Moi agradecido polos seus consellos pero vaime permitir vostede que non os siga

Moi agradecido polos seus consellos pero vaime permitir vostede que non os siga

“…creo que deben hacer una reflexión de futuro y trabajar en la línea de la izquierda a nivel estatal.”, “La crisis no se resuelve en Galicia, sino en España y en Europa.”, “…sí tengo la idea de que el gallego es como muy callado, en el sentido de tener cosas en la cabeza que a veces les cuesta expresar o trasladar al exterior.”

Estas palabras son súas en entrevistas publicadas esta semana na prensa da Galiza aproveitando a súa visita para apoiar a candidatura de IU ás eleccións do vindeiro día 21.
Mire, téñolle fama de ser unha persoa que non se anda con rodeos, cousa certa pois considero que as persoas deben falar con sinceridade e non agacharse en circunloquios; por iso ao iniciar estas breves liñas débolle recoñecer con sinceridade que eu estaba trabucado ao respecto de vostedes; tiña a idea de que co paso do tempo compañeiro Cayo Lara a súa organización política xa avanzara algo na comprensión do mundo e en concreto do Estado Español no que actúa, pero vexo que os vellos manuais deixan pegada no tempo e mantéñense vostedes na de sempre, ditando consellos aos demais no estilo “haz lo que te digo y no hagas lo que yo hago”.

A verdade é que a min traballar na liña da súa esquerda estatal como recomenda non me atrae moito; a ver se me dou explicado cun par de exemplos. Coido que non sería quen de ter por referentes a organizacións sindicais que apoiaron a redución das pensións públicas e o aumento da idade de xubilación até os 67 anos, esas mesmas organizacións que se negaron a convocar unha folga xeral contra as últimas medidas de Rajoy. Entre nós e confiando na súa discreción, a min xa me chegou co engano no que caeu a miña central sindical confiando en que desta as organizacións sindicais que vostede ten como referentes estaban dispostas a dar a batalla en serio e a manter a unidade fronte aos recortes; un erro do que me fago a correspondente auto-crítica.

E si esa esquerda estatal é a do seu colega Alberto Garzón que di no seu Twitter aquilo de “No entiendo de naciones sino de clases sociales” ao tempo que se declara por unha “República Federal de ESPAÑA” dígolle en confianza que comigo non conten e que coas novas xeracións de militantes deberían actualizar os manuais que empregan nos cursos de formación ideolóxica. Vostede e máis eu xa hai tempo que temos algo de cabelo branco e aínda que agora sexa nese trebello moderno do Twitter declaracións dese estilo lembran o que me ten comentado o meu camarada Alfredo de cando o PCE na Universidade de Compostela a inicios dos anos setenta do pasado século dicíalle aos de ERGA que falando galego dividían ao estudantado e á clase traballadora.

Tampouco lle son eu moi dado a asaltar un día un supermercado como medida de denuncia da situación pola que están a pasar centos de milleiros de andaluces polas políticas da dereita, acción coa que me solidarizo unha vez máis e que fixeron compañeir@s meus antes de terse posto de moda, e ao día seguinte sentarme no parlamento andaluz co meu grupo parlamentar mentres o goberno no que participa a miña organización recorta no ensino ou en axudas á dependencia. Que quere que lle diga? iso daríame un pouco de corte, é que aínda que non o pareza sonlle un pouco tímido.

Se ten oportunidade de deixarse caer por aquí noutro momento teremos a oportunidade de coñecernos mellor e comprobará que é certo o da miña timidez, así que por favor tampouco me vaia meter na lea de estar ao seu carón por exemplo prometendo en Ferrol apoio aos estaleiros e nas Pontes apoio ao sector enerxético e despois volver para Madrid a votar o contrario por non sei que intereses de Andalucía ou Asturias, intereses seguro que lexítimos pero que ao meu ver non poden estar por riba dos de Galiza.

Sei que vostede tamén me entenderá se lle confeso que tampouco podería mentirlle á xente dicíndolle que a crise se soluciona en España e en Europa pero non en Galiza, sabendo como sei pois algo de mundo aínda teño que só coa afirmación e a actuación de cada quen no seu medio, e no caso dos galegos e galegas ese medio é Galiza, poden construírse alternativas.
Recoméndolle señor Lara que deixe de cando en vez o seu centralismo e mire un pouquiño alá onde se están a construír procesos de emancipación e construción de realidades alternativas, como por exemplo a esa Latinoamérica da que tanto falan pero da que pouco aprenden moitos na Europa, e verá como o fundamental neses procesos é a defensa da soberanía nacional.

E sobre a capacidade ou incapacidade para expresar o que pensan os galegos e galegas non sei que lle dicir, e non mo tome a mal pois seguro que non era a súa intención pero esa frase lémbrame algo que dixo hai uns meses Rosa Díez. Ao mellor non lle contaron que Galiza se expresa moi ben, saiu á rúa cando o noso país foi agredido pola incompetencia do goberno español diante da catástrofe do Prestige, e máis recentemente fomos ducias de milleiros de persoas as que nos opuxemos á política lingüística do PP, coa presenza de algunha compañeira súa na faixa de cabeceira das manifestacións, é certo, pero pouco máis. E non lle digo nada das mobilizacións obreiras que aquí sempre foron as máis combativas do estado xunto coas de Euskal Herría que como saberá tamén conta con organizacións sindicais e políticas propias.

,Mire señor Lara eu entendo que ande un pouco despistado, póñome no seu lugar pois a min pasaríame o mesmo de ir de mitins á súa Ciudad Real sen coñecer a realidade de alí, e aínda por riba ten como informantes a daqueles que seguen sen entender que Galiza é unha nación con capacidade para dotarse de forzas propias.

Vostede veu facer campaña cara as eleccións do 21 de outubro e eu entendo que é o seu papel, pero cando queira tomamos un café e cóntolle como actúa o nacionalismo galego, que propostas ten o sindicalismo galego, que capacidade de organización e mobilización ten o pobo galego, etc…; e fareino con moito gusto non con ánimo de darlle consellos senón para que saiba un pouco máis de nós.

Quedan días de duro traballo, días nos que eu seguirei xunto cos meus compañeiros e compañeiras do BNG explicándolles aos meus conveciños que o mellor xeito de facerlle fronte ao PP é concentrar todo o voto que pensa no país e todo o voto que aposta por políticas de esquerda nas candidaturas do BNG, un BNG que é o instrumento máis axeitado para facerlles fronte ás políticas de dereita, un BNG que non precisa levar ás emprestadas para dirixirse ao pobo galego, un BNG que amosa día a día nos concellos onde goberna que poden facerse outras políticas.

As eleccións son o 21 de outubro, ese día o meu pobo emitirá o seu voto e o 22 o BNG seguirá traballando unido na rúa e nas institucións, pois non é unha coalición técnica temporal senón unha organización asentada en Galiza con máis de 30 anos de actuación política.

Vaise facendo tarde e debo despedirme, así que reciba unha forte aperta e cando volva por aquí faga favor de chamar que se vén con tempo comprométome a amosarlle algo deste recuncho del noroeste.