Misión cumprida
Querido Vicente: Un galeguista dos máis vellos da nosa Irmandade, que dou mostras certas e verdadeiras de amor á nosa Terra (tanto ou máis que ti e min, dentro das suas forzas) quéixase, e a meu xuicio con sobrada razón e motivo, da tua nova manía de escomungar do galeguismo a quen non pense coma ti.
Certas afirmacións tuas non poden tomarse ô pé da letra porque xurde delas unha intención política que non se axeita ás normas que sempre, sempre, foron orgulo dos galeguistas.
Non quero entrar no fondo do asunto e déixoche en paz coa tua concencia. Fai e desfai o que queiras.
Supoño que terás recibido unha carta miña, longa de máis. Estou arrepentido de intervir perto de ti, pois agora decátome de que a ti o que che gosta é esto que estás facendo, e querendo eu facer un ben cicáis fixese un mal...
Desfai o Partido dunha vez. Déixate de lerias e ponte ô frente de quen che siga. Lévate contigo o mellor que temos e esterilízalle as enerxías que teñen. Eu quédome onde estou e coa carraxe do mesmo demo do inferno -ceibe de vencellos- seguirei na política aitiva, con quen sexa capaz de dar a vida e a ialma por Galiza, a Galiza que seña, a que poidamos lograr. Apertas.
Castelao.
O que acabo de transcreber ten 77 anos. Trátase -como xa as leitoras e leitores botarían de ver- dunha carta remetida por Castelao a Vicente Risco, desde Badajoz, no 1 de Marzo de 1935, cando o primeiro aínda cumpría pena de desterro, imposta polo goberno de Lerroux, na cidade estremeña. Os termos da mesma van ficar máis explicados no "Adro" de Sempre en Galiza (cap. XI) datado igualmente en Badajoz, "Abril-Outono de 1935". Nel, o autor advirte de como "nos eidos da República abrollan os vezos da monarquía. A poda doulles vitalidade. O caciquismo e a inxusticia volven a inzar as terras hispanas". Dá conta do asasinato dun rapaz (o seu primeiro amigo en Badajoz) por defender as reivindicacións dos traballadores. A Delegación de Traballo intervén para evitar que "ricos terratenentes negocien coa fame dos campesiños". Pergúntase onde "teñen a conciencia eses homes que andan a falar de sentimentos relixiosos feridos", "que fan os verdadeiros cristiáns que non coutan o egoísmo criminal dos propietarios da terra". E engade:
Eu creo que ningún galeguista, por arredado que se atope de nós, concordará coas forzas reaicionarias campantes agora en toda Hespaña. Creo que ningún galeguista pode sentir a necesidade d-unha caraiterización dereitista do seu ideario n-estes intres de guerra incivil.
E no correio de hoxe recibo un manifesto político, arranxado con enxeñosos artificios de lingoaxe, para disculpar unha posición ilexítima dentro do noso campo. Trátase, nada menos, que de crear unha "dereita galeguista", lazando a irmandade dos "bós e xenerosos", cando máis rexa debe ser a sua compenetración.
[...]
Quixera compor eiquí longas parrafadas para demostrar que os escrupos de caráiter social e relixioso, que agora sinten os chamados "galeguistas de dereita", xurdiron dispois do desastre eleitoral, por influencias esteriores eisóticas. Quixera demostrar como a fuxida d-algúns galeguistas obedece, máis que a diferencias políticas, a comodidades persoaes. Quixera demostrar que a teima secesionista foi provocada pol-a fervenza reaicionaria que baixou da meseta castelán. Quixera demostrar que os galeguistas que se arredan de nós, coa intención de amingoaren a nosa forza, poñen a Galiza por debaixo d-outros intreses, que nin tansiquera son esprituaes.
,
E, até aquí, as citacións de Castelao, que poderíamos alongar moito máis. Aviso por adiantado de que non tenciono facer nengunha extrapolación mecánica e anacrónica daqueles tempos a estes nosos. Si significar que, onte coma hoxe, o debate dentro do nacionalismo galego -tal e como quixen marcar nun artigo anterior- está adoito enrarecido por cuestións alleas a el mesmo. Non se trata, hoxe, da utilización perversa da cuestión relixiosa. A pegada do presente vén dada por unha externalización mediática constante de que fixeron uso varios colectivos e persoas do BNG nas semanas previas á XIII Asemblea Nacional, con continuación até os nosos días. Non se trata, pois, dunha fror de inverno que murche coa chegada da primavera. Trátase de manter unha atención informativa constante e ben dosificada para que todos os días sexa noticia a conflitividade interna do BNG, as escisións e abandonos e as críticas a un BNG que segue existindo como tal, a pesar de todos os agoiros que a megafonía dos meios de comunicación se encarrega de manter e propalar con lupa de aumento.
Hai dous meses, neste mesmo xornal dixital, tiven a ocorrencia de facer unha sincera e encarecida chamada de atención a todas-os militantes do BNG para que desen, désemos, a valer todo o construído nestes trinta anos, desde 1982, e aínda desde moito antes, xa que a historia contemporánea sería inintelixíbel sen a acumulación positiva de todas e todos os que nos precederon desde a segunda metade do século XIX. Hoxe, nesta primavera nacente, os feitos resultan moito máis elocuentes do que calquer especulación; falan por si sos, así que o máis práctico talvez sexa pólos á vista:
1. En tempos de "paz", cómpre procurar con lupa en tantos xornais, radios, televisións... a información correspondente ao que o BNG propón, defende, valora ou opina. O reino do bipartidismo e, hoxe, do PP con aspiracións a PRI mexicano, non consente disidencias nen diverxencias incómodas. Coñecida a división interna, non se pode perder a oportunidade de a alentar, estimular e facerlle propaganda directa, coa inestimábel colaboración dos seus protagonistas, que así gozan de minuto e medio de gloria mediática: non hai mellor cuña que a da mesma madeira e, se o ataque ao nacionalismo galego vén desde dentro, os seus efeitos destrutivos multiplícanse.
