Non ao roubo do monte veciñal

Non ao roubo do monte veciñal

Para o Partido Popular e os intereses que defende (capitalistas, especulativos e urbanísticos), os montes veciñais, como o que son, teñen que desaparecer. Os montes veciñais, como titularidades comunitarias, xestionadas democraticamente pola veciñanza comuneira, non poden existir. Xa que logo, hai que proceder a súa privatización.

Queren privatizar os montes veciñais en man común, non para acadar un monte veciñal multifuncional e sustentábel ao servizo da veciñanza comuneira e das maiorías sociais da nosa nación.Tampouco para que a posta en valor dos montes veciñais, sexa unha peza para acadar un medio rural vivo. Queren privatizar os montes veciñais para proceder a súa forestación salvaxe con especies de crecemento rápido e cultivos enerxéticos. Para que sexan a base territorial para aproveitamentos agresivos e coloniais.

Para que as elites da sociedade teñan terra para o seu lecer (campos de golf, coutos de caza maior, urbanizacions...).

Todo o aparello normativo (leis, decretos, ordes e mesmo criterios de liñas de axudas), ditadas polo Partido Popular nestas dúas últimas lexislaturas políticas, no referente aos montes veciñais, teñen dous obxectivos claros: roubar, sen non a súa titularidade (porque aínda non puideron), si a súa xestión e impedir que a veciñanza comuneira sexa a protagonista de posta en valor dos seus montes. Que a Xunta de Galiza deixe de facer os deslindes, que non haxa axudas para as comunidades de montes e si para as empresas forestais, que os montes veciñais sigan a padecer unha fiscalidade inxusta e española, son chanzos que van por este camiño.

Nestes momentos, o roubo do monte veciñal concretase na Lei de Montes de Galiza, actualmente vixente, no que fai referencia aos montes veciñais consorciados ou conveniados. Se en Agosto do ano 2016, as comunidades de montes que teñan os seus montes consorciados ou conveniados non pagan as débedas (falsas e inxustas), terán que entregar a xestión das súas terras comunitarias, a unha empresa forestal privada. Por esta orde, o Partido Popular, vai roubar 300.000 has. de monte veciñal aos seus lexítimos titulares, para entregarllas de balde as empresas forestais privadas.

Resulta, cando menos chamativo, que o Partido Popular de Galiza, con seu xefe Feixóo á cabeza, alumno aventaxado da política antidemocrática e antisocial do seu gran xefe de Madrid (recortes na sanidade, no ensino, na representación democrática ...), no caso dos montes veciñais, non obedeza ao seu gran xefe de Madrid. A lei de montes do Estado permite a condonación das débedas (falsas e inxustas), dos consorcios e dos convenios. Mais en Galiza, o Partido Popular, non o aplica.

Hai que parar este roubo do monte veciñal. Para iso, a Organización Galega de comunidades de montes (ORGACCMM), vai convocar unha manifestación para o día 22 de novembro de 2014 en Compostela. O lema da manifestación será "non ao roubo do monte veciñal, condonación das falsas e inxustas débedas dos consorcios e dos convenios ". Nesta manifestación esixiráselle á Consellaría de Medio Rural e do Mar que no debate parlamentar dos orzamentos xerais da Xunta de Galiza para o ano 2015, se dote de unha partida orzamentaria para condonar as débedas (falsas e inxustas) dos consorcios e dos convenios. Se cadra, a palabra exacta non e condonación xa que son débedas inxustas xa parten de un roubo. Arrancan de cando o réxime franquista usurpou os montes veciñais á veciñanza comuneira para entregarllas ás diversas administracións públicas. É mais preciso falar de revocación dos consorcios e dos convenios a custe cero para os titulares dos montes veciñais.

Como titulares dos montes veciñais, a veciñanza comuneira temos argumentos de abondo para apoiar esta manifestación. Van roubar 300.000 has. de monte veciñal. Mais, tamén temos argumentos como cidadáns xa que estamos gobernados por antidemócratas. A mediados do mes de xuño, a organización galega de comunidades de montes (ORGACCMM), enviou un escrito a Conselleira do Medio Rural e do Mar, solicitándolle unha entrevista para falar da condonación das débedas (falsas e inxustas) dos consorcios e dos convenios. Non houbo resposta. Os nosos gobernantes nin sequera cumpren o mínimo principio democrático de escoitar a cidadanía.

Se queremos, podemos parar este roubo de monte veciñal. Para elo, a veciñanza comuneira temos que ser os principais protagonistas de esta manifestación. Temos que pornos ao fronte da mesma. Mais, tamén temos que ter a capacidade de que nos acompañen as maiorías sociais de nosa nación. Porque os montes veciñais, por ser titularidades de tipo xermánico, teñen características de ben común, de ben social.

Na manifestación do día 22 de novembro en Compostela, temos que berrar non ao roubo do monte veciñal. Porque os montes veciñais son nosos, da veciñanza comuneira e do País.