Mulleres e poder
![](/asset/thumbnail,1280,720,center,center/media/terraetempo/images/2022/07/18/20220718121143043831.jpg)
É precisa a presenza das mulleres nos espazos de decisión colectiva na mesma proporción que participan da vida. Só neste suposto as mulleres e os homes estarán representados equitativamente; e esta é a esencia da democracia paritaria.
A Declaración de Atenas, aprobada no primeiro Cumio de Europa Mulleres no Poder celebrada en Atenas o 3 de novembro de 1992, á que concorren responsábeis políticas pon en evidencia como o acceso das mulleres aos dereitos políticos formais (voto, presentarse a eleccións...) non conducirá á igualdade na práctica e proclamábase a necesidade de acadar un reparto equilibrado dos poderes entre mulleres e homes. O recoñecemento polas institucións da democracia paritaria ten o seu xermolo nas accións das mulleres e do movemento feminista demandando a igualdade no acceso á educación, no traballo asalariado e na vida política e rematando coa reivindicación dunha participación equitativa e equilibrada das mulleres e dos homes nas institucións democráticas e nos procesos de decisión política. A partir desa declaración, o Consello e o Parlamento Europeo aprobarán recomendacións e resolucións para pór fin á situación actual das mulleres, caracterizada pola desigualdade profunda en todas as instancias e organismos de decisión públicos e políticos a todos os niveis.
Para que a representación sexa representativa debe ser fiel reflexo da realidade que representa, e para isto, é precisa a presenza das mulleres nos espazos de decisión colectiva na mesma proporción que participan da vida. Só neste suposto as mulleres e os homes estarán representados equitativamente; e esta é a esencia da democracia paritaria.
A ausencia das mulleres na vida pública débese en gran parte ao concepto de cidadanía acuñado na Ilustración que atribuía o estatuto de cidadá só aos varóns. Esta decisión non estivo exenta de polémica, xurdindo voces contrarias á mesma como Nicolás Condorcet ou Olimpe de Gouges que no 1791 redacta a Declaración dos dereitos da muller e cidadanía, a cal lle custa a vida, xa que remata sendo aguilloada. Esta posición contribuíu, ao nacemento do pensamento feminista, sendo a obra de M. Wollstonecraf Vindicación dos dereitos da muller das máis relevantes neste campo.
A exclusión da cidadanía das mulleres, fixo que a participación política das mulleres non fose aceptada nos mesmos termos que a dos homes ao longo da historia como pode apreciarse polas datas nas que se implantou o sufraxio feminino no Estado Español, o ano 1931. En cambio, o sufraxio masculino estabelécese por Decreto do 9 de novembro de 1868, consagrándose despois das eleccións de 1869, coa aprobación da constitución ese ano. As mulleres aínda non puidemos conmemorar os cen anos do dereito ao voto.
Apróbase o dereito ao voto das mulleres asegurando deste modo a igualdade no sufraxio activo, pero fixo falta chegar ao século XXI para que se regularan normas para facer efectiva a igualdade de xénero no sufraxio pasivo. A Lei orgánica 3/2007, para a igualdade efectiva de mulleres e homes vén a incorporar a presenza equilibrada de mulleres e homes modificando varios artigos e introducindo un novo artigo 44.bis na Lei orgánica do réxime electoral(LOREG), garantindo que as candidaturas electorais teñan un mínimo dun 40% de persoas de cada sexo.
Os datos son clarificadores, mulleres que ocupan a xefatura dun estado ou dun goberno non sobrepasa o 5%. Arredor de vinte mulleres teñen posicións de primeiro nivel nos seus países, a chanceler alemá Angela Merkel, a ministra croata Jadranka Kosor, a presidenta de Liberia, Ellen Johnson Sirleaf, Julia Guillard en Australia... e en breve incorporarase Dilma Rousseff no Brasil. O mesmo acontece coas mulleres que ocupan carteiras ministeriais ou secretarias de Estado nos executivos que non alcanza nin o 20%. E se seguimos analizando por escalas, contemplamos como se acentúa máis a disparidade ou desequilibrio na presenza de mulleres e homes en postos decisorios.
