Na defensa da biodiversidade
Os datos son esmagadores xa que están en perigo en todo o continente europeo o 42 % das especies de mamíferos, o 15 % das aves e o 52 % dos peixes de auga doce ademais de moitos ecosistemas locais singulares e mesmo outros xerais e comúns como é o medio mariño.
Por poñer un exemplo, o coello, unha especie que se se lle deixa sáese do monte, dada a alta capacidade de reprodución que ten, é inexistente en moitas partes do noso país, e existen grandes superficies que podemos clasificar como ermo de biodiversidade, por citar unha: o sur da provincia de Pontevedra, no que a maior parte da superficie estivo castigada polos lumes reiterados nos últimas décadas ou inzada de monocultivos forestais.
2010 fito para a biodiversidade
O ano 2010 marca o prazo no que a Comunidade Europea programou marcar un fito na defensa da perda de biodiversidade (deter a perda da biodiversidade para o 2010, documento da CE, Bruselas, 22.5.2006, COM(2006)), así foi declarado polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente o ano da biodiversidade, mais, no mellor dos casos, non pasará de vacuas celebracións diante dunha repoboación. Por outra banda, dado o analfabetismo ambiental funcional xeralizado socialmente, son tamén actividades necesarias, mais pouco efectivas, na reclamación do impedimento da reducción da biodiversidade.
Desde un punto de vista só meramente económico, argumento do que trato de fuxir por utilitarista mais ao que sempre hai que recurir, unha maior biodiversidade beneficia ás xeracións actuais e futuras, en base aos servizos que os ecosistemas prestan á humanidade: produción de alimentos, combustibles, fibras e medicamentos, regulación do ciclo da auga, do aire e do clima ou mantemento da fertilidade do chan e do ciclo dos nutrientes.
É difícil asignar un valor monetario concreto a estes servizos a escala mundial, mais estímase que representan varios centos de miles de millóns de euros ao ano. Estes servizos sustentan o crecemento, o emprego e o benestar, dos que poden, no mundo.
Nos países en desenvolvemento, son imprescindibles para acadar os seus obxectivos. Aínda así, segundo a Avaliación de Ecosistemas do Milenio, ao redor de dous terzos dos servizos dos ecosistemas mundiais están en declive pola explotación excesiva así como a diminución da diversidade das especies, que garante a súa estabilidade. Comentario recollido no mesmo documento citado da CE.
Desenvolventismo e supervivencia
Esta é unha das contradiccións fundamentais do capitalismo: o carácter social da producción e o xeito capitalista de apropiarse privadamente do producto do traballo.
Un dos resultados disto é que actualmente, a diferenza do que ocorría hai 50, 100 ou 500 anos, a ecoloxía converteuse nunha cuestión política importante en moitas partes do mundo. Existindo movementos políticos significativos organizados ao redor do obxectivo específico da defensa do medio ambiente, para impedir unha maior degradación e intentar reverter a situación na medida en que sexa posible. En moitos casos os movementos de desenvolvemento social dos países pobres asumen a cuestión ecolóxica como natural e indisociable dos seus obxectivos políticos.
Diante da pregunta de que si pode ser significativa a perda da biodiversidade na evolución do planeta, a resposta é que: posiblemente non dado que a vida tense reducido de tal xeito que cun pouco de variabilidade xenética, a radiación evolutiva consegue chegar a unha ampla biodiversidade, é o caso do paso da hexemonía reptiliana á mamífera, mais esta dialéctica evolutiva en nada xustifica ao productivismo extincionista.
Permitir pois a perda de biodiversidade é reducir as posibilidades de sobrevivencia humana nas xeracións futuras, é restar posibilidades de pervivencia no planeta a todos os seres vivintes, é, en definitiva, deixar ao capitalismo saírse coa súa.