Moralizar o capitalismo. Importar a política, exportar os votos

A propósito de ‘Podemos’ coido que se obvian, ou non se valoran, varios elementos de xuízo, visto o fenómeno desde a Galiza e téndomos en conta a historia política xerada desde ela. Tratarei de os esquematizar:
1º. ‘Podemos’ é un partido político español. Nado nun gabinete universitario, contou desde o primeiro momento, antes de se formalizar como partido, co auxilio e a megafonía de televisións locais e dunha cadea privada de grande impacto. En todo caso, a súa expansión foi, desde o centro-Madrid, radial, como a rede de estradas, autovías e autoestradas ou como toda a política tradicional implantada e padecida na Galiza, de dereitas, de esquerdas, de centro e da estratosfera.
2º. En virtude desta xénese é como chega á Galiza, non por nengún movemento espontáneo xurdido na nosa nación, senón como aclimatación do xurdido en España. ¡Faltaría máis que na nosa amada nación non houbese o eco debido do producido na metrópole! A sermos máis papistas que o Papa non hai quen nos gañe e disto temos exemplos abondos: xustamente isto é a proba do nove da nosa dependencia, da nosa feble autoestima en termos colectivos, dun dualismo que nos vincula sentimentalmente e localmente ao universo galego, mais que nos mutila como suxeitos titulares e responsábeis de dereitos políticos. Nihil novum sub sole: isto é o que vén rexistando a historia da Galiza desde hai séculos e isto é mesmamente o que combateu, na teoría e na práctica social, o nacionalismo galego (permítaseme unha anécdota persoal: unha persoa da miña familia, galegofalante no 90% da súa vida, votante do PP, defende esta súa opción porque, para gobernar, é preciso “un partido grande”, que é o que pode competir, segundo el, na política; “grande” é agora ‘Podemos’, a teor dos inquéritos e, aínda, dos resultados das eleicións europeas; en fin, tamén nada novo: “cabalo grande, ande ou non ande”: Galiza, pequena e insuficiente; España, grande, una (si, una=única) e libre só para atar á Galiza).
3º. ‘Podemos’ nace arredor dun líder mediático, popularizado desde as televisións e as redes sociais, con evidente personalismo reflectido, por exemplo, na súa fotografía incorporada ás papeletas de votación nos comicios europeos. Non abondaba daquela co nome do partido ou co seu programa (¿?): o logo é o rosto do líder fundador. Moderno, abofé!
4º. Segundo confisión de Pablo Iglesias, foi a súa experiencia como director de campaña de AGE, nas últimas eleicións autonómicas galegas, e mais o papel de Xosé Manuel Beiras nas mesmas o que o animou a emprender a aventura de fundar ‘Podemos’ e expandilo por toda a parte. A estrea, pois, é significativa: contribuír a lañar o nacionalismo galego do BNG e nuclearse arredor dun líder, a quen se atribúe o éxito do movemento. ¡E viva a unidade popular, e mais o cerebro colectivo e, por suposto, a tomada de decisións desde abaixo! Ramón Piñeiro, ao cabo, a pesar da súa fama de suíño, era máis coherente: nada de nacionalismo galego, rendición do galeguismo político e galeguización dos partidos españois, únicos que consideraba aptos para operaren politicamente na Galiza.
,5º. A práctica da verbalatría, se me permiten o invento: “casta”, por exemplo, ou “empoderamento”, ou “o que dixer a xente”. A min non se me ocorrrería negarlle a condición de “xente” ou de “cidadán” a D. Amancio Ortega, por exemplo, ou aos antigos directivos das Caixas, ou ao Presidente do goberno español ou ao idem da Xunta, mais todo aponta a que os intereses, ideas, institucións, monopolios e vampiros internacionais que defenden e mais a súa práctica política sexan abertamente contrarias á maioría da “xente”. Nesta haberá clases sociais, intereses contrapostos, defensa de políticas antitéticas. ¿Ou é que xa non está na moda falar de clases sociais? ¿Xa as aboliu a post-modernidade? ¿Ignorándoas, deixan de existiren?
