Municipais 2011. O BNG por si propio

Municipais 2011. O BNG por si propio

As eleccións municipais do vindeiro 22 de maio constitúen para o BNG unha magnífica OPORTUNIDADE para reforzar o nos proxecto político. O debate ideolóxico que se está a suscitar non só vai incidir nas propostas de carácter local, de futuro para cada concello, senón que vai estar moi condicionado pola conxuntura política de carácter mais global.

O rexeitamento social que están provocando as medidas neoliberais impulsadas polo PSOE, compartidas e aplicadas tamén polo PP seguindo ambos as directrices da UE e do FMI -ao servizo do gran capital financeiro- vannos permitir situar ao BNG coma o único defensor dun modelo económico
alternativo.

Os posicionamentos inequívocos que o BNG ven defendendo fronte ao recorte de dereitos e conquistas sociais deben permitirnos situar ao BNG como referente e alternativa diferenciada diante dun bipartidismo estatal PSOE-PP que comparten a mesma visión na orientación da política económica.

Sen complexos debemos defender as nosas propostas a respeito dos dereitos laborais, dos servizos públicos, do sistema público de pensións, da existencia da caixa de aforros como instrumento financeiro ao servizo da sociedade galega. Debemos reiterar as nosas propostas a prol do autogoberno, do noso idioma, da nosa cultura , da nosa identidade. Debemos publicitar as nosas propostas a prol da economía produtiva fronte a especulativa, as nosas alternativas para un sistema fiscal mais xusto e progresivo... Debemos facelo explicando pedagoxicamente as nosas alternativas e criticando abertamente as políticas que o goberno do PSOE está aplicando.

O traballo social realizado nestes meses e posto de manifesto nas mobilizacións multitudinarias contra estas políticas regresivas, o traballo institucional realizado no Congreso, no Senado e no Parlamento Galego deben servirnos para emitir un discurso complementario das propostas de carácter local que nos permita conectar con amplos sectores da sociedade galega contrarios a estas políticas neoliberais. As nosas son unhas posicións claramente contrarias as políticas de dereita que tanto PSOE como PP están practicando.

Abertamente debemos combatelas tamén no debate eleitoral das municipais. As posicións do BNG son ademais unhas posicións que comparten en Francia, en Portugal, en Grecia, en Irlanda..., as maiorias sociais que defenden os seus dereitos.

Reforzar o contacto social nesta campaña eleitoral e aproveitar a oportunidade para defender as nosas propostas na batalla ideolóxica na que estamos inmersos contrastando as nosas posicións é a mellor fórmula para reforzar tamén as nosas posicións eleitorais.