Muller galega e coidadora, que futuro lle agarda?
Hai tempo que nos medios xa non se len novas sobre dependencia como si os dependentes en Galiza non existisen ou fosen un simple numero estadístico cando a realidade é ben distinta e moitos dependentes de coidadores están cansos e resignados coa situación que lles queda vivir. Non lembro cando foi a ultima vez que deron as cifras reais do numero de dependentes ou do numero que esta esperando polas axudas.
Os datos da poboación galega indican que cada ano a poboación galega avellentase e isto fai que as posibilidades de rematar sendo dependente son maiores e pola contra cada día resulta unha lotaría poder acceder a algún tipo de axuda da maltrata Lei da Dependencia.
Por moito que nos vendan que en Galiza o paro baixou en xullo en 12.332 persoas hai que recalcar que o número de galegas paradas (133.626) supera o de galegos (127.476) e esta taxa disparase se comparamos a poboación activa do rural a das cidades producíndose grandes diferenzas.
Estes datos de incremento de paradas galegas e a mal chamada crise coa que nos bombardean día tras día fixo que moitas mulleres ao ter que regresar ao fogar e ver reducido os seus ingresos se fixesen cargo dos seus maiores e dos familiares dependentes pola imposibilidade atopándose de cara coa realidade de non poder acceder a axudas ou despois de moito papeleo ver que estas chegan cando o dependente xa faleceu.
Despois de reducir o orzamento da lei da Dependencia, logo de vapulear os dereitos dos galegos e de ver como retrocedemos en moitos aspectos sociais que se agravan nos casos das mulleres que pasa cando os coidadores xa non teñen que coidar os dependentes?,Mulleres que pasaron moitos anos coidando aos seus familiares, que entregaron parte da súa vida laboral activa a atender os seus dependentes tópanse desamparadas cando intenta regresar a súa vida laboral e recuperar a súa auto-estima laboral. Empeorando esta situación se estas mulleres cando intentan regresar a esta vida laboral se atopan dentro dos grupos de maior taxa de desemprego como pode ser a idade. O único que se atopan é un muro que non ven fácil saltar.
Ninguén se preocupou por facer unha política de emprego ou social para este grupo de persoas que despois de anos atópanse fora de sitio nunha sociedade que mudou e que o único que fixo estes últimos catro anos foi restar prestacións e si isto non fose suficiente resulta que agora a Patronal propón que as pensións de viudedade se anulen e pasen a ser non contributivas. E si en Galiza temos un poboación avellentada tamén temos as pensións máis baixas do estado segun os datos do INSS, as pensión galegas son 169 euros máis baixas que a media do estado español e o mes de abril o número de pensionistas ascendeu a 454.420. Unha medida que de aprobarse agravara a situación de moitas galegas.
Podería por unha ringleira de exemplos de mulleres que se ven cun futuro incerto, que pasaron anos coidando a país ou fillos, que o mercado laboral non conta con elas, que se ven reducidas a ser consideradas unha carga polos actuais gobernantes do estados español empezando pola ministra de sanidade , servizos sociais e igualdade pasando polos dirixentes da Xunta de Galiza con competencias na materia e sen esquecernos dos membros dunha patronal que so pensan nos seus beneficios explotando a traballadores ata que acaben convertidos en escravos e polos integrantes dunha estrutura chamada Conferencia Episcopal que son ven as mulleres como ventres reprodutores sen vontades e sen dereitos.
Agardo con tristura e inquedanza setembro porque estou segura que os dereitos das mulleres volverán ser feridos e destruídos sen compaixón, sen miramentos e o que é moitas veces peor e que os firma unha muller, máis ben o firma unha personaxe que non sabe que fai un xaguar no garaxe ou que di que o seu momento máis feliz do día e ver como visten os seus fillos pola maña, con estes pensamentos e cos feitos que se están producindo a golpe de lei ou decretazo so nos queda loitar, defender a nosa dignidade e sobre todo defender que somos mulleres.