Nacionalismo en Galiza, si ou si

Manifestacion del Dia da patria Galega, esta ma–ana en Santiago
Nacionalismo en Galiza, si ou si

Na encrucillada do imperialismo global, cos tentáculos coloniais máis activos que nunca na súa función zugadora (véxase a compra de R, perpetrada ante a inhibición cómplice de Feixóo), o dilema en Galiza xa non é só binario, españolismo e nacionalismo (que por suposto), senón que é máis ben, e aquí botarei man dunha expresión ao uso no xornalismo deportivo, Nacionalismo, si ou si.

Nacionalismo Si ou Si porque calquer outra opción supón a desaparición do País como tal. Calquer outra hipótese representa subordinar os intereses de Galiza a estratexias que non só é que se decidan fóra da nosa nación, senón que son absolutamente letais para nós. Tomemos o caso estremo de Grecia. Aquí tamén cumpre aplicar a palabra de orde Nacionalismo Si ou Si. Ou o pobo grego exerce o seu poder soberano ou fica convertido nunha colonia interior de Alemaña, un protectorado xermano con incrustracións norteamericanas vía o FMI. E neste caso o patriotismo é moito máis que un alegato moral ou abstracto: se se rendir Grecia, as súas clases populares sufrirán un retroceso enorme nas súas condicións materiais de existencia. O empobrecimento será masivo e, claro, o enriquecimento duns poucos medrará exponencialmente.

O proxecto nacional galego

Sobre o BNG descansa o proxecto nacional galego. E algo máis: a vertebración do País como tal. Se fósemos unha sociedade menos colonizada, até podería ser concebíbel que unha opción política autonomista ou rexionalista realizase a necesaria tarefa vertebradora. Pero nas condicións actuais de Galiza -submetida a un proceso de españolización lingüística rampante e cun Estado que ten un proxecto descaradamente recentralizador- non é esperábel -non o hai, nen o vai haber- nengún proceso de estruturación social galega que non responda a unha caracterización nacionalista.

Na miña experiencia no Congreso dos Deputados como xefe de imprensa do BNG durante o período 1996-2003, puiden comprobar empiricamente como os deputados do PP e do PSOE de territorios españois como Castela-León, Andalucía ou Asturias si se comportaban de acordo con criterios que poderíamos alcuñar de autonomistas ou rexionalistas. Ou sexa, estabelecían certas dialécticas de tensión territorial periférica co centro do Estado. Defendían os intereses materiais dos seus eleitores, das súas circunscricións. Os galegos do PP e do PSOE, non. Os galegos do PP e do PSOE sacrificábano todo no altar dunha entidade inefábel chamada España.

Lembro en especial o actual vicepresidente de Caixa Galicia e presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, quen á altura de 1996, primeira lexislatura Aznar, facía parte do grupo parlamentar do PSOE no Congreso: como esquecer a súa triste figura laiándose en plenos corredores do Congreso coa ladaíña de que "aquí todo o mundo fala do seu e ninguén se preocupa de España"! Ese españolismo máis papista que o Papa do galego que se intúe distinto, pero que quere facer méritos ante a Metrópole para ser admitido á destra de Deus Pai, fai inviábel calquer proxecto vertebrador de Galiza que veña da man das sucursais galegas das forzas políticas españolas. Eis o exemplo de Feijóo. Goberna o PSOE en Madrid, pero aterra en Santiago o ministro de Fomento en representación de España e o presidente dos galegos limítase a pór a súa sinatura nun papel -o Pacto Fraude do Obradoiro- sen facer previamente nengunha demanda. O servo acepta grazosamente o que o señor ten a ben dar. Non hai negociación entre iguais. Non hai defensa rexionalista nen autonomista do País. Hai mansedume e asunción de inferioridade.

Facermos visíbel o país

En Galiza os nacionalistas temos que construír a nación e temos tamén que facer visíbel o País. As dúas cousas á vez. O País está na cabeza de muita xente, pero doutra muita non. Se un fantoche pode erguer a bandeira localista no Norte ou no Sur contra a idea de que Galiza existe e ten intereses de seu, é porque existe terreo aboado e porque o País aínda non é percibido como tal por amplos sectores da nosa sociedade. E sen País non hai nación ou, mellor dito, non hai proxecto nacional que poda ser asumido pola maioría social.

Quer isto dicir que os nacionalistas debemos comportarnos como autonomistas ou como rexionalistas? Quero isto dicir que debemos abandonar as proclamas soberanistas para tempos mellores? En absoluto. A ausencia de autonomismo non é un déficit do País, é simplesmente un dos seus trazos definitorios, algo que nos caracteriza como nación colonizada e que nos distingue nomeadamente de Catalunya -onde si existen forzas políticas autonomistas e non nacionalistas. A superación da nosa dependencia non virá por que agrome o autonomismo ou pola imposíbel transformación piñeirista -puro idealismo- de PP e PSOE galegos. Virá porque nos decatemos de que debemos esforzarnos para traballar por abaixo, facer organización e facer sociedade. Virá porque teñamos sempre clara a perspectiva de clase do noso proxecto e non aspiremos futilmente a conquistar a segmentos sociais dos que é exactamente nada o que podemos agardar. De igual maneira que non veremos o autonomismo medrar nas fileiras dos partidos estatais, tampouco veremos a burguesía galega integrada ou interesada nun proxecto soberanista.

A responsabilidade que temos como nacionalistas é inxente, mais non debe abrumarnos nen atordoarnos. Si, en todo caso, debe facernos conscientes de que caste de dialéctica debemos privilexiar no combate político -Galiza/Estado ou, se preferirdes, pobo galego face as clases que usufruen o proxecto globalizador español. Non hai outra que traballarmos aínda máis na base, desde a unidade, sen perdérmonos en debates estéreis e divisionistas, para gañarmos cada día máis adhesións para a causa -necesariamente plural- da nación galega.