No 35 aniversario da Marcha antinuclear de Xove, 1977-2012

Foi un Domingo de paixón, dicimos nós de resurreción. Paixón de milleiros de galegos e galegas que estaban a legalizar sen pacto cos herdeiros do franquismo ou renuncia algunha a alternativa nacionalista. Resurreción dun pobo que após 40 anos de ditadura franquista aproveitaba as primeiras raiolas de luz para esixir o que era de lei, dando a voz de alto as agresións ao noso País. Aquela Semana Santa de 1977, será para sempre foto fixa dunha procesión laica que percorreu as estradas de Viveiro e Xove, cos pasos que marcaban as organizacións do movemento nacional popular galego que desde 1973 víñanse opoñendo a central nuclear de Xove, coas saetas de verbo rouco afinado na clandestinidade, que entoaban “Non a Xove nuclear” ou “A nosa terra é nosa e non de Fenosa” e cunha liturxia nova, aquela que viña espallando o nacionalismo galego e nos falaba de autoorganización, de movemento de masas, de poder popular. Apaixoados todos e todas por Galiza, nazarenos dunha nación en marcha, naquel 10 de Abril de 1977 certificamos a vontade de querer ser pero tamén batemos na conciencia dos nosos compatriotas afirmando que podiamos ser. Rexurdimos así axitando para concienciar, concienciando para mobilizar, mobilizando para organizar e fómonos facendo maiores, a forza de intervir, de loitar, de construír, e seguimos e caemos para volver a rexurdir porque xa coñecíamos a verdade das escrituras.
A celebración da primeira “Marcha de Xove”, o 10 de Abril de 1977, é o remate dun camiño iniciado no momento mesmo do anuncio da construción da central Nuclear da Regodela, a finais de 1973. Unha achega a loita de oposición ao proxecto da central, alén de informarnos de como se foi construíndo a alternativa nacionalista en Galiza en condicións de clandestinidade e alegalidade, segue a ser un autentico manual de como intervir politicamente. O papel determinante das asociacións culturais; para pórlle voz as reivindicacións populares en períodos de clandestinidade pero, tamén hoxe, para o traballo de información e formación. A importancia do traballo organizado; os sectores directamente afectados sumáronse á loita non de xeito espontáneo, senón após unha labor de explicación e clarificación levada adiante polos cadros do nacionalismo que dirixían o conflito. A necesidade de contar con análises correctas da realidade; os nacionalistas por non actuar conforme a formulacións exportadas e por non beber da tradición do marxismo eurocéntrico, sabían que as potencialidades políticas dos labregos non eran diferentes dos traballadores asalariados. O valor da unidade e do individuo pero o papel fundamental do colectivo; as dúas escisións que apartaron do nacionalismo en 1975 e 1977 a persoas que xogaban un papel dirixente na loita de Xove, atrancaron a mesma, mais non a paralizaron porque nada pode contra o corpo organizado que é o que converte ao individuo nun ser perseverante e actuante. O convencemento de que unha problemática concreta/sentida une, permite organizar; agora ben, a ausencia de resolución para enmarcar esta nun loita máis ampla, atendendo aos niveis de conciencia, e que identifique as causas últimas do conflito, torna o labor iniciado en vía morta. A vontade de ser útiles a sociedade, converténdonos en solución e non en parte do problema, os movementos sociais e políticos van ser quen de acumular forzas na medida en que sexan quen de dar resposta/resolver as demandas sociais.
,Queremos, xa que logo, achegarvos as imaxes que a cámara de Carlos Varela Veiga recolleu daquela data. Son imaxes de fai 35 anos, cinema militante, á fin arte e testemuña, dun fito que xa ficou na historia de Galiza. Os dezasete minutos deste documento que ven a luz achéganos as lembranzas dun Viveiro aínda non desfigurado pola especulación urbanística, do porto de Celeiro, das terras de Faro, de Xuances, do esteiro de Portocelo, para rematar nas campas da Igrexa de Lago, convertido por horas na capital da nación. Dezasete minutos para visionar os rostros dos manifestantes anónimos, o pobo galego indignado, dos cadros dos Comités de Axuda á Loita Labrega, ferramenta organizativa sen a que sería imposíbel explicar as loitas labregas, dos estudantes proletarizados a destempo en Alumina-Aluminio para erguer o sindicalismo nacionalista nas terras do Cantábrico galego, das mulleres e homes da Fronte Cultural, o Manuel María ou o Mago Antón e Facundo saudando, dos dirixentes da AN-PG ou da UPG, como Bautista, Paco, Lois, Elvira ou Camilo. Dezasete minutos de fouces, estrelas, espirais e martelos cun adro da Igrexa de Lago a escoitar, a Barbeito das Encrobas, trasladando a solidariedade de toda a Galiza agredida, de Toño Pernas de Xove, chamando a resistir para paralizar a central, ao Milucho, que xa era o líder da Galiza labrega, e ao Moncho Valcarcel, o noso Basilio contemporáneo. Sabemos, que a lembranza destes feitos van a contribuír de xeito decidido a un mellor coñecemento da nosa historia, sabemos, en definitiva, que canto máis nos coñezamos, máis nos quereremos.