Morreu o PP do cementón


Petar no corazón da xente nova para que salve a cultura e as entrañas de Galiza e así se salven a si mesmos como pobo, é mais urxente incluso que os votos. Non ten porque andar a claridade electoral parella coa conciencia social. A realidade social na que vives pódeche axudar a ter conciencia dos teus intereses, o voto depende en moitos casos das últimas fumigacións mediáticas. Os lerios intestinos e as pelexas mafiosas dos grupos de Madrid, capital de tanto capital, é posíbel que teñan a parella de xestores (PP e PSOE) desconcertados e ande inventando un can que ladre e non morda para volver as ovellas a currada. Todo ser ben pensante en Galiza se decata de que o BNG é imprescindíbel para poñer a navegar este barco que se chama Galiza. A tripulación é boa, hai riquezas a bordo pero temos demasiada admiración polos “piratas”. Inda que estamos percibindo a ollos vistos que os piratas están tirando todo pola borda (agro, naval, peixe, pequeno comercio, lingua …, ou pasándolle en fardelos a outros veleiros os nosos tesouros, non se da superado o pensamento tan atrasado de que “ mais vale o ruín coñecido que o bo por coñecer”. O poder da voz, ou das voces mercenarias é tanto, aquí e agora, que o refrán volve mudar e a xente fanlle crer que “mais vale o bo por coñecer que o bo coñecido”; ou chegado o caso, “mais vale o bo fantasiado polos de fora que o bo comprobado polos da casa”. ¿ que fixemos pouco no Goberno BNG? ¿ Que veu despois mais que desprezo e desfeita? Non estou a facer xogos de verbas si non a fundamentar a afirmación, que semella moi arriscada, de que “chegou a hora do nacionalismo galego”. A visión pesimista e de auto-odio que poida estar tan espetada nun país sometido e cheo de frustracións (alguén falaba moito dunha “frustración social prematura”) non hai a mesma oportunidade de mudala cando os contrarios ao teu país son moi estimados e queridos, ou temidos. que cando a xente que reflexiona perde a confianza neles e o medo. Xa percibo de repente a contra-argumentación: Que perdan a confianza no PP ou no PSOE non quere dicir que a teñan no BNG. ( Non deixo de nomear outras siglas por comenencia, si non porque evolucionan con tal velocidade que xa me perdo ate nos nomes …) Non está a clave do futuro de Galiza en que os galegos e galegas teñan confianza electoral no BNG, nin confianza no BNG a secas, que é moito mais importante, non señor! O importante é que teñan confianza nas FORZAS POLITICAS PROPIAS, nas forzas sindicais propias, nas forzas produtivas propias, nas forzas culturais e artísticas propias, etc.

Pero mal podemos convencer aos demais si en canto soa a voz do demo somos os nacionalistas os primeiros en escoitar o canto de cal quer serea estranxeira sen decatarnos de que saben cantar moi ben as das nosas costas. Deixemos de seguir apoucados no BNG pensando que a xente non nos considera ou non nos ve útiles. A xente ten as mesmas dúbidas que temos nos, que tamén somos pobo. De xeito un pouco simplificado, pero que centra o problema, a xente ve os caciques, aos ricos, aos de Madrid como os que mandaron e seguirán mandando; e aos do BNG como os que os defenden e seguirán defendendo; e a eles mesmos como un pobo que non valemos para nada.

CENTREMOS O NOSO DISCURSO EN FALAR DE NOS, DE GALIZA, DO MOITO QUE TEMOS E DE CÓMO LOGRAREMOS REVIVILO. HAI QUE DICIR MOITAS MAIS VECES BNG E MENOS PP. En Galiza non precisan atacarnos como en Cataluña, aquí chega con distraernos. NUNCA TANTO FALAMOS OS GALEGOS/AS DE POLÍTICA E NUNCA MENOS FALAMOS DOS PROBLEMAS POLÍTICOS NOSOS. Falamos do que nos indica a voz do demo ou outras voces. Falamos da corrupción dos políticos sen decatarnos de que o problema é a acumulación que fan os ricos. Collan tódalas amizades que Esperanza Aguirre nomeou e díganme quen non era, antes de entrar en política, da súa crase social, a dos peixes gordísimos.

