Nenúfares


O nenúfar abundaba nos regueiros, pontillóns e corgas, no meu tempo infantil. Os do pontillón da veiga eran moi vistosos; neles acougaban as ras que ían seren vítimas dos nosos xogos. Os nenúfares, ao comezar o verán, envolvíanse en cores brillantes e axardiñaban o pontillón. Agora as augas turbias non permitir vivir aos nenúfares, desapareceron do pontillón da veiga e de moitas pozas. Unha secuela de procesos técnicos caóticos.

Como aos nenúfares, cantidade de flora está a mermar no país; ás veces a desaparecer. Unha ollada cronoespacial sobre o territorio galego faime entristecer; é un dos signos da destrución cultural da Galiza ao que colaboran as elites, os colonialistas e a frenética desinformación mediática. Un país que non logra transformarse desde si, senón que o descuartizan día ma día.

Gosto de evocar intres históricos do proceso cultural da Galiza. A vinda dos romanos foi para obter ouro; conseguiron estableceren unha relación cos celtas que, a longo prazo,articulou a Gallaecia. Os bereberes do s. VIII non callaron aquí e o califato cordobés respectou este reino; houbo invasións pero non conquista.

Ía ser a nobreza militar dos reinos occidentais da Península e as monarquías cos seus funcionarios burgueses, quen, desde o s. XV, intentan desgaleguizar este reino nación. Utilizan todos os instrumentos, mecanismos, falsificacións, etc. para sumar galegos á desarticulación anímica deste país. Colonialismo? Mais, asfixia global.

Este intre que vivimos, aguanta o maior perigo de disolución nacional; o acoso da oligarquía peninsular con todos os medios de estafa, engano e represión é tal que provoca indignación. Un escuro fascismo interior de sectores cipais acompaña esta obra destrutiva.

Intentos de minería de extensión xeral ao territorio, descriminalización lingüística, eliminación de canles de investigación científica, corrupción xeneralizada das elites e das institucións. Eis unha ladaíña a nunca acabar. Logo dun franquismo-fascismo demoledor do asociacionismo rural e dos valores máis profundas da solidariedade social, desde que comezou a "transición"-este período de gobernos de máscaras- a demolición das posibilidades do país galego están a seren diariamente destruídas.

En síntese: unha cultura e un territorio de Galiza están en venda. A corrupción das elites e dos poderes fan da crise económica unha caldeira a ferver. Seguro que o 15 de setembro veremos a imaxe exacta dunha situación insoportábel. Non podemos durmir: estamos ameazados pola barbarie neoliberal dun centralismo absorbente e dunha oligarquía cipaia que vende o país. É preciso un cambio inminente para reandaren desde todos os factores da vida desta Terra.Compre erguerse como os nenúfares que anualmente se revestían de cores e de nova vida. Que atractivo o camiño de recuperar a traxectoria de Galiza: que camiñe no firmamento de estrelas con luz.