Nas eleccións, os tempos son chegados

Nas eleccións, os tempos son chegados
Vivo na miña terra con fervor cada unha das campañas electorais, pola parte que me toca, pero tamén como cidadán. Observo á xente en como as percibe.

As acertadas viñetas humorísticas de Davila, o Carrabouxo,... recórdanme a miña avoa: debía haber eleccións tódolos anos! Efectivamente, a poboación galega non ve que os gobernantes gobernen para a cidadanía máis alá das pseudo informacións contidas nas súas mans. A demencia senil interesada e provocada polos medios de comunicación desaparece un mes antes ou nos quince días previos ás votacións coa a anestesia de cada catro anos que é capaz de borrarnos a necesidade de servizos básicos que unha e outra vez pregoan para durmir despois nos programas electorais dos grandes partidos políticos. É máis, o non feito e sobre todo o desfeito véndennolo coma un obxecto con fondo croma.

E volta a esa recta final onde choven mensaxes grandilocuentes fronte ás sensatas, ás próximas que lle interesan a Galiza que non venden, pois como competir en burramia cando un pide -un supoñer- un aeroporto e outro partido auga potable, ou que as eléctricas que beben de nós nos deixen a electricidade ao prezo que só pide a única formación política que mira indiscutiblemente e sen complexos por Galiza canda outras competencias para sermos, cando menos, unha comunidade autónoma de pleno dereito.

Mítins, pancartas, coladas, dípticos, altofalantes, autocolantes, pins,... que se suman neste século ao dixital. Pensabamos hai anos (uns ilusos!) que a prehistórica televisión dos cincuenta íase converter nunha verdadeira revolución democrática coa chegada da cor, canles autonómicas, aparición de empresas de radio e novas cadeas, satélite e cable, a TDT, a alta definición... E vimos como se repartía ese pastel dos grandes grupos mediáticos desde Madrid coa incipiente TDT e o seguinte plan técnico de 2005, as consabidas emisións de pago e as plataformas e paquetes por fibra cando na maioría do rural só coñecen a freba.

Á empanada electoral súmase a evolución da telefonía móbil. Os teléfonos intelixentes deixan atrás ao SMS visionario de hai xa máis de 15 anos “Pásalo”. Así nun trebello xa máis caro que un PC, e en doce anos facebook, instagram, whatsApp, twitter, youTube,...ensarillan á poboación que xa non sabe vivir sen eles onde exércitos informáticos escudriñan polos partidos estatais ata fartar.

Outro ingrediente actúa de conservante e espésante: a enquisa. A enquisa imprégnao todo. Coma se de glute se tratara. Desde medios impresos aos dixitais e ata uns días antes dos comicios o público mira cifras, porcentaxes e estatísticas esquecéndose de que esta última disciplina matemática resulta a máis puñetera das ciencias pois se só a 2 persoas lle preguntan se comeron polo un di si, outra di non e a estatística asegura que o 50% da poboación come polo!

Así de irreflexivos poden chegar os votos antes de contar pola lei d’Hondt a carón das urnas aliñadas e alienadas. Escoito que saben mellor ca ninguén por quen votar. Nos últimos tempos eleccións con debates entre dous, catro ou seis grandes partidos centralistas. Co pretendido faladoiro-político-rosa séntense ben informados, instruídas e licenciados esquecéndose do seu día a día sen arranxar o prezo da luz, os máis baixos salarios, as pensións máis pequenas, a eiva da emigración, o ensino sen o galego, os recortes en sanidade, o rural esquecido,...Realizados coma quen despois de dúas cervexas no bar berra co do lado pasándolle polos fociños que gañou o seu equipo. Pero non.

Non se trata de que gane un equipo, trátase xusto de que non perdamos nin democracia nin dereitos, que gañen as aldeas, as parroquias, os concellos que habitamos. Actúa o estado cos seus poderes como un eucalipto plantado no centro desde onde estenden as súas longas raíces ás provincias para nutrir á árbore pirófila que non deixa medrar castiñeiros nin carballos, o natural das nosas milenarias terras.