Nin UE, nin fascismo: ruptura soberanista pola esquerda coa Troika

Nin UE, nin fascismo: ruptura soberanista pola esquerda coa Troika

O mal chamado euroexcepticismo que sosteñen forzas de carácter neofascista e populista como a Front National de Marine Le Pen na Francia, está a ser empregado polo discurso dominante para formular unha falsa contraposición. Así, face as súas propostas xenófobas, cando non directamente racistas, os grandes media teiman máis unha vez na proxección dunha idílica UE, como expresión de apertura, progreso e mesmo de solidariedade. Cinismo non lles falta. Se o fechamento de fronteiras que proclama a ultradereita europea é apenas un instrumento para volver sinalar un chivo expiatorio, para volver poñer a diana sobre un culpábel, non é menos certo que a actual UE, e as políticas emprendidas baixo a coartada da crise, son un reflexo máis sutilizado dunha mesma concepción excluínte, na que a suposta libre circulación de persoas emprégase para alentar a mobilidade de forza de traballo a prezo de saldo entrementres se engorda o exército laboral de reserva que coñecemos por desemprego.

Algo parecido sucede tamén coa defensa falsamente patriótica dos actuais Estados fronte unha UE que precisamente avanza, a paso acelerado, na súa conformación como un superEstado. Cómpre neste particular botarmos man da caracterización que desde o marxismo se ten feito con acerto do papel do estado, en tanto que entramado político-económico-administrativo-militar que lonxe da neutralidade ten unha evidente orientación de clase. Habería pois que explicar que a ultradereita francesa non contrapón soberanía popular contra o imperialismo da UE, senón que fai unha defensa cerrada do Estado capitalista francés, da súa democracia burguesa formal e dos intereses da súa oligarquía en contra (ou para matizar) do proceso de centralización.

Para alén do máis, a moderación formal do discurso da ultradereita non é en absoluto casual. Ten unha intención clara. Presentar en termos “aceptábeis” propostas reaccionarias, envoltas nunha demagoxia populista que oculta tras meras consignas aparentemente asumíbeis por amplas capas, unha folla de rota que xa é coñecida. O que está a acontecer na Ucraína desminte tamén esa falsa dicotomía “ou UE ou fascismo” que se está a propagar, precisamente en vésperas duns comicios ao Parlamento Europeo. A operación imperialista despregada pola UE e os EUA na Ucraína, volve deixar en evidencia que o capital non só non é alérxico ao fascismo, senón que non ten reparos en botar man del (financiándoo, alentándoo organizativa e mediáticamente, e mesmo formándoo militarmente) para a mellor consecución dos seus obxectivos xeoestratéxicos.

Debemos pois zafarnos da súa trampa conceptual, afirmando que a necesaria superación da UE e do euro que está a defender o nacionalismo galego nada ten a ver co discurso do fascismo. Debemos facelo tamén para ofrecer unha alternativa a esa ampla maioría social que hoxe constata que a UE é a punta de lanza da ofensiva que o capital ten emprendido contra as clases populares, a golpe de brutais recortes que supoñen o empobrecemento masivo do pobo. Unha alternativa que só pode pasar por unha ruptura coa Troika (coa que PSOE e PP concorrerán coaligados de feito nas próximas eleccións europeas) en chave soberanista, defendendo o noso dereito a decidir por nós propios, e pola esquerda. É o único vieiro que temos para evitar ficarmos entrampados no seu labirinto.