6º. Afirmacións como a de que cómpre “democratizar” ou “rexenerar” a democracia supoñen acreditar en que esta existía, corrompeuse ou deteriorouse, e é preciso, logo, retornala ao seu estado orixinal. ¿Foi así a historia? ¿Acaso a chamada transición non foi a transacción pactada para que os actores do bipartidismo garantisen o conveniente beneficio e medro da gran banca, do capitalismo internacional, das transnacionais? ¿É esta, por acaso, unha cuestión de “decencia”, ou é a resposta á natureza mesma do sistema?
7º. Todo o que ‘Podemos’ denuncia implicaría, se os asertos se afilian á política e non á moral, a rotunda negativa á Unión Europea, á OTAN e, claro está, á estrutura e á forma do Estado español. ¿Cabe “reformar” as primeiras para que “suavicen” as súas directivas ou para que mediten, en exercicios espirituais ad hoc, sobre a maldade a que serven, e se arrependan dos pecados cometidos? Sobre a forma unitaria e monárquica do Estado español, ¿agardamos tamén ao que opine a “xente” para sentar criterio? ¿Aplicamos o mesmo ao uso da lingua galega (como se a historia non existise), á política feminista, á autonomía da cultura galega…? ¿Agardamos a que o “círculo” de Fazai se enteire polo miúdo da conveniencia de que sobreviva o sector naval de Ferrol ou de Vigo? ¿Ou de que os de Vigo se conciencien sobre os problemas do sector lácteo?
8º. ¿Acaso a sobada “corrupción” non está máis que amparada pola libre circulación de capitais, segredo bancario, paraísos fiscais e demais monstros financeiros non só consentidos senón amparados polos tratados da UE? 9º. ‘Podemos’ -como todos os partidos estatais- xoga cun principio implícito, nunca declarado: o dereito de propriedade da España política, do Estado, sobre a Galiza. Ser español sen complexos inclúe facer política radial, por enésima vez conquistala desde o centro e comprender paternalistamente a súa diferenza, nunha nota a rodapé, porque non se pode desprezar o saco de votos provenientes do Noroeste. Coas mellores palabras, iso si.
Se coñecésemos algo máis da nosa historia, saberíamos que os tours de políticos españois na Galiza foron continuados como mínimo desde comezos do XIX. Ao igual que as compañías de teatro estrean en Madrid e, despois, fan a xira por provincias. Pouco importa o que saiban de aquí. Con dúas frases resólvese a papeleta. O sr. Monedero, por exemplo, en visita á Coruña, convidado polo Ateneo Republicano, falou de que cumpriría erradicar da Galiza “la oligarquía y el caciquismo”. Galdós diría aproximadamente o mesmo (como se o caciquismo non medrase como planta vizosa grazas aos magníficos servizos que rende ao Estado). Tamén nos obsequiou con que a Galiza debera deixar de “llorar”. ¿Alguén tería a ben informalo da historia contemporánea da Galiza? ¿De que na nosa nación se produciron as maiores mobilizacións sociais de todo o Estado, tendo en conta a poboación con que contamos? ¿De que elas se fixeron sen permiso ou anuencia de Madrid?
Ora, o éxito, a curto prazo polo menos, é máis que probábel. Casa ben coa despolitización xeral, vestida de indignación; combate o escepticismo coa oferta dunha ilusión rompedora e supón estar nunha onda que se anuncia gañadora, con toda a promoción mediática coñecida. Por certo, con alegre adaptación das normas que os proprios poderes estatais, que non nós, determinan: ¿cantos escanos ten ‘Podemos’ no Parlamento galego? ¿Cantos no Congreso dos Deputados? ¿Cantos minutos, segundo as directrices deles, deses poderes, corresponderían ao BNG nas televisións públicas e privadas? ¿Xa non existe a aritmética?
O problema noso -galegas e galegos- é a facilidade con que secundamos e asegundamos. Secundar iniciativas alleas e asegundarnos permanentemente diante de figuras de fóra.
Sucursalismo, en fin, como noutrora. Política centrífuga, se se considera a Galiza como centro, e centrípeta, se como tal se entende Madrid-España. Importar políticas, como se fósemos incapaces de as crear nós proprios e facer que os votos emigren, como se non fose sobexa a xente expulsada do país. Pura e dura tradición de adoración do espellismo español. Así nos foi.