Municipais: A oportunidade de poñer freo á política de desmantelamento de Galiza do PP
Pasado máis dun ano desde as eleccións á Xunta xa quedou ben claro a liña política que quere desenrolar o PP: Anulación dos avances do bipartito, nomeadamente os de responsabilidade nacionalista, negación da identidade, cultura e lingua propias, perda da condición de nacionalidade histórica para Galiza convertida en laboratorio político ao servizo de Xénova, redución ao mínimo da acción dun goberno absolutamente paralizado, supresión ou redución de incontables servizos sociais... Resumindo: antepoñer os intereses partidistas madrileños ao servizo a nosa nación.
Se sempre foi necesario o traballo dos que aman verdadeiramente Galiza, son estes tempos, cunha dereita estatal escorada á estrema dereita onde perdeu xa todo tipo de complexos e mostra a súa real ideoloxía, nos que se fai máis preciso pechar filas e poñer o esforzo conxunto, deixando de lado calquera outro tipo de consideracións, cara a pararlle os pés á agresión brutal que está sufrindo a nosa terra. E son as vindeiras eleccións municipais de maio a primeira oportunidade para facelo, cara a ter as maiores responsabilidades de goberno municipal que permitan a posta en práctica dos nosos principios.
É absolutamente imprescindíbel a defensa dos servizos públicos nos concellos que suplan a eliminación ou privatización de moitos deles por parte do goberno da Xunta de Galiza. Non se pode deixar en mans privadas servizos irrenunciables, suxeitos as consideracións económicas de empresas particulares.
Á vista da falta total de actuacións que palíen a actual crise económica e o incremento galopante do paro, hai que reactivar a economía utilizando a xustiza social para saír da crise. Temos que protexer os sectores económicos máis afectados, entre eles o pequeno comercio, e impulsar as particulares potencialidades de cada municipio como motor económico local. A defensa do emprego será un eixo fundamental nas políticas municipais.
Un contacto directo con todos os axentes sociais, nomeadamente os máis afectados pola crise, ten que servir de canle directa cara a deseñar as actuacións que minimicen situacións precarias de determinados sectores. O programa nacionalista será o programa dos movementos sociais.
E este desenvolvemento ten que ser sustentábel, tanto ambiental como socialmente. Non se pode comprometer o futuro con políticas sociais e ambientais de curto percorrido, é preciso que as solucións sociais e a protección do medio ambiente aseguren un porvir mellor para Galiza.
Que dicir dos ataques á identidade galega, a nosa lingua, a nosa cultura. Terán que ser os concellos os que protexan todo elo levando a cabo políticas activas de defensa e fomento do noso patrimonio, tanto dentro como fora das institucións locais. Confiemos que todo elo, xunto coas mobilizacións sociais, sirva ata que de novo na Xunta se volvan a ter responsabilidades que posibiliten a defensa do noso.
Si falamos de urbanismo, ollamos con preocupación as constantes e reiteradas medidas que o PP vai adoptando e que nos están levando a unha cada vez maior desprotección do territorio favorecendo, en cada paso, unha construción máis indiscriminada. Realmente pon os pelos de punta repasar todos e cada un destes pasos e toca, dentro das competencias municipais, contrarrestalos no posible, poñendo un pouco de sentidiño no urbanismo dos municipios.
Que se pode esperar dun goberno da Xunta que nin acude en Bruxelas a defender en comisións o agro galego, tendo capacidade para facelo, deixando sen palabra a defensa de puntos clave da produción agraria galega como o sector lácteo. E a última novidade é que Estremadura representará a Galiza na negociación das cotas pesqueiras na UE.
Non se pode obviar a situación económica dos concellos que dificultará todas as medidas comentadas. A crise trae como consecuencia unha diminución dos ingresos propios (menos ingresos por licencias, por taxas...), dos ingresos provenientes do Estado (no que incluso haberá que devolver cartos adiantados pola baixada dos ingresos previstos), dos da Xunta e mesmo a limitación, agora matizada, da posibilidade de endebedamento.
Agrava o asunto a asunción de competencias impropias, por desleixo doutras administracións, sen a conseguinte transferencia orzamentaria, así como gastos derivados da realización de trámites gratuitamente para o Ministerio de Xustiza, a Dirección Xeral de Tráfico e o INE. É preciso reclamar unha solución a estes temas que arranxarían a delicada situación económica dos concellos. Isto e a urxente revisión dos criterios de distribución dos fondos do estado que prexudican enormemente aos galegos por non incluír aspectos tales como a dispersión e o envellecemento da poboación.
Como xa se insistiu noutras ocasións, non se pode demorar máis unha Lei de Financiamento da Administración Local que remate de vez coas políticas de subvencións caciquís que se practican tanto na Xunta como en determinadas Deputacións.
E falando das Deputacións, levamos insistindo que dunha vez por todas se reestruture o mapa de competencias, dando xa os primeiros pasos para a súa desaparición e o deseño dunha nova ordenación do territorio. Porque, ademais, son os servizos mancomunados en comarcas e áreas metropolitanas os que proporcionarán o balón de osixeno que permitirá racionalizar o gasto público optimizando os investimentos. Ou sexa, a posta en común de todos os Servizos dende a corresponsabilidade, cooperación e a optimización dos recursos públicos.
Estamos pois na hora dos concellos, aos que hai que levar as políticas sociais nacionalistas que protexan a Galicia dos ataques furibundos que teñen como obxectivo diluíla nunha "rexión" ao servizo de Madrid. E isto como primeiro paso para que a recuperación de responsabilidades na Xunta acabe levando a Galiza e aos galegos ao sitio que lles corresponde.