Nacionalismo galego, sobran etiquetas

Nacionalismo galego, sobran etiquetas

Houbo un tempo, que declararse nacionalista galego era suficiente. Suficiente para que o interlocutor puxera os ollos coma pratos e pensara que estaba diante dunha sorte de revolucionaria/o radical. Era ese un tempo, no que os adxectivos sobraban pois todas e todos eramos, simplemente, nacionalistas.

Nacionalistas que sen necesidade de abrirnos a sociedade fomos avanzando ata converternos electoralmente na segunda forza política galega. Sen declararnos de esquerdas as nosas propostas eran catalogadas de radicais, sen reivindicarnos soberanistas acusábannos de querer romper España, sen manifestarnos independentistas ameazábannos con que seriamos uns ninguén sen axuda do Estado e sen chamarnos galeguistas eramos os herdeiros do Partido Galeguista, pois a idea que a Guerra e o exilio non lograra matar, seguía en pé coa mesma forza, unha Galiza nación dona de si. Herdeiros dun nacionalismo que nos levaba a berrar con forza aos "galeguistas" do PPSOE os versos de Celso Emilio "Castelao nunca foi teu, / porque Castelao é noso".

Pode parecer que este tempo, foi alá cando os animais falaban, mais non fai tanto. Basicamente porque a miña militancia nacionalista remóntase só ao ano 97 e a moda da adxectivación do nacionalismo galego remóntase a ben pouco tempo, introducíndose tan veloz, que este sería un bo momento para quitar o pé do acelerador e observar pausadamente o camiño percorrido. Camiño no que parece que o termo nacionalista quedou pequeno e xa non serve como contedor de todo o que reivindicamos.

Entón cal é a razón pola que parece máis importante a parte que o todo? Pode que a sociedade á que lle mandamos a nosa mensaxe, reclame que sexamos máis ou menos dunha cousa. Non o creo. Agás aqueles que con intencionalidade evidente non queren que o nacionalismo avance, inventando todo tipo de teorías sobre o que debe ou non debe ser.

Coido que as e os decepcionados co BNG non piden galeguismo, nin esquerda, nin soberanismo, nin independencia; piden nacionalismo, con todo o que isto significa. As e os decepcionados co sistema, piden algo diferente, non sendo o BNG neste momento unha opción para eles. Mais non nos enganemos, nunca o foi. E velaí o reto do nacionalismo: concienciar á sociedade para sumar máis pobo á causa nacionalista.

Antóllaseme entón unha razón máis interna. Que perderamos o norte nalgún momento entre o noso paso pola Xunta e a actual crise, crendo que resaltando unhas características concretas poderiamos espantar ás bruxas que voaban sobre nós, esquecendo que é a nosa práctica a que nos define con máis forza que as palabras.

O intento de adxectivación ata o ridículo do termo nacionalismo non é algo novo. Existiu sempre. Mais é de resaltar que dun tempo a esta parte comezaran a brotar as etiquetas como cogumelos entre a familia nacionalista, e o que é peor, a asumilas con normalidade.

,Á pregunta de "ti que es?" sempre respondín con clareza e orgullo: nacionalista. Non comunista, non de esquerdas; nacionalista. Bastaba con iso.

Pola miña militancia na UMG, CAF e Galiza Nova vivín interminábeis debates, para concluír sempre o mesmo: que a esquerda en Galiza, polas súas características históricas, toma a forma de nacionalismo por ser unha forza emancipadora ao servizo das clases populares. Será pola miña formación no movemento xuvenil que sigo acreditando no mesmo "leitmotiv" que nos movía cada vez que pensabamos unha campaña, unha protesta. Dar solucións aos problemas que se padecían situando a Galiza no centro das protestas. En definitiva crear conciencia nacional.

Durante máis veces das que quixera, debatemos unha emenda que compañeiros/as de outros colectivos existentes no BNG presentaban en todas as Asembleas Nacionais de Galiza Nova: "nacionalismo de esquerda". É curioso que aqueles sexan os/as mesmos/as compañeiros/as que agora critican que o BNG se defina como de esquerdas.

"É O NACIONALISMO, ESTÚPIDO"

É pois, un problema de etiquetas? Sosteño que non. Sitúo o problema,con esta frase tan gastada, no significado do termo NACIONALISMO, non na súa adxectivación. Pois un nacionalismo en Galiza que non se sustente nas clases populares, no pobo traballador, na liberación social e nacional non é nacionalismo, é traizón ao pobo galego. O nacionalismo galego sempre tivo vocación de sumar, non de restar. Eis a razón de ser do BNG.

Lembro a mítica discusión de cafetería sobre se tería sentido que o Bloque seguira a existir o día que Galiza acadara a liberación nacional. Daquela, e agardo que agora, todo o mundo tiña claro que o BNG existiría mentres non acadara o seu obxectivo principal e as naturais diferencias ideolóxicas tomaran forma de proxectos políticos diferenciados.

Non me parece que chegara ese día, pero é posíbel que nazan diferentes partidos en Galiza, formados, entre outros, por persoas que militaban no BNG, partidos que se definirán coas etiquetas coas que quixeron vestir ao BNG, mais seguro non serán nacionalistas. E seguramente poderán acadar votos, mais non pobo. Porque o pobo, pide Patria.