Non cales!


Nunha das clases que asistín na miña época de estudante, pregunteille a unha profesora que que me definira exactamente o que era para ela a violencia de xénero, (xa que na miña cabeza sempre existiu moitísima confusión tal e como se falaba ou se fala habitualmente do tema na rúa ou nos medios de información) ao que me contestou: “A violencia de xénero abarca moito máis que a violencia que exercen sobre as mulleres algunhas parellas masculinas, refírese tamén á violencia que sofren as mulleres dende a súa infancia até a súa vellez, veciños, compañeiros de traballo, amigos, familiares… ademais de violencia familiar ou doméstica, inclúense termos como a violencia laboral, a infantil, a trata ou o turismo sexual”.

Quedeime pensando moi detidamente na resposta que recibín porque me fixo pensar máis alá do que quería, porque sempre pensei que a violencia de xénero, é o primeiro obstáculo da evolución e desenrolo do ser humano, que fai que nos impida a plena participación na sociedade… pois esa mesma sensación tívena fai uns días cando saíron testemuñas escritas en twitter grazas á campaña lanzada polo Concello de Pontevedra coa etiqueta #primAcoso, todas delirantes mais hai algunhas delas que a parte, son estremecedoras.

Foi una gran campaña para dar a ver, para visibilizar a pirámide da violencia, é dicir, eses “microacosos”, eses comportamentos habituais que conteñen unha carga de violencia impresionante, que o fomos normalizando ao longo da existencia. Pero a campaña foi a máis , e xa falamos non de pequenos acosos, senón de abusos e agresións sexuais, de violacións, de pederastia. Prodúceme un pánico terrible con tan só escribilas.

Fomos e son moitas as que sufrimos abusos dende moi cativas que quedan gravadas o resto das nosas vida nos recordos, aínda que o cerebro queira eliminalos, fomos e son moitas as que non se atreveron no seu momento a contalas, que aínda por riba sentíamos e senten unha culpabilidade tremenda.

Precisamos máis campañas como esta, precisamos organización da sociedade e das institucións, precisamos máis medios para aumentar a sensibilización sobre as súas causas e consecuencias. Aterradoras consecuencias como secuelas psicolóxicas, sexuais, psicosomáticas e incluso mortais, precisamos cambiar a educación dos nosos fillos dende que nacen, educar nesa época crucial que é a adolescencia, cando se forman os valores e as normas relativas á igualdade de xénero, precisamos acabar con eses micromachismos que cada un portamos dentro do noso ser. Precisamos que falemos todas, que contemos até o máis mínimo detalle, porque ao compartilo sentes que hai alguén que comprende o teu pesar, porque compartilo sentes que amaina a túa dor, silencialo o único que fai é agudizar as consecuencias e darlle poder e inmunidade ao acosador, falémolo, e que se recoñeza que é un problema social que hai que abordar moi seriamente.

Necesitamos, queremos, pedimos vivir libres de toda violencia.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.