Na memoria de Antón Freixomil Blanco (Freixo)

Na memoria de Antón Freixomil Blanco (Freixo)

Até fai uns días non souben que o 24 de novembro do 2010 deixáranos o compañeiro e amigo Antón Freixomil Blanco. Díxome do seu pasamento un amigo común co que me atopei, por casualidade, nunha visita que fixen a fábrica onde eu traballaba. "Freixo", como era coñecido entre nosoutros, estaba ultimamente bastante afastado, non ideolóxica pero si fisicamente, dos ambientes nos que nos movemos os militantes da organización nacionalista en Euskal Herria.

Naceu en Ferrolterra, na parroquia de Serantes do axuntamento de Ferrol, polo ano 1945 e aos 11 ou 12 anos emigrou xunto con seus pais a esta patria do lendario Aitor. Ao pouco de chegar pasou a vivir en Otxarkoaga, un barrio construído con moitas deficiencias, a primeiros dos anos sesenta, en pleno "desenrolo" franquista, para dar cabida as familias obreiras que vivían en chabolas nos arredores de Bilbao. Alí empezou a forxar a súa conciencia de clase sen perder nunca o amor que profesou a terra que o veu nacer, a pesar da corta idade coa que saíu dela. Lembro que nunha ocasión invitou publicamente nun diario a tomar un café na súa casa ao entón alcalde de Bilbao, Jon Castañares Larreategui, para que vira as condicións deplorables nas que se atopaban aquelas vivendas que foran o orgullo do franquismo. O alcalde do PNV non aceitou o convite.

Foi el, conxuntamente con Xan, "O Mariñeiro" (a quen coñecín este ano no Día da Patria e atopei despois na Asemblea Nacional do BNG), os que fundaron a AN-PG e a UPG aquí en Euskal Herria a primeiros do ano 1977. Para moitos de nós foi o primeiro contacto que tivemos neste pobo con esas organizacións nacionalistas. Era un referente para todos nosoutros, un home que se preocupaba moito pola formación política, organizando para elo lecturas colectivas e seminarios nos que debatíamos o Sempre en Galiza e outros textos clásicos do nacionalismo galego. Os seus análises sempre eran certeiros e tiña a virtude de explicar sinxelamente o mais difícil.

Tamén, en decembro daquel ano de 1977, reaparece en Galiza a cabeceira do periódico "A Nosa Terra" e non se cansou de patear rúas e pobos para facer subscritores incluso nos ambientes menos propicios. Así fixo que xogadores do Athletic de Bilbao, dirixentes de partidos políticos vascos, dos sindicatos vascos e outros personaxes importantes desta sociedade recibiran ese periódico todas as semanas na súa casa. Imprimía ilusión a militancia facendo que fora moito mais activa e así eran numerosos os actos organizados polo Frente Cultural da AN-PG en barrios de Bilbao e pobos dos arredores con charlas, conferencias e exposicións de libros e cerámica galega.

Non foi a súa unha vida doada pero sóuboa afrontar con unha grande dignidade: Perdeu practicamente a vista nun maldito accidente de coche ocorrido nos anos 89 ou 90, pero aínda así aprendeu o éuscaro, porque era consciente de que o idioma é a alma dos pobos e porque non fai falta renunciar as orixes para integrarse no pobo de acollida. Uns anos mais tarde dese accidente deixou a militancia activa pero seguía estando ao día dos aconteceres políticos que se daban, tanto en Galiza como en Euskal Herria, porque nunca esqueceu a súa clase, o amor a patria de nacemento nin ao pobo que o acolleu.

Gustaríame poder oír as suas análises do que está a suceder hoxe dentro do nacionalismo galego, pero seguro que desconfiaría dos que queren seguir a liña política que lles marcan eses medios de comunicación que sempre nos repudiaron e agora dóuranlles a píldora para dividirnos. Seguro que pensaba que non hai nacionalismo posible fora do BNG e, coa sorna que o caracterizaba, diría que fora fai moito frío porque a dereita nunca agradece os favores. Ó que se sae da manada cómeno os lobos por moi amigo que se queira facer deles, diría el con un sorriso. Pero fóisenos. Foise tan discreta e silandeiramente como viviu entre nosoutros; calada e sinxelamente, sen facerse notar, pero a pegada que deixou entre nós non se borrará tan doado. O seu corazón non puido aguantar mais esta sociedade individualista e insolidaria en que se converteu este sistema avarento do "libre mercado", carente dos mais mínimos valores éticos e morais. Sinto moito que se nos fose sen que os compañeiros e amigos lle puidéramos facer a homenaxe que tiña ben merecida pola súa traxectoria vital.

Moitos dos discípulos daquela época dourada do nacionalismo galego en Euskal Herria, que volveron a Galiza, e que aínda seguen a traballar dentro do nacionalismo galego, compartirán o que estou a dicir e a influencia que tivo o compañeiro Freixo na súa formación ideolóxica. Terémolo presente en todas as batallas, tanto nacionais como sociais, e intentaremos seguir o seu exemplo de coherencia, honradez e amor a patria.