ese non é, ou cando menos non debe ser, o obxectivo diante da cita coas urnas do 25 de setembro.

Botar fóra ao PP debe ser un medio para acadar un determinado obxectivo pero estase a usar como escusa para non falar do futuro; é aí onde debe estar o verdadeiro debate, é aí onde debe estar o esforzo fundamental do BNG nesta campaña electoral.

Pese ao que se nos quere transmitir non estamos diante dun problema de xestión, a cuestión non é botar fóra a un mal xestor para poñer un bo xestor; a grave situación pola que está a pasar o noso país non se debe só á incapacidade do PP e de Feijoo para xestionar os recursos públicos e para executar as competencias coas que conta Galiza.

Esa redución do debate político a unha cuestión de bos ou malos xestores é propia do bipartidismo instalado no estado español, un bipartidismo que afortunadamente na Galiza non existe dado que contamos co nacionalismo.

Por outra banda, facer un chamamento unicamente ao sentimento, “todos unidos contra o PP”, “hai que botalos”...., e non á racionalidade o que provoca moitas veces é que a xente se quente e se ilusione para ficar totalmente defraudada e queimada posteriormente; algo que na miña opinión empeza a ser demasiado habitual nestes tempos.

Lembremos que hai ben pouco había quen lanzaba aos catro ventos conceptos como “casta”, “ruptura”, “empoderamento cidadán”.... tentando facer ver á xente que a única opción para mudar as cousas era o novísimo e que quen levaban moitos anos nas trincheiras non servían para nada e acabaran por ser cómplices ou consentidores da situación. Curiosamente eses conceptos desapareceron xa do discurso de quen os popularizaron, pero tiveron o seu efecto dado que baleiraron as rúas; en grande parte debido a que moitas das persoas e colectivos que se mobilizaban acreditaron nesas promesas e fiárono todo no voto.

Non pasou tanto tempo e observando a realidade actual semella que quen falaban de “casta” o único que buscaban era mudar o ocupante da cadeira; nin axudaron a botar fóra a Rajoy nin puxeron en pé unha alternativa rupturista.

Diante das eleccións do 25 de setembro a alternancia non chega, precisamos unha alternativa. Os nosos problemas débense fundamentalmente ao marco xurídico-político imposto, e non vou negar que con unha xestión máis acaída poderíamos mellorar en algo a situación pero non é posíbel mudala de non poñer enriba da mesa propostas de actuación que cuestionen ese marco que impide o desenvolvemento de todo o potencial que temos como pobo.

Cuestionar o actual marco xurídico é facer política para as maiorías e abrir un tempo novo, un tempo de traballo no que vai haber momentos duros ao ser moitos os poderes que se opoñen a que Galiza poida tomar man do seu futuro.

Depende de nós abrir ese tempo novo, pero para facelo non podemos enganar á xente dicíndolle “vótame que cho arranxo”; aínda poñendo toda a vontade do mundo non poderemos facelo de non contarmos con novas ferramentas. Para iso debemos arriscar, e precisaremos sobre todo ter á xente na rúa reivindicando e ao tempo empuxando por levar adiante as medidas que nos permitan dotarnos desas novas ferramentas. Non hai democracia real sen participación, e a participación non se circunscribe a un voto nunha urna ou a participar nunhas primarias. A participación real, a democracia participativa é aquela que combina o traballo institucional, a creación de conciencia e o traballo social establecendo as sinerxias necesarias entre tres ámbitos que son complementarios.

O paro, a emigración, os recortes nos servizos públicos, a falla de apoio ao pequeno empresariado,..., todos estes problemas afectan a persoas con nomes e apelidos, e sumados constitúen a crise que asola Galiza. Pode dicirse que é un problema de xestión e poñer parches para ir tirando pero ao pouco tempo as feridas volverán a sangrar de non encararmos o problema principal.

O BNG propón medidas e solucións concretas para cada un dos problemas pero non vai maquillar a realidade e, como fixo sempre, chámalle ás cousas polo seu nome; precisamos poder de decisión pois do contrario seguiremos administrando o que Madrid e Bruxelas teñan a ben concedernos.

Está moi de moda o de “hai que falar das cousas de comer”, e estamos totalmente dacordo con esa frase porque o BNG SEMPRE fala das cousas de comer, e fai algo máis que falar.

O BNG quere poder decidir con que ingredientes cociñamos, quere cultivar eses produtos e quere aproveitar a enerxía que producimos os galegos e galegas, para usala de combustíbel que permita cociñar e poñer a andar proxectos que favorezan o desenvolvemento dunha nación que ten enormes potencialidades.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.