Navegando no Bloque


Hai agora corenta anos que embarquei no BNG (si, ben antes de o propio Bloque existir). Apunto esta cronoloxía persoal non por vaidade, senón porque representa un tempo que permite observar a historia con algo de perspectiva.

Pois ben, despois de asistir días atrás a unha asemblea comarcal, confirmo o meu diagnóstico de que o Bloque se conserva en bo estado de saúde. Como cando era novo, con todas as humanas imperfeccións que lle son propias. No mesmo momento en que eu entraba na UPG (primavera de 1971) había xa un proceso de expulsións-escisións; tanto é así que durante o breve intervalo da tramitación, os meus primeiros contactos composteláns se escindían (ou os expulsaban ou non sei que); os que me recibiron en Ourense abandonaban algo despois. De aí en adiante esta animada dialéctica seguiu inalterable o seu camiño: reproducíase cousa dun ano máis tarde, tras a formación de ERGA (pairaba polo fondo un inaprazable matiz ideolóxico que hoxe non podo dicir en que consistía); logo coa constitución da ANPG e a AN-PG (non pasará inadvertida a crucial diferencia ortográfica) e a APG..., e así ata cento. Non hai que lle facer! O mellor é decatarse dunha vez de que este é o noso estado natural. Cando xa sabemos que non imos cambiar non hai outra que querérmonos cos nosos defectos. A perfección é un idealismo; a realidade é distinta.

Antes, cando escoitaba tanta queixa de persecución persoal ou de falta de democracia interna (que se descubría cando a minoría perdía en votación fronte á maioría, cousa curiosa), eu pensaba que andaba na lúa -e non como selenita, senón como lunático-, porque con tanto tempo que levaba dentro disto e eu nunca vía nada semellante ao que se denunciaba. Recoñezo que non se me fai ningún caso nas asembleas locais, pero tamén debo confesar que é porque me aburren e non asisto; por tanto acato con toda disciplina militante o que decidan os demais. Pero agora xa sei (por pura repetición estatística ao longo de tantos anos) que os memoriais de agravios forman parte da nosa peculiar idiosincrasia, e son por tanto un síntoma de que estamos ben; coma sempre.

Sigo tamén a escoitar vehementes advertencias apocalípticas: «o barco vai ás pedras !»... ¿Pero é que despois de tanto abrirnos á sociedade aínda non sabemos en que mares navegamos? Os de Galicia son avoltos e poboados por monstros (que diría Avieno), cheos de pedras e de cons, unhas ben á vista (Carallóns, "cabalos" e "centolos" varios, Meixidos, Leixoes, Agullóns, etc.) e outros submerxidos, pero ben coñecidos, con nomes precisos. É un mar este noso que cómpre saber navegar, e sempre se fará con sobresaltos. E fóra de Galicia hoxe en día hai un temporal de mar levada. É preciso, máis que nunca, levar firme o gobérnalle e as marcacións ben clariñas.

Mais non creo en absoluto que o barco vaia naufragar. Non é que xa pasáramos por situacións semellantes, é que sempre navegamos así. O que tamén se pode asegurar pola experiencia pasada é que algúns tripulantes caerán pola borda. Eses pensan que o barco dá nas pedras, pero non, son eles que se despistan e alá van... ou que se apean no primeiro illó porque non poden co mareo ou simplemente porque se dan de conta de que eles van a outra parte e este barco non lles vale.

Aquí hai sitio para moitos, pero o barco non vai á deriva nin a velas vir. Ten un destino sabido; o rumbo admite sempre desvíos folgados, pero está trazado. Aínda que o vento obrigue a unha bordada a sotavento, nós imos a barlovento; que non se confunda a pasaxe nin moito menos a tripulación.

O Bloque defínese como nacionalista e de esquerdas; quen non entenda o que isto significa que faga un cursiño de iniciación. Desde logo o pobo de a pé sabe moi ben (para ben e para mal) onde está o Bloque. Loitamos (como loitaron Castelao, Rosalía ou Faraldo, cada un no seu momento) por un pobo soberano. O Bloque non é autonomista, non admite o imperialismo, ten catalogado con acerto esa superestrutura do gran capital que é a UE-OTAN, posiciónase fronte ao sionismo, defende o sector público, asume un compromiso irrenunciable coa nación e co idioma. Por todo isto naceu o Bloque e isto é o que democraticamente defende a maioría que o integra. Non é leal poñelo en cuestión desde dentro. Se deixase de ser así, moitos teríamos que arriar un bote e darlle ao remo polo mar abaixo.

Mais o Bloque non vai ir a pique, por unha razón moi simple: unha parte significativa da sociedade galega o demanda, e as sociedades crean os instrumentos políticos que precisan. Se este barco quedase varado, sempre haberá quen tire del e o poña outra vez a flote, tal como ven sucedendo desde que Galicia se reclama nación.

Acontece (non o perdamos de vista!) que temos a nación que temos, e non outra. O Bloque é un luxo nesta Galicia colonizada (como temén o foi o Partido Galeguista), pero é o que o país dá de si; é natural que este carácter «litixioso» de que xa se acusa aos galegos no Códice Calixtino (no século XII) se manifesta tamén no interior do Bloque, pois este non pode deixar de ser un reflexo da sociedade á que pertence.

Estou certo de que se vivise corenta anos máis (¡así sexa!) seguirei dando con agraviados e apocalípticos. Por iso me alegrei moito de atopalos na asemblea comarcal... e non conto con menos na nacional.