NO CAMIÑO CERTO

O nacionalismo galego abriu o pasado domingo a campaña para tres convocatorias electorais inminentes, ao parlamento do estado neste mes de abril e ao parlamento europeo e aos concellos a finais do mes de maio. Debo dicir que había xa tempo que non participaba nun acto tan cálido, con moita xente é certo, pero sobre todo con xente que se vía animada e alegre.

No Auditorio de Galiza había militancia nova, militancia de sempre, simpatizantes e tamén persoas que despois dun tempo no que consideraron que había que apoiar outras opcións que se tiñan presentado como frescas e ruturistas, volveron á casa común do nacionalismo.

Realmente se botamos a vista atrás, cousa que unha organización política debe facer sempre para analizar a súa traxectoria e por tanto non perder nunca o rumbo, hai razóns para estar animados e animadas.

O acontecido no estado español nos últimos anos demostra que as análises feitas polo nacionalismo galego na transición eran correctas; a sacrosanta transición democrática non foi moito máis alá dun lavado de cara do franquismo, aquel pacto apenas tocou as columnas sobre as que se asentaba o réxime. Comprobámolo hoxe en día coa impunidade da familia Franco e de grupos que se enriqueceron na ditadura, ocupando importantes responsabilidades nos aparellos económico, xudicial, político e militar. Esixir o fin real do franquismo e un recoñecemento a quen loitaron contra el é un acto de xustiza que segue sen acometerse no estado español.

O nacionalismo galego mantivo sempre que a proba do algodón da instauración dun réxime político democrático pasaba polo recoñecemento do dereito de autodeterminación de Catalunya, Euskal Herria e Galiza; e hoxe o españolismo demostra, co seu discurso e coa súa práctica, que estábamos no certo. Non están dispostos a aceptar que exerzamos ese dereito; hoxe van por Catalunya pois é o povo catalán o que máis dano lles fai co seu avance, pero tamén a presión se exerce sobre as outras dúas nacións. O ánimo que se sentía o domingo no Encontro Nacional Aberto do BNG ten outro elemento básico, é a palabra resistencia, unha palabra moitas veces mal considerada, pero palabra central para comprender os últimos anos. Resistimos o vendaval, e non porque teñamos vocación resistencialista e testemuñal, senón por todo o contrario. O nacionalismo galego leva xa máis de 100 anos construíndo, e nas etapas duras, como a que vimos de pasar, a resistencia é fundamental; unha resistencia que che permite sobrevivir, e fai que despois collas folgos para facer o camiño en mellores condicións. Resistimos modas fabricadas polos emporios mediáticos, modas que tal e como chegaron van marchando. Resistimos a quen dicía que Galiza soa non pode e que debíamos apoiarnos nun caxato que estaba en Madrid. Resistimos a quen nos dicía que os resultados electorais e os medios de comunicación eran todo.

A nosa situación sen ser a óptima é moito mellor que hai un tempo; contamos con unha organización que vai medrando, sen dar saltos pero con avances constantes. Seguimos sendo fundamentais no tecido social do país. Temos un traballo institucional recoñecido, tanto cando o realizamos como cando se bota en falla a nosa presenza, como aconteceu estes últimos anos no parlamento estatal; onde se demostrou que se o BNG está Galiza está e os seus problemas e as alternativas se poñen enriba da mesa; e se o BNG non está pode haber quen escenifique obras de teatro de ficción sobre o compromiso coa nosa nación, pero cando se toman as decisións importantes se levanta o brazo votando o que decide Madrid.

Nunca foron doadas as cousas, e todos os nosos avances son froito do traballo e da mobilización. Tendo iso claro, podemos andar a nova etapa que se abre coa confianza de que seguiremos dando pasos cara o obxectivo dunha Galiza Soberana.