Nin participacións nin preferentes
Oficialmente, uns 43.000 clientes galegos das antigas caixas de aforro encóntranse con que non poden recuperar o capital investido inicialmente nin, desde hai uns meses, son remunerados cos xuros que viñan percibindo como rendemento por este tipo de produto que subscribiran. A maior parte desas persoas foron encandeadas polos directivos das oficinas das súas localidades, confiadas en que nas respectivas caixas sempre depositaran os seus aforros sen sospeita da grave toxicidade que podía supor a contratación desta aparentemente interesante oferta financeira.
Hai poucos días, Mauro Varela manifestou que toda a campaña de promoción das participacións preferentes fora perfectamente legal e que a xente que as subscribiu era consciente do que estaba a facer. Na segunda das afirmacións, o xa ex copresidente de Novacaixagalicia sabía ben que estaba mentindo descaradamente porque o perfil dos galegos e das galegas que investiron nestes produtos é totalmente conservador á hora de asumir riscos tan graves coma os que supoñen estas denominadas participacións preferentes e só se pode explicar esta decisión súa pola falsa información que lles ofreceron cando lles fixeron crer que o que contrataban eran depósitos seguros e non outra cousa. En cambio, Mauro Varela ten razón cando afirma que esta campaña foi perfectamente legal.
Efectivamente, as participacións preferentes creáronse subrepticiamente pola disposición adicional segunda da Lei 13/1985, de 25 de maio, de coeficientes de inversión, recursos propios e obrigas de información dos intermediarios financeiros. Eran os tempos do denominado pelotazo impulsado inicialmente polo ministro de Economía Boyer e propulsado posteriormente polo seu sucesor, o ministro Solchaga, promotores ambos do modelo económico da especulación do que arrincou o burbulla que se estendeu na época de Aznar e que estourou na segunda lexislatura de Zapatero. Esta lei, que regula, entre outras cousas os coeficientes de investimento das entidades financeiras, introduce, en letra pequena a través da súa disposición adicional segunda, as famosas participacións preferentes que lles permiten ás entidades de crédito e ás sociedades anónimas computaren estes produtos financeiros como recursos propios básicos ao mesmo nivel que o capital social e as reservas, sempre que non excedan do 30% do total. Amparadas por esta lei, as entidades de crédito con maiores problemas de solvencia, debido ao estoupido do burbulla inmobiliaria, recorreron ás participacións preferentes como medio de capitalización e, para iso, non tiveron reparos en buscar inversores entre os clientes que tiñan os seus aforros en depósitos seguros a prazo fixo ou en contas á vista.
Mais a creación desta lei non exculpa en absoluto os lexisladores posteriores que, en paga de derrogar esa disposición adicional segunda, realizaron modificacións na mesma en dezasete ocasións correspondendo a iniciativa lexislativa tanto a gobernos do PSOE como do PP. No ano 2011 a Lei 13/1985 foi modificada en catro ocasións e no que vai do 2012 xa se realizaron dúas modificacións máis a través de reais decretos leis. Xa sexa na súa redacción orixinal como nas diversas versións posteriores, esta lei constituíu unha auténtica forca caudina na que sucumbiron os aforros de miles de incautos galegos a través dunha estratexia perfectamente planificada polos directivos das entidades financeiras en colaboración con determinado persoal das súas oficinas locais e co apoio legal do ordenamento xurídico.
A mesma denominación destes produtos encerra un engano, pois non se trata de participacións sociais emitidas por sociedades limitadas senón de valores mercantís que foron autorizados na devandita lei a seren emitidos por entidades de crédito e por sociedades cotizadas. Tampouco son preferentes porque este adxectivo en linguaxe mercantil aplícase a determinados dereitos dos que gozan os partícipes dunha sociedade fronte a terceiros á hora de subscribir accións ou participacións no caso, por exemplo, dun aumento do capital social. Nin son, por tanto, participacións nin son tampouco preferentes. Mais ben, deberan chamarse estes produtos, para evitar enganos na súa denominación, valores mobiliarios confiscatorios debido a que as cláusulas que se subscriben no contrato só conteñen dereitos para a sociedade emisora e submisión dos afectados á mesma até o extremo de non poder recuperar o capital inicialmente investido nin de seguir cobrando os xuros correspondentes porque esta remuneración, que antes do Real Decreto-lei 2/2012, de saneamento do sector financeiro, quedaba vinculada á existencia de beneficios da sociedade emisora, desde o pasado día 4 de febreiro, en que entrou en vigor, pode ser diferida en calquera caso.
A lei de 1985 introduciu as participacións preferentes. As entidades de crédito fixeron uso delas de forma fraudulenta como medio para aumentar os seus recursos propios. Os aforradores caeron no reclamo enganados con falsas ofertas e os gobernos, a través de normas, entre outras o Real Decreto-lei 2/2012, culminaron esta macroestafa con todas as beizóns legais.