Monte veciñal: Privatización a favor das empresas, usurpación a favor das elites

Monte veciñal: Privatización a favor das empresas, usurpación a favor das elites

Dende o mesmo intre que o Partido Popular retornou ao goberno da Xunta de Galiza (ano 2009), a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Mán Común (ORGACCMM), manifestou publicamente que este partido político tiña, no que fai respeito ao monte veciñal en Mán Común (pódese estender a todo o territorio) unha estratexia perfectamente planificada. Esta estratexia consiste en privatizar a xestión e a titularidade destas terras a favor das empresas madeireiras e forestais e usurpalas a favor del elites da sociedade (campos de golf, urbanizacións de luxo, grandes coutos de caza…) Lamentabelmente esta análise foi acertada.

De tal feito que o Partido Popular iniciou unha carreira frenética de iniciativas lexislativas para conquerir que a súa estratexia para os montes veciñais en Mán Común fose unha realidade, canto mais pronto mellor. Analicemos as últimas leis aprobadas.

O Partido Popular ven de crear a Axencia Galega da Industria Forestal, adscrita a Consellaría de Economía e Industria. Esta Axencia, que ben podería chamarse da Industria do Eucaliptus e dos cultivos enerxéticos, terá todas as competencias para ordenar e planificar todos os aproveitamentos dos montes. E tamén terá a chave da caixa dos cartos xa que será a entidade que outorgará as axudas para por en valor os montes veciñais. Polo tanto, a futura posta en valor dos montes (tanto de particulares como de veciñais), non a decidiran os titulares de estas terras, nin as maiorías sociais do pobo galego. Decidirá os intereses económicos da industria da madeira e da industria forestal.

No mesmo sentido, é dicir, no de privatizar a xestión e a titularidade das terras veciñais, temos tamén que situar a proposta de lei, presentada a debate parlamentar por vía de urxencia (furtando o debate parlamentar), e que será aprobada en solitario, dentro duns días polo Partido Popular. Estamos a falar de lei denominada de fomento de implantación de iniciativas empresariais. En liñas xerais, esta lei significa a eliminación do dereito dos titulares das terras e das cautelas medio ambientais, outorgándolle vía libre os intereses das empresas mineiras, pasteiras e enerxéticas. No que fai respeito o monte veciñal, esta lei non soamente simplifica, para os casos do eucaliptus e dos cultivos enerxéticos, a súa corta, xa que se pasa de solicitar ou comunicar unha corta, a facelo mediante unha declaración responsabel do titular do monte ou dos seus xestores autorizados, senón que valeira de contido os actos de prevalencia, pasando estes a ser unha decisión unilateral da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Esta lei, vai permitir que as empresas forestais e da madeira, poidan substituír os titulares dos montes na tramitación das cortas de madeira. É dicir, pon nas mans de estes intereses económicos a posibilidade de sacar madeira ao mercado, cando este lle sexa favorábel. O resultado práctico de isto será a baixada de prezos da madeira. Xa que logo, favorabel para as empresas e desfavorábel para os produtores de madeira.

No ano 2016, o Partido Popular, en solitario, modificou a Lei do Solo de Galiza. Mediante esta modificación, os concellos cando comtemplen nos seus Planos de Ordenación Municipal, os denominados Plans Especiais de Dotacións e Infraestruturas, puidera usurpar terras veciñais os seus lexítimos titulares .E poderán facelo sen ter en conta a opinión da veciñanza comuneira.

Os Plans Especiais de Dotación e Infraestruturas, permite aos concellos obter terrras por tres vías: permuta de terreos, convenio cos titulares das terras ou expropiación. Os concellos non optan pola vía do convenio cos titulares das terras; xa que esta opción significa que a decisión a tomase a Asemblea Xeral da Comunidade de montes. Optan pola vía da expropiación das terras. Esta expropiación, ademais de significar a eliminación física do monte veciñal para sempre, e tamén unha usurpación aberta das terras comunitarias. Nestes casos as comunidades de montes a única opción que lle queda (ademais da mobilización na defensa das súas terras), e a de aceptar ou non o prezo que lle impoñen os concellos.

Mediante os Plans Especiais de Dotación e Infraestruturas, contemplados na Lei do Solo de Galiza, os intereses especulativos e urbanísticos, conseguiron que os concellos, con cartos públicos paguen as terras expropiadas, para entregarllas de balde a negocios de carácter privado. O caso do proxecto de construír un campo de golf na parroquia de Baredo, no concello de Baiona, é un claro exemplo.

Se segue a gobernar o Partido Popular, non faltará moito tempo que nin perdan o tempo en aprobar leis agresivas para os intereses das maiorías sociais do pobo galego. Simplemente colocaran carteis en diversos puntos da xeografía galega coa seguinte lenda “Véndese territorio galego (incluído montes veciñais en Mán Común). Bos prezos, mesmo poden ser de balde. Interesados/as chamar a Xunta de Galiza (a chamada tamén e de balde).