Mobilización, mobilización, mobilización

Mobilización, mobilización, mobilización

O electoralismo é un narcotizante de enorme potencia. En Galiza, infelizmente, a influencia determinante da axenda política española, alargada coa parcería entusiasta das franquías rupturistas, logrou facer penetrar en amplas capas sociais do noso país a falsa expectativa de que a solución aos graves problemas (sociais, económicos, ambientais...) que padecemos, chegaría maxicamente por man dun determinado resultado electoral. Na súa versión máis tóxica, esta tese chegaba a defender que a derrota das políticas de saqueo que aplican os gobernos do PP na Xunta e no Goberno español, só precisaba dunha outra correlación parlamentar no Pazo do Hórreo e no Congreso. Sen cuestionar, claro, o marco de dependencia xurídico-política e económica que nos estrangula como país e como povo. Como se a Troika non existise. Como se o noso papel periférico nun Estado membro da UE, o euro e a OTAN, en nada incidise. Como se a falla de soberanía política non fanase a nosa capacidade de mudar o rumo. A transformación reducida á alternancia gobernamental. Sempre a mesma trampa.

O efecto anestésico deste discurso a nivel social ten sido notorio e os seus efectos palpábeis. Nunha relación inversamente proporcional, conforme gañaba terreo a vía electoral retrocedía en igual medida a mobilización popular, os protestos e o conflito. Confiando nunha nova intermediación institucional, as rúas deixaron paso á telecracia das uniformes tertulias dos grandes medios. Desta maneira, uns non tiñan reparos en se presentar a si propios como máxica solución universal de todos os males, e ao tempo, o povo acababa por abdicar da súa propia tarefa. A emerxencia de novos actores políticos supuxo, pois, revitalizar o vello espellismo, o canellón sen saída ao que o oportunismo electoral conduce sempre. Para que se mobilizar se xa estaba anunciada a chegada do mesías-salvador?

Neste contexto, só o movemento nacionalista galego -o que actúa como tal,non o declarativo- tentou impulsar unha axenda mobilizadora en chave galega, que permitise ás clases populares empoderarse a través do conflito, da autoorganización consciente. Basta repasar a hemeroteca para comprobar como de non ser por organizacións como a CIG, Galiza tería sucumbido nos últimos meses e anos á tendencia estatal (con escasas excepcións) para se converter nunha outra balsa de aceite. De aí que algunhas non nos teñamos que propoñer retornar a rúa, nin recuperarmos a mobilización. Nunca as abandonamos.

No entanto, unha vez os resultados electorais botaron abaixo de maneira abrupta as expectativas ilusorias dunha mudanza profunda sen loita social, é preciso que o nacionalismo galego no seu conxunto intensifique, de vez, a mobilización social, poñendo en marcha, desde xa, unha nova axenda que permita reincorporar e reorganizar a aquelas capas sociais que malia seren críticas sucumbiron ao engado electoralista. Só o movemento nacional popular ten no noso país a capacidade, organizativa e de convocatoria, para poder facelo. Aliás, este paso servirá para volvermos visar na práctica que o proxecto transformador que o nacionalismo galego encarna, non se limita a ser unha opción electoral. Que somos un proxecto de país en construción. Unha alternativa popular que só pode ser empurrada por e desde abaixo, coas clases populares e traballadoras como suxeito.

Isto exixe sacudir rutinas e inercias, e tamén fuxir de esquematismos e diatribas infantís que mesmo chegan a cuestionar a compatibilidade de desenvolver unha axenda mobilizadora intensa con, en paralelo, continuar a acumular cun traballo constante na base. Os tempos en política son fundamentais. É certo que hai moitas persoas que se senten decepcionadas polo resultado dos últimos comicios e por veren truncada a súa esperanza de asaltar os ceos dun chimpo sobre as urnas. Mais, precisamente por iso, debemos ofrecer ao conxunto do povo unha alternativa diferente á da frustración e a resignada baixada de brazos. É o momento de axitar conciencias, de chamar á acción, de convocar á rúa.

Motivos sobran. O panorama laboral que debuxan as últimas cifras do paro rexistrado, o asfixiante nivel de precariedade, os efectos xa perceptíbeis de reformas tan lesivas como a LOMCE, a privatización dos servizos públicos... Aos motivos presentes habemos engadir tamén os recortes que, con total seguridade, imporá novamente a Troika e os efectos dos lesivos tratados de libre comercio, como o recentemente asinado CETA (UE-Canadá). Non hai tempo que esperar. Temos que mobilizar, non coma unha fin en si propia, senón como un medio indispensábel. Un medio para axitar, propagando as nosas análises e as nosas alternativas. Un medio para sementar nas conciencias. Un medio para sumar organizando máis vontades conscientes. Para fortalecermos as organizacións sociais, sindicais e políticas que apostamos nunha mudanza radical en Galiza. Para acumularmos forzas. Mediante a acción. Non hai escusas para que o movemento estudantil nacionalista, o sindicalismo combativo, o feminismo, as organizacións de defensa ambiental, o tecido cultural, e os referentes políticos, non o fagamos.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.