2. Celébrase a XIII Asemblea Nacional do BNG que conclúe cos resultados coñecidos. Se fosen os inversos, ¿daquela o BNG sería instrumento idóneo para a política galega?
3. Os escisionistas e abandonistas abundan na idea de que o BNG "xa" non vale para a pretensa política de "esquerdas" ou de "centro" ou "aberta á sociedade" ou... Significadas voces (non polo que teñan de peso político senón polo altavoz que se lles concede) que até onte foron cargos públicos dentro do BNG e por delegación da súa militancia, opinan agora contra a organización que representaron: ¿en sendo eles e elas cargos públicos da mesma valía o BNG e agora non? ¿Ninguén enrubia ao facer estas declaracións?
4. Algúns fala(ro)n de ética: ¿é eticamente suportábel que membros dunha organización política arremetan con auténticos insultos e aldraxes a persoas e partidos formantes da mesma, en labor de quinta columna que fai o traballo suxo que, así, aforran de facer os adversarios políticos?
5. Á vista dos acontecementos e comportamentos dalgúns, cabe concluír que para eles o nacionalismo galego foi como o negocio da construción antes da burbulla inmobiliaria; unha vez producida esta, cómpre buscar un outro nicho de negocio, ao que se ve...
6. Da marcha xeral do nacionalismo galego desde 1982, do seu crecemento, das súas vicisitudes, dos seus vaivéns, dos seus éxitos e fracasos, das súas virtudes e dos seus erros, das súas innovacións e das súas limitacións obxectivas e subxectivas, en fin, como do seu ascenso eleitoral e do seu declive, de todo isto serán corresponsábeis todos os seus membros, cargos públicos e orgánicos e decisións tomadas colectivamente. Atribuír a uns os elementos positivos dos binomios mencionados e á sempiterna UPG os negativos é xa broma de moi mal gosto, se non fose sectarismo puro e duro, cando non auto-odio disfarzado de anti-comunismo, axitado como fantasma-meco, a ver se aínda hai espíritos infantís ou supersticiosos que se asusten.
7. Na viaxe que recolle Vicente Risco en Mitteleuropa, refere o autor con moita graza a anécdota do encontro casual cun médico galego, tan galego -di o escritor- que lles falou en castelán. Varios dos escisionistas son tamén "tan" galegos, no sentido tópico do termo, que fan bon o lugar común da falta de clareza na definición dos seus propósitos, por moito que se delaten a cada paso. Obxectivo nº 1: debilitar e lañar o nacionalismo, co inestimábel concurso do "primo de Zumosol", léase prensa do rexime e demais meios de comunicación desexosos de velo reducido a cinsas. Obxectivo nº 2: utilizar até a saciedade o argumento de que o nacionalismo do BNG "xa" non vale e ir, simultaneamente, preparando o terreo para corcoser as pezas do pano rompido e oferecelas en estado presentábel a unha Esquerda Unida, a "esquerda plural española" e nesa unión procurar acomodo confortábel. Se nesta operación naufraga inclementemente o principio da autoorganización política, sindical, asociativa etc., tanto ten. Como dixo Groucho Marx, eu son un home de principios; se non me conveñen, cámbioos por outros... O BNG valeu até onde e até cando mevaleu; cando adveñen tempos onde a globalización inmisericorde fai máis necesario que nunca o esforzo soberano das nacións do planeta, cando a fortuna política xeral non sorrí, cando máis que nunca sería preciso aunar traballo e vontades para que a nosa nación siga a aparecer autónoma e digna, daquela é cando se decide colaborar con armas a bagaxes a que siga intacta a maioría absoluta do PP e todo o que ela conleva.
8. Nesta travesía, sobra, claro está, unha central sindical galega; unha Mesa pola Normalización Lingüística; sobra, por suposto, a definición "nacionalista"; abonda con nos referir á "nación" ou a "nacional": caiamos na trapela de considerar disfemístico o nacionalismo galego e acudamos ao repertorio de eufemismos, incluídos os prefixos: eco- e neo-, que maiormente non comprometen moito mais din moi ben. Cando non se dá mudado a realidade no prazo desexábel, mudemos os significantes, a ver se, taumatúrxica ou talismánicamente, eles, en por si, nos levan á vitoria. Viva a renovación!
9. Como xa me internei -supoño que por terapia- polo terreo da comedia, non me negarán que o achado do "galeguismo" como pedra angular do século XXI non ten o seu aquel de moderno... Os nosos antepasados da primeira metade do século XX nomeáronse "Partido Galeguista" por táctica, identificándose e recoñecéndose decote como nacionalistas galegos. Explicábao ben o noso querido e admirado Jenaro Marinhas del Valle. Do anti-nacionalismo "galeguista" de Piñeiro pasamos, hai xa ben anos, ao "galeguismo" tanto do PSOE como do PP, para, agora, a reivindicalo como se o tempo e o uso manipulador non tivesen pasado. Laus Deo! Nacionