Mundial, austeridade, albariño, narcóticos e demagoxia

Mundial, austeridade, albariño, narcóticos e demagoxia

Xa veremos o que pasa o domingo se gaña "la roja", será unha borracheira de felicidade porque "gañaron os nosos", "somos campeóns", "somos os mellores", Zapatero recuperará un par de puntos nos inqueritos de popularidade e intención de voto e Rajoy despois de facer unha mueca de contrariedade por non poder botarlle a culpa da derrota futbolística á política zapateril fará gala do seu patrioterismo español porque tamén no seu caso "somos los mejores".

O luns é 12 de xullo, o martes 13,, o mércores 14, e irán caendo os días no almanaque un tras outro pero seguirán presentes nas nosas vidas seguirán a crise, os parados, os EREs, o pago do mesmo IVA xa te chames Amancio Ortega dono de Inditex ou Inés Pereiro parada galega número 126.342 nas estatísticas oficiais. Poucos farán referencia aos 600.000 euros que meterá no seu peto cada un dos xogadores da selección española no caso de gañar ou aos 120.000 que xa lles demos por chegar á final do mundial, e menos serán aínda os que lembren que o deputado do BNG Francisco Jorquera presentou no parlamento español o pasado mes de xuño unha iniciativa para que o goberno español lles esixa ás equipas de fútbol o pago das débedas que teñen con facenda e coa seguridade social, unhas débedas que ascenden a 627 millóns de euros e 4,9 millóns de euros respectivamente.

Hai un par de días o portavoz do BNG no concello de Cambados Victor Caamaño presentou unha moción para que en consonancia co discurso de austeridade que tanto predican o alcalde e o seu partido o PP elimine este ano o xantar da Festa do Albariño. A do Albariño é a festa máis importante de Cambados e o xantar da mesma coñécese popularmente desde hai anos en toda a comarca como o xantar do PP, pois nel participan de "gratís" todo tipo de cargos e caciques do PP. O portavoz municipal do BNG daba o dato de que no 2008 o concello, é decir os veciños e veciñas de Cambados, déronlles de xantar a 629 persoas gratis o que a un prezo de 50 euros o cuberto supón un gasto de 28.700 euros, nun concello que segundo o Consello de Contas de Galiza está entre os 30 do noso país que teñen unha situación moi próxima á quebra financieira.

Estes son dous exemplos, un estatal e outro local da demagoxia e do emprego que o sistema fai de determinados símbolos, empréganse como droga dura para que todos e todas nos chutemos. E aínda poderíamos engadir un exemplo nacional se collemos a relixión, tan de moda este ano na Galiza e da que xa falaba Marx como "opio do pobo", e nos perguntamos canto nos vai custar a eses galegos e galegas que estamos na ruína debido ao despilfarro do bi-goberno a famosa visita do Papa no vindeiro mes de novembro.

Hoxe hai moita xente, incluso persoas progresistas noutros aspectos da súa vida, que abandonan toda racionalidade diante dun campeonato de fútbol unha determinada festa, un concerto, unha determinada marca de coche, etc...; e non son eu quen considere que a vida debe ser só puro raciocinio sen deixar nada para o sentimento ou para os símbolos, é máis, animo a quen estea lendo este artigo a ler a continuación un publicado por Néstor Rego hai uns días co que me identifico plenamente.

Os símbolos forman parte do imaxinario persoal de cada un e do imaxinario colectivo de cada pobo, o seu emprego ou a súa desparación non se fan de xeito inocente, e por tanto nós non podemos actuar diante deles asepticamente. "La roja" é a burda exaltación da unidade de España fronte aos perigos de disgregación, o xantar do PP é o escaparate co que buscan amosarlle ao pobo que son eles os que mandan, nin a primeira é unha selección deportiva nin o segundo unha celebración de viticultores.

Atreverse a poñer enriba da mesa as débedas que teñen os clubes de fútbol do estado español e criticar o xantar sectario de Cambados é enfrontarse a moita xente que non quere problemas e prefire poñer unha venda nos ollos antes que denunciar con exemplos a demagoxia dos xestores do sistema, de aqueles que en Madrid veñen de decidir non cubrir 10.000 vacantes de postos de traballo nas distintas administracións e servizos públicos coa excusa de aforrar ou aqueloutros que na Galiza veñen de disolver o Consorcio Galego de Servizos Sociais.

Os representantes públicos dunha forza política como o BNG, que busca transformar a sociedade deben enfrontar a realidade con valentía e intelixencia, sabendo que iso supón moitas veces ir contracorrente e ten custes persoais. Por iso creo que os compañeiros Paco e Victor merecen que lles deamos os parabéns polas iniciativas presentadas, ese é o camiño.