Mobilidade na Galiza real
Quizais o máis rechamante da nula evolución do transporte en Galiza nestes últimos vinte anos veña da man dos camiños de ferro. A falsa inauguración, ninguén sabe a data real de entrada en funcionamento, do tramo Vigo-A Coruña (e Ferrol?) de alta velocidade, en realidade híbrido, que, de entrada, exclúe o ERTMS que tería evitado o sinistro de Angrois, trae como consecuencia, entre outras, a perda de conexións entre Ferrol, A Mariña e Asturies e a diminución das liñas nun 36,36 % no traxecto Ferrol-A Coruña. Deixando de lado as vías de alta velocidade cuxa chegada, si chegan, vense adiando, como a repetidamente anunciada conexión Lugo-Ourense e a conexión coa meseta, cun camiño cheo de atrancos e cambadelas políticas, o panorama deste transporte en Galiza é desolador. Trens desfasados, obsoletos e incómodos con horarios alucinantes en nada concordantes coas necesidades reais e que provocan a súa pouca utilización e a conseguinte argumentación de que non son rendibles, mesmo con trampas para non contabilizar até un 80 % das súas usuarias e usuarios. Tempos de traxecto que nos retrotraen ao século XIX e ausencia total de traxectos de proximidade. Galiza ten o dubidoso honor de ser a única en toda a cornixa cantábrica que non dispón de trens de proximidade nas súas cidades. Un tren que nas áreas metropolitanas resulta imprescindíbel para desconxestionar o tráfico rodado e que evita a utilización contaminante dos vehículos privados aforrando enerxía como engadido. O máis ilóxico de todo é que as vías xa existen, solo requiren poñelas en explotación. A decisión é clara para unha persoa que viva nun concello veciño a unha cidade e que teña que desprazarse diariamente a ela si ten que elixir entre utilizar o vehículo privado, caro en combustible, caro en mantemento, dificultoso de aparcar, incómodo polos atascos e a opción dun tren, sen dúbida o medio de locomoción máis confortable e rápido, que permite desenvolver axeitadamente outras actividades ao tempo que te desprazas, que logo permita comunicarte, xa na cidade e co pertinente nodo intermodal, aspecto este fundamental, co lugar onde desenrolas a túa actividade laboral. Entre cidades a decisión sería semellante, un tren asumíbel con horarios axeitados aos horarios laborais, cunha estación que dispoña de medios de transporte, en frecuencia e prezos razoábeis, até o destino final dos respectivos postos de traballo non tería rival.
Pasando ao tráfico rodado contrastamos por un lado a desigualdade existente, que se da en todos os eidos e por suposto tamén en comunicacións, entre o eixo atlántico e a Galiza interior. E non é que o eixo atlántico teña solucionado o tema, a sangría económica para os sufridos galegos e galegas que teñan que circular diariamente pola autoestrada AP-9 é tremenda. Unha autoestrada cara, deficientemente mantida, e cunha concesión ampliada polo goberno de Aznar até o 18 de agosto do 2048 non é asumíbel polo común das persoas. A alternativa (?) é a N-550, estrada conxestionada de tráfico por motivos obvios, sen mantemento e chea de trampas circulatorias que por moito que cumpras diariamente todas e cada unha das, as veces ilóxicas, sinais de tráfico, chegará un día que caias nalgunha. Si a presumible estrela da vertebración por estrada é esta, non é complicado imaxinar e constatar como está o resto das comunicacións rodadas, nomeadamente as do interior. A esperada conexión Lugo-Santiago de Compostela foi obxecto doutra pseudoinauguración estes días, xa que faltan 28 quilómetros aínda sen iniciar. Das conexións co exterior as saídas até Madrid son razoábeis máis a recen completada A-8, autovía do cantábrico, ten unha eiva fundamental: a verdadeira conexión cantábrica, é dicir a súa chegada até Ferrol seguindo por Viveiro, Ortigueira e Cedeira, xa que en Foz decidiuse baixala até Baamonde deixando parte da Mariña lucense e a costa norte da Coruña sen servizo. E iso por non falar da fantástica solución adoptada no tramo que circula ao carón de Mondoñedo que leva a continuos cortes pola súa perigosidade debido ás condicións meteorolóxicas. No resto da vías o panorama é desolador, estradas sen o mantemento axeitado, cargadas de tráfico pesado, perigosas polo seus trazados e insufriblemente lentas que se converten nun martirio diario para quen se ve obrigado u obrigada a circular por elas.
Rematamos co tráfico marítimo que, obviamente, solo é posible nas nosas rías, altas e baixas, e que está limitado en determinadas estacións meteorolóxicas, pero que pode ser unha alternativa, sobre todo a vías tremendamente saturadas no verán. Cómpre apoialo e fomentalo, pode ser unha inestimábel axuda como de feito xa o é en outros países de características semellantes.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.