Moi sufridos somos na Galiza

Non pretenden enganarnos, xa ninguén os cre; pretenden amansarnos. Non pretenden acabar co estado do benestar, pretenden acabar co Estado, e con todo o que sexa común, compartido ou repartido: Unha cooperativa, unha sociedade, un sentimento… Están autocensurados os vocablos xustiza, igualdade, dereitos, e distribuír, entre outros.
Fagamos algo de exercicio de memoria e teñamos algo de humanidade e sentido común. Tres bens culturais que borrou do noso interior a bacteria do consumismo e da egolatría.
Se non me falla a memoria botaron varios anos explicando que a austeridade era o medicamento para sanear a economía e volver a situación de benestar e prestacións sociais anteriores. Os mesmos que dixeron aquilo din agora en Europa e aquí que esa receita paralizou o consumo e a economía produtiva, que aumentan os morosos, que os bancos non prestan cartos, que estas entidades arruínan ao Estado e as administracións públicas facendo un lucrativo negocio coa débeda pública, e que falar de emprendedores como fala a Xunta non é mais que outra burla negra do bigote de Aznar e do nariz apinochado do Sr. Feixóo. Escoitamos a Rubalcaba falar de “austericidio”. ¡Vaia blasfemia! Chamarlle asasino ao santo ao que el mesmo nos fixo ir de xeonllos facéndolle romarías de parados, parados con pouco paro, parados sen ningún paro e, finalmente, parados cardíacos.
Se non me falla a memoria fritíronnos aos de sempre, aos que mal vivimos do noso traballo, con trabucos directos, indirectos, oblicuos e atravesados. Isto para encher os buratos da banca coa finalidade disque de que volverá a dar creto aos emprendedores/as, fomentar a economía produtiva da pequena e mediana empresa e o consumo familiar. Canto mais repiten isto mais fan o contrario. O homicida afoga a poboación a berros namentres lle aperta a gorxa a vítima. Podíanse rescatar directamente as familias e as pequenas e medianas empresas galegas sen pasar pola especulación bancaria, dende un Banco Público Galego. A uns rescátanos, e a outras entidades, xusto as que ofrecen servizos ás economías mais domésticas e máis sociais, fúndenas. Hai que ver o vicio aforrador que temos os galegos e galegas que ao pouco de baleirar a Caixa os atracadores, xa as estamos enchendo de novo. Remata de saír a luz publicado por técnicos do Ministerio de “Hacienda” que no ano 2009 se defraudaron no Estado máis de 244.000 millóns de euros, tres cuartos desta cantidade por parte de grandes fortunas e grandes empresas. Dino despois de que prescribiu. Divídano polo salario mínimo ou pola pensión media en Galiza. Non se lles ocorra -como ditaría o sentido común e é de xustiza- reclamarlle ao Estado o rescate deste botín; teñen os atracadores para defenderse tódolos poderes legais e mafiosos do seu lado; e a Mafia na Europa dos mercaderes está totalmente normalizada. (Nos primeiros oito meses deste fatídico 2013 aumentou o número de super-millonarios na España máis dun 15%. Tamén é certo que aumentaron moitísimo os “super-pobres”, así estamos a pre…) Nunca volveron os larpeiros da banca a facer retorno algún de todo canto arrapañaron. Agora a parte do " austericidio" temos un "trabucocidio" e un "bancaricidio". Xa na Idade Media morría moita xente dun trabucazo ou dun banquetazo.
,Se non me falla a memoria, dixéronnos que as empresas públicas non eran rendíbeis e que ademais afundían fondos públicos. Despois de enchelas ben con fondos públicos entréganllas a gansters que as saquean, despiden a quen termou delas moitos anos e deixan o país sen industrias e sen futuro. Caixa Galicia, Bankia, Pescanova, asteleiros... Saen os ladróns pola porta grande con sacos de millóns de euros camiño do paraíso... Se é preciso facerlles un simulacro de xuízo fáiselle e non pasa nada. Cando non saen os que teñen que defender a lei en defensa destes “operadores”…
Se non me falla a memoria, o Presidente Feixóo xurou como San Pedro que non traizoaría a Galiza e que a Caixa sería pronto galega, moi galega e saneada. Que lle deramos tempo. Os únicos que non estabamos dispostos a darlle máis tempo para facer o atraco perfecto eramos os do BNG. Agora que está a punto de consumarse o saqueo das últimas pertenzas, coa Obra Social incluída, di o Sr. Feixóo que non nos preocupemos, que irá parar a boas mans. Como bo cristián e como católico de pro botaralle aquel responso mortuorio que os paisanos galegos traducían directamente do grego ao idioma de Rosalía: “Kirie-leisón, Kirie-eleisón, cartos pro meu bulsón; Kirie-leisón...”
