Nacionalismo ou barbarie

Nacionalismo ou barbarie

O nacionalismo ten enfronte un maquinaria poderosa que se preocupa moito de responsabilizarnos dos peores males que asolagan a humanidade, mais ante iso temos que ser nós quen fagamos o esforzo de facernos ver como o que somos: o único garante dun espazo real de democracia.

Porque a demócratas non lle poden gañar a quen está na orixe mesma de calquera proxecto de construción democrática contemporánea. Ou acaso pode haber democracia sen que o pobo, as nacións decidan?. Aí está o principal problema non só no Estado Español, tamén a nivel internacional.

Artéllanse organismos de decisión internacional que non contan coa vontade dos pobos, ou se o fan é para emendalos. Véxase se non o caso irlandés, primeiro eran uns ingratos por non se pregaren en referendo a decisións tomadas fóra. Despois de forzar unha e outra vez a maquinaria democrática, agora seica reclaman caridade, iso si, á forza, do verdadeiro poder, o financeiro. Peor o caso portugués, sempre mostrando gratitude e loubanzas aos que agora son rescatadores.

O nacionalismo, quen reclama o poder para os pobos, para as nacións, é o problema e a solución. O problema para quen prefire ceder a soberanía nacional aos mercados, declarar a guerra a quen non se submete aos seus ditados, ou condenar á pobreza a miles de millóns de persoas en todo o planeta. A solución tamén para quen está farto de que a fartura sempre encha os bandullos dos mesmos.

Ao nacionalismo non lle chega con indignarse malia estar de moda. O nacionalismo ofrece alternativas, a empezar polo submetemento do poder ao pobo: a soberanía; e o libre exercicio do dereito a decidiren das nacións: a autodeterminación. E iso poida que non estea no último grito reivindicativo procedente de Madrid, onde prefiren limitar a democracia a unha cirscunscrición electoral única estatal, pasando da indignación á indignidade, para que só PP e PSOE teñan representación nunhas cortes onde xa a Lei D´hont se encarga de limitar a representación das minorías.

Como nacionalistas defendemos os dereitos que como nación nos corresponden, e ademais contribuímos a que os nosos veciños teñan algún nivel de garantías democráticas. Pobre acampadas, se non houbera nacionalismo! Opuxemonos e opómonos en longo combate desigual a todas e cada unha das políticas que levaron á crise actual, case sempre sós, algunha vez acompañados.

O campo de batalla está enlamado e as normas do combate feitas á medida do rival. aínda así participamos porque é o único espazo que nos dá un réxime corrupto en si mesmo, que os nacionalistas galegos, tamén en solitario, nunca aceptamos.

Non é que sexamos diferentes, é que somos os únicos diferentes e non só por tradición. Somos diferentes porque mantemos os nosos principios na nosa actuación, organizándonos para pólos en práctica, alá onde estamos, en todos os campos da política: o único medio posíbel e o único medio que utilizamos para transformar a sociedade. E somos diferentes fundamentalmente porque actuamos sempre con liberdade. Coa que nos dá debernos exclusivamente ao noso país, e a que nos dá non sermos ningún artiluxio de transmisión criado polo capital transnacional. Unha diferenza ben significativa en comparación con calquera dos outros.

Sen nós, sen o nacionalismo, o mundo, no dubidoso caso de se manter con vida sobre el, está condenado á barbarie. Aí está a diferenza.