Nacionalismo galego e "nova política" españolista

Nacionalismo galego e "nova política" españolista

O pobo galego existe. O nacionalismo galego, a súa expresión política específica ou xenuína tamén. A existencia deste non gusta aos que pretenden manter un deseño de dominio sobre o noso país, unha subordinación xa secular. Son os mesmos que non aceptan a nosa existencia como pobo ou non derivan dela a aspiración a contar con dereitos inalienábeis. Deste xeito, consideran natural, indiscutíbel e irreversíbel a nosa pertenza ao Estado español e mesmo nos dilúen nunha nación superior e única que se chama España. O dominio e a subordinación, nas que se fundamenta a integración de Galiza no Estado, é dicir, a dependencia, desaparecen. Convertémonos así en individuos, mesmo cidadáns, do pobo/Estado español. Porén as consecuencias desta forma de dependencia son ineludíbeis e visíbeis, con ou sen crise: paro, emigración, envellecemento, desaparición de sectores produtivos como agricultura, redución doutros como a pesca, desmantelamento da escasa industria, roubo do noso aforro...A aquiescencia, a resignación ou o panexírico do noso statu quo na España só conduce á indignidade servil, á caricatura, á anulación de toda vontade política propia. Nunha palabra, a desaparecer do escenario político como tal pobo. Espérase que as solucións veñan de fóra, considerando que escasa ou nula é a capacidade propia, e positiva toda submisión ou subordinación mimética a quen pode definir os destinos de España, o único importante, desde o centro do poder político, Madrid.

,O réxime político español está incurso nunha crise de lexitimidade social. A expresión desta crise canalízase na proxección do desacougo, do descontento e mesmo da ira populares contra a "política" e os "políticos", convertidos no frontón, na pantalla contra a que bater o desafogarse. A "política" e os "políticos" aparecen como causantes e beneficiarios dunha espiral inacabábel de corrupción, de grande impacto mediático, que indigna e irrita a unha sociedade que ve como empeoran gravemente as súas condicións de vida. Os problemas de fondo, derivados dunha política económica, social e cultural determinada por deseños da Unión Europea e do Estado español, desaparecen do centro do debate político. Desta maneira, é más fácil reducir todo a un problema de "chourizos", "castas", "roubos", sistema de partidos, perspectivas electorais....Sen a poderosa contribución dos grandes medios de comunicación ,públicos e privados, cada un á súa maneira, esta redución sería imposíbel. Eles son un factor esencial para canalizar o desacougo e o desconcerto populares. Non cómpre advertir quen son os seus propietarios: os poderes fácticos reais, os que determinan o modelo económico. social, cultural e político imperante. É de supor que nunha etapa de crise de lexitimidade, actuarán para manter o deseño que lles é favorábel, posibilitando, impulsando e canalizando que algo mude para manter a súa esencia. Non é de estrañar que estean dispostos a modificar o seu sistema de partidos, que xa non lles é útil para o control social, mesmo sacrificar algúns dos axentes protagonistas e institucións do réxime político actual. Tampouco é absurdo que dean asas a alternativas que, a curto prazo, podan canalizar descontentos populares se axudan a recuperar lexitimidade, tamén electoral, con novas expresións ou formas de españolismo máis eficaces contra o nacionalismo. Porque, cumpre non esquecelo, a única alternativa política, con base popular, á crise do réxime é a aposta independentista do pobo catalán. Toda a preocupación, intriga e estratexia da maioría dos poderes fácticos consiste en anulala a toda costa, así como impedir que acabe prendendo o exemplo noutras nacións do Estado.

,Veñamos a nós, ao pobo galego. Aquí quen se encarga de promover a alternativa española nova, crítica coa "casta" e cos "políticos" é un grupo mediático que representou sempre, e representa hoxe máis do que nunca, a anulación política de Galiza como pobo diferente, recorrendo iso si a usar con frecuencia o seu nome en van. Non por casualidade é tamén un dos máis delirantes axitadores contra o proceso soberanista catalán, coa finalidade de cavar máis fondo a foxa da dependencia de Galiza, da súa españolización. Malia un demagóxico criticismo, na liña de moda, contra a "política", os "políticos" e a súa corrupción, é o maior valedor ao mesmo tempo do PP na Galiza, moi en particular do Presidente da Xunta. Xa se sabe que, nas colonias, o eco da metrópole acada ás veces proporcións xigantes. Forma parte da mímese necesaria para manter o dominio. Dentro dese obxectivo, o impulso da nova alternativa é unha aposta moi axeitada para restaurar confianza no Estado español, atraer a un españolismo renovado a sectores sociais significativos e intentar impedir unha presenza institucional significativa do nacionalismo galego.

,
Podemos
é unha forza política española, de xestación madrileña, estruturada dunha forma ferreamente xerarquizada, con centro de decisión madrileño, que reforza a idea de España baixo a aparencia de organización simplemente cidadá. Se atendemos e reparamos no miolo do seu discurso comprobaremos que hai unha constante, a afirmación dun patriotismo español sen complexos. Hai actuacións e intervencións elocuentes. Preséntase unha querela contra Pujol. Alguén veu algunha contra as múltiplas corrupcións do PP? Porén non levanta ningunha suspicacia nin sospeita. O xa secretario xeral desliza que os cataláns preferirían estar gobernados por Podemos que por CIU e Mas, sen que esperte precaucións ou interrogantes sobre os seus obxectivos en Catalunya. Todo o que ten a ver coa estrutura do Estado español desvíao á decisión do pobo español ou a un proceso constituínte a nivel estatal, máis do mesmo. O seu afán confusionista chega ao extremo de retorcer a linguaxe con inversións e transferencias semánticas de intención evidente: España es un país de naciones, declarou hai pouco. Nada menos, a coloquialidade, a normalidade, o común, o non connotado, é España. Logo as nacións non son países? Que labilidade política enganosa a deste político pragmático! Non me estraña que o Ministro do Interior lle teña asignado a Iglesias un escolta persoal, funcionario do Corpo Nacional de Policía, para protexelo. Pode ser un merlo branco para España. Na aparencia parece un españolismo de baixa intensidade, mais, na práctica, será a máxima posíbel tendo en conta a conciencia nacional de cada pobo e o papel que ten no deseño estatal. É por iso que aquí, na Galiza, os círculos non só poden non definirse sobre ningún tema crucial para o noso país, senón tamén expresar unha ideoloxía e unha actitude claramente colonial sobre cuestións lingüísticas, culturais e non digamos políticas, sucursalismo a tope.

,Nestes momentos de confusión e de crise de lexitimidade, as ambigüidades ou os complexos no campo nacionalista á hora de tomar decisións non axudan. A estratexia e o deseño do poder está clara. Os efectos que se perseguen na Galiza tamén. Celebro que o BNG, acompañado de xente nacionalista sen militancia, teña optado por manter a alternativa nacionalista na Galiza, traballar por unha lexitimidade social e unha presenza institucional que resiste a onda españolizadora, esporeando a potencialidade do pobo galego. Se o pobo galego existe debe expresarse como tal, máis do que nunca nestas circunstancias.