Se non me falla a memoria levan cinco anos dicindo “gromos verdes”, “comeza a recuperación”, “para o ano deixamos a recesión atrás”, “xa non precisamos rescate”... E as dúas últimas levitacións de delirio do Presidente Raxoi polo día de defuntos, ou do Samaín, ou da Santa Compaña: “Comezamos a saír do túnel”, “xa saímos da UVI”. E como saído dos forros do escenario cunha carauta dun ollo de vidro aparece Rubalcaba a meterlle medo a Raxoi, que debía estar na sa de curacións con Bárcenas e Cía. E escoitase berrar: ¡Por fin pariron as primarias! o PSOE volveu, volveu nacer, volveu o PSOE...! Só faltaba a Sra. Espe dándolleao bombo da lotaría e berrando tamén: BINGO!... BINGO...
Queridas ánimas cándidas, si non me falla a memoria, gustaríame que me resolveran varios misterios profundos que nin os teólogos da FAES, nin as redes da famosa Axencia Americana de Intelixencia me resolveron.
Botaron dous ou tres anos rescatándonos por medio da Banca e permanece o segredo do sumario de quen nos secuestrou e porqué. Como viviamos por enriba das nosas posibilidades non se daba amañado o país. Nunca se aclarou si as posibilidades eran as de producir ou as de roubar o que producen outros. Din que se está analizando unha experiencia nun laboratorio patrocinado pola coroa que pode abrir luces sobre este misterio. De momento so hai sombras. Pero o sentido común dinos que o tema da economía (a de quén?) tiña que estar resolto porque agora a inmensa maioría vivimos moi por debaixo das " nosas posibilidades".
Din que estamos na saída do túnel. ¿E, quén nos meteu nel? Din que imos saír da UVI. ¿Quén foi o que nos deu unha malleira dun salvaxismo tal que nos deixou nese estado? Foi acaso un accidente?
E dime o sentido común: Cómpre desfacerse de toda esta raza de gobernantes porque é imposíbel que nos podan quitar do túnel se non saben nin por onde se entrou nel. E si o saben e nos manteñen nel entón si que temos que acusalos de secuestro e perdelos de vista pronto. Non nos van a curar na UVI si tampouco saben de que deriva o noso estado moribundo...
Cada vez que nos queren mazar a badana eses que chaman o mercado, a troika, que nunca ninguén viu, nin tampouco aos seus proxenitores; prométennos facer un milagre que non é mais que un espellismo. Vexamos:
Se a memoria non me falla, ían poñerlle unha taxa as transaccións financeiras e pola contra sóbennos disparatadamente, por enriba das posibilidades de todo-diós (menos uns poucos que seguen engordando) a luz , os seguros, a seguridade social, os servizos, etc. dándonos unha lombeirada coa que liquidan as pensións públicas e os dereitos a respirar e vivir, e namentres respiremos zugarnos ate a derradeira pinga de sangue. Négannos a posibilidade de ter petos comúns para forzarnos a encher o bandullo dos fondos de pensións e da medicina químico-farmacéutica.
Se as drogas da tele-lixo ou a ciber-merda non producen o estado de atolondramento desexado apañan calquera produto insán para ternos intoxicados: Guerras reais ou figuradas como a do penedo dos mil paraísos de Xibraltar, resurreccion da parella de “Los monta tanto”, un papa comunista, ou as “merecidas invasións” dos territorios africanos onde polo visto ate os gorilas son terroristas.
Que ben lles faría a moitos humanos de África e doutros pobos que deixasen de rezar por eles e de levarlles caridade, e deixaran de afogalos e roubalos! Canto melloraría a súa vida si lle aplicasen as normas de benestar animal que rexen na dita UE. E a moit@s da UE tamén. Que infeliciño son, meu! De que me sirve ter memoria? O que compre e ter cara, o importante é non ter palabra, nin decencia, nin coherencia, nin sentido común, nin humanidade... Mira para o Presidente da Xunta con que nos acaba de saír: Si non se cumpre o contrato con PEMEX “eu serei o primeiro en dar explicacións”. Quixo dicir que sería a primeira vez que daría explicacións de algo.... Alguén se lle adiantou fai anos no Pazo do Hórreo dicindo: “Pasou o que pasou”.
