Nin chorar, nin condenar!
Escribo estas liñas coa noticia dunha nova vida roubada pola violencia machista. A piques de comezar o mes de flores contamos cinco vítimas na Galiza. Unha galega morta cada mes. No estado suman vinte e dúas. Quen leva a conta das asasinadas no mundo? Quen contabiliza o seu sufrimento, a dor do primeiro puñetazo ou patada? Quen mide a mágoa que provoca o insulto e o desprezo? Acredito que é preciso contar, mais as estatísticas reducen a realidade a fríos datos. Contabilidade mecánica que esconde moitas outras realidades. Para loitar contra a violencia tamén fai falta corazón!
Iremos en acto de protesta a berrar á Porta do Camiño, ao Obelisco, a Praza do Concello, ao MARCO ou a Praza dos Campos. A nosa queixa farase sentir de Compostela a Ourense, de Cervo a Vigo, da Coruña a Lugo. Sucederanse palabras sentidas, todos e todas contra a violencia machista!
Mais pregúntome se chegará o día en que non teñamos que chorar ás vítimas nin condenar a violencia machista?
Denuncio a doble moral e o cinismo que rodea o debate sobre a violencia de xénero. Condenar non é condición suficiente para redimirse. Estamos fartas de chorar e condenar! É tempo de avanzar cara a erradicación da violencia. Mais todas -e todos- sabemos que a mudanza precisa de intención real de mudar roles e camiñar cara unha sociedade de iguais en dereitos. Porén o noso tempo é o dos recortes e os retrocesos. Perdín a conta dos pasos cara atrás dados, dos dereitos vilmente espoliados.
Os que nos rouban dereitos e negan igualdade –por exemplo PP, Gallardón, Feijóo...- afirman condenaren a violencia. Mais logo manteñen as estruturas e valores que a provocan. Difícil dilema. Mentres mulleres seguen morrendo, sufrindo, calando. E sigo preguntándome se chegará o día en que non teñamos que chorar ás vítimas nin condenar a violencia machista?