Tampouco está igualmente valorada a mesma actividade cando é desenvolta por unha muller ou cando o é por un home. Neste sentido, hai moitas resistencias a recoñocer autoridade ás mulleres. Claro exemplo disto, puidémolo apreciar na recente campaña á presidencia do Brasil, na que a vida persoal da candidata do PT, Dilma Rousseff, foi rastrexada e denigrada con toda clase de mentiras. A esposa do candidato que disputaba a presidencia, Mónica Serra chamouna "asasina de nenas" pola súa postura fronte ao aborto...
Mais mulleres nas cámaras pode dar lugar a un maior empuxe á solución das preocupacións e problemáticas femininas (necesidades e intereses prácticos de xénero). Pero ademais, nas cuestións xerais as mulleres poden achegar o seu punto de vista para contribuír á axenda política, económica e social do país. Agora ben, as cousas non son automáticas, moitas mulleres cando chegan ao poder comezan a exercer certas posicións relevantes, reproducen patróns ideolóxicos, culturais e políticos da forza á que representan, e esquécense das reivindicacións de xénero. Arredor desta cuestión, hai un debate entre quen pensa que unha vez no poder as mulleres masculinízanse e reproducen os modelos construídos polos homes, o que se reflicte coa tradicional e coñecida frase "Corpo de muller non implica conciencia de xénero" e entre quen pensa ou cre que a paridade implicará un cambio nas políticas. E ademais esta última postura, recalca o liderazgo máis interactivo que posúen as mulleres, que estimula unha maior participación e menos agresividade. Isto pode lembrarnos a polémica creada nas Cortes españolas, cando os partidos progresistas non defendían o voto das mulleres polo carácter reaccionario.
En calquera caso, para non detérmonos nesta cuestión sobre a forma de liderar das mulleres, as súas características... a presenza das mulleres nos postos decisorios:
-É necesaria porque as mulleres somos o 50% da poboación e temos que estar presentes na mesma proporción nos ámbitos onde se toman as decisións que nos afectan como integrantes da sociedade.
-É necesaria porque se queremos ser libres temos que empezar por ser iguais. Sen participación política feminina non podemos falar de democratización dun país.
-É necesario ese cambio simbólico, para que se empece a visibilizar e nomear as mulleres.
-É necesaria, para conseguir esa sociedade igualitaria que algúns e algunhas desexamos.
As políticas de igualdade amósanse na práctica de cadaquén, ben individualmente ou colectivamente. No caso, do goberno do Sr. Feixoó, quedou patente que a súa defensa da igualdade é nominal (restrinxida a creación da Secretaria Xeral de Igualdade) desde o inicio do mandato, nomeando un goberno no que as mulleres teñen unha mínima presenza, sen alcanzar ese 40% o mínimo obrigatorio. Estes días mesmo, o TSXG non entraba a decidir ante o recurso interposto no seu día polo PSOE pola falta de lexitimación do recorrente, non entrándose polo tanto, na causa, no fondo da cuestión. Ante esta tesitura o BNG xa anunciou que pedirá que sexa o Parlamento que se presente como institución para interpor o recurso ante o TSXG. Convén aclarar que se está a incumprir a lexislación vixente, mais iso, non é nada novo, senón característica do goberno actual, como podemos apreciar coa desvalorización e desprestixio que está a outorgar a un dos sinais identificativos de calquera pobo: a lingua.
Remataremos celebrando que despois de 510 anos de historia do Brasil, acceda á presidencia unha muller, e facémonos eco das verbas que iniciaron o seu discurso tras a súa vitoria "honrar as mulleres brasileiras para que este feito, até hoxe inédito, se transforme en suceso natural".