Poñan a orella e anoten nunha semana as veces que van a oír esta reflexión: “Xa verás despois de todo o que está pasando como lle volven votar aos mesmos”. Inda que o pareza esta reflexión non supón claridade política, si non esta outra: “Xa é hora de que a xente en Galiza vote por quen defende o que temos e non polos que acaban con todo”.

Pero si escoitamos, tal como informa a voz do demo, que a xente vota un novo mesías; ¿que dicimos os militantes do BNG? Pois, en moitos casos, o que di a xente, que ven a ser o mesmo que di a voz do demo. Xa sabedes o que lle dixo o bo do párroco a moza do seu sancristán cando ela se confesaba por anticipado de caer nas tentadoras redes: “Miña filla….”

Si os temas de preocupación que nos marcan non coinciden co día a día deste país no que buscamos o pan, aterremos dunha vez ou estamos derrotados. Non é certo que o conxunto dos galegos sexamos tan desconfiados nin precavidos, do contrario non nos terían apañado de mala maneira os cartos nas preferentes nin o voto nas eleccións. So nos falta facer unha cousa que está resultando moi difícil e parece moi doada: TERLLE AMOR AO NOSO E AOS NOSOS. Feito isto o resto é coser e cantar.

Estamos empobrecidos nun país rico, pola nosa mala testa.

Rematada a etapa da construción e dos asfaltados de camiños e corredoiras; etapa triunfadora do PP do chapapote, so nos queda un camiño, o das estrelas, o día e a noite, que aquí chámase camiño de Santiago. E o resto da nosa riqueza produtiva?. E moi propio dos países colonizados do terceiro mundo quedarse tan so co sector turístico como relevante. Non polo ben deles si non porque lle interesa a os de fora que os divirtamos.

Que nazón de Europa ten as terras, o bosque ou o patrimonio cultural no estado de abandono que o ten Galiza? Destruíron tódolos centros de investigación e promoción agraria que deixou en pe o nacionalismo. Compre acudir a sociedade e organizar a xente nova para recuperar toda esa riqueza. Non se pode agardar a gañar eleccións, iso faise de paso; e organizando aos labregos ou as mariscadoras ou aos autónomos non so se gañarán eleccións, gañarase o futuro.

Pero case sempre que se vai un alcalde do PP entra un alcalde do PSOE que consola a xente: “O alcalde anterior tratábavos mal, eu tratarei de facervos as excursións e os xantares de maiores ate que vaiamos pechando esta “Región del Noroeste” como estamos facendo exemplarmente na Montaña de Lugo. Logo nomearemos fillo predilecto/a ao derradeiro finado, e alcalde ao primeiro oso (que non cacharro) pardo.

A crúa realidade da desfeita de Galiza avanzou tanto que hoxe cal quer banco, empresa, institución ou partido que analice a situación galega fai unhas descricións mais CATASTROFISTAS que as que facía o BNG fai 15 anos. Sen ir mais lonxe, vexamos o uso da lingua, a natalidade, os ocupados na agricultura…. Non podemos agardar a que mude o goberno ou a conxuntura electoral para mudar a enerxía social do Pais nin podemos salvar Galiza con salvadores, nin xaropes, nin descubrimentos máxicos.

O BNG ten a responsabilidade e a oportunidade de poñer o país a andar cos vimieiros que de xuntado. Non é certo, nin nunca será, que as nosas xentes nin os nosos veciños nos teñan ese noxo que din os “nosos resentidos”, temos moito que falar e compartir con moitos bos e xenerosos. Non van a ser tantos os concellos que teñan alcaldes modelo Santa Inquisición.

Digámoslle aos novos e novas que aprendan o que podan pero que se queden no país. Aquí hai moito e bo, fora non atan os cans con restras de chourizos; e nada é eterno, os vellos colonizadores como o PP e o PSOE tampouco, e a “Berbena de la Paloma” levamos toda a vida con ela, pero dan pouco de si porque son mais agarrados que un chotis.