Decididamente: O meu can palleirán Lusco ten cualidades dabondo para ser Presidente da Xunta. Cando menos ten instinto de reproducir a súa especie e non de acabar con ela. Que non é pouco nestes tempos. A propósito: Non lles da agora por falar da economía produtiva, dos emprendedores e dos servizos públicos aos mesmos que están manexando a pa para derrubar o edificio enteiro. E moi doado entender o que fan; cando vexades fotos de árbores frondosas nun monte é que o queimaron ou pensan queimalo. Que llo pregunten aos de Carnota.
E para que non remate esta mascarada di o Sr. Montoro fai uns días, ( tampouco insistiu demasiado). “En realidade a causante da crise non foi a débeda pública, é a débeda privada”. Eu case que lle daría un voto de confianza a un ministro que é capaz de dicir unha verdade cada catro anos. E estaría disposto a darlle varios a Bárcenas porque, aínda que non nos quitou do túnel, xa nos dixo de varios paraísos. E sempre é un alivio saber que o que nos rouban está a salvo. Ao fin e ao cabo os traballadore@s que botan ao PP enganados e aos que nunca o votaremos, sempre nos entra ledicia ao saber que non se perderon os nosos aforros (mirade as preferentes) si non que mudaron de territorio. ¡A vocación dos galegos de emigrar é tan profunda que rematamos transmitíndolla aos nosos cartos!
¡Grazas PP ,grazas Feijoo! Grazas Bárcenas! Cando vexades os nosos cartiños que se van quedando cun ar dourado nas costas de México ou nas illas Caimán, dádelle saúdos e decídelle que nos lembramos moito deles e dos familiares directos de quen os levou de excursión. Dentro de pouco mandarémoslle novos veciños, porque van vir de varias partes do mundo a furgar nos nosos montes para atopar un tesouro dourado, e o dourado irá logo a acompañalos.
Temos en Galiza un Goberno moi bo. Non quere vernos sufrir (PORQUE XA SABE QUE SOMOS MOI SUFRIDOS) e está mirando como acabar con nos.
Ao final o PP, quen o ía dicir! rematou aprobando o aborto, o divorcio, e a eutanasia, todo dun golpe. O aborto preventivo porque non se pode ter fillos, que non hai con que mantelos; o divorcio anticipado porque non hai con quen casarse, os mozos e as mozas emigran; e a eutanasia activa porque ao LIQUIDARNOS as axudas sociais, as pensións e a sanidade pública xa morres a miñoca.
E os do BNG dálle que dálle con que o PP non loita por Galiza. O PP sabe moi ben o que fai. Sabe que os galeg@s somos xentes de moi boa fe e de moi bo conformar, e para que tomemos conciencia de que nos están amolando compre facelo con moita insistencia e moi descarado. Ao final, entre os do BNG que, como dicía Castelao petamos na alma do pobo, e o PP que nos maza o coiro, imos rematar creando a liberación nacional e social de Galiza. ¡ E despois que digan que os do PP e os do BNG non somos capaces de traballar xuntos....!
P.D.
Estas reflexións fíxenas con toda intención de non meterme en política, porque ben sei que en Galiza a xente sempre viu moi mal meterse en política, e a cada paso tenlle mais odio. A política din que é para os políticos que viven dela. O mellor é facer como os peixes gordos: Vivir de roubar, explotar, estafar, desfacer o país, dominar os medios de comunicación, enredarnos con mil contiños... E todo iso sen meterse en política nin deixar que se metan os roubados, explotados, estafados, espoliados, enganados, esmagados... Fáganlle caso ao PP e a Francisco Franco: “Hagan como yo, no se metan en política”... E para máis axuda, aínda que lles pareza estraño, esta idea profunda tamén a teñen moitos catedráticos, intelectuais, artistas, radicais anti-sistema, xentes cultas e xentes de culto a persoa e admiración pola “libertade”. A libertade de sentirse unidos e solidarios coas bestas, eles a carrancha-pernas das bestas.