Non caer no desánimo

A pesar de todo o que está pasando, non podemos deixarnos arrastrar polo desánimo porque o BNG é necesario para este país. Se non fose porque a nosa organización política o introduce sempre nos debates, que quedaría de nós. Quen falou de Galiza no Congreso durante o debate dos orzamentos do Estado. Quen introducíu todas e cada unha das claves das nosa urxencias e necesidaes? Evidentemente o BNG. Non o fixeron nin o PP, nin o PSOE nin Izquierda Unida, porque para eles Galiza é España.
É máis, no debate parlamentar a nosa deputada Olaia Fernández Davila chamoulles a atención con contundencia a CIU e a Esquerra pola súa actitude ante este País, porque sexa quen sexa o que o ataque, vai recibir a correspondente resposta do BNG.
Polo tanto non nos deixemos arrastrar pola melancolía, aínda que coincida coa baixada da luz diurna e das temperaturas, porque o inverno non pode asentarse no noso corpo, no corpo desta organización. O noso maior capital é a militancia, a nosa base social, e por ela, por este país, temos que seguir traballando e mellorando a nosa acción, facendo as correccións necesarias pero sen sacarlle valor ao traballo e decisións tomadas, que son as que axudan a que Galiza siga existindo.
Non é agora o momento de botarnos atrás no traballo social., senón todo o contrario. É o momento de situarnos con claridade á fronte dese traballo, individual e colectivamente. Cada tempo político ten as súas peculiaridades, e a pesar de que o que nos toca vivir neste momento non é bon tamén é certo que ten ocos abertos para traballar arreo por este país e polas súas clases populares. aínda que agora nos pesen os recentes resultados.
Cada día son máis as mobilizacións. Cada día son máis as reclamacións dos traballadores e traballadoras que ven como se seguen aplicando medidas que só van contra eles. O PP vai levar adiante a súa folla de ruta, que non é outra que máis e máis recortes. E ante iso o BNG, todos e cada un dos seus militantes debemos reaxir con espírito crítico e con forzas renovadas para facerlles fronte na rúa, nas institucións, nos centros de traballo,… A batalla vai ser longa e seguramente decisiva, e de nós depende non dala por perdida de antemán, porque se a damos nos por perdida, quen vai loitar por defender a este país? É necesario estar presente en todo canto debate e dea na rúa, e facerlle ver a xente que as solucións globais non existen, que Galiza só pode existir como tal con capacidade produtiva propia e con capacidade de decisión propia. Non podemos renunciar a autoorganización do noso pobo, aínda que o propio pobo non crea nela. Porque sen autoorganización (política, sindical, cultural, social, laboral,…) Galiza non existe. Só por esa razón é tan necesario o BNG neste momento. Só por esa razón debemos seguir adiante con ánimo crítico e construtivo e co necesario optimismo racional que nos fai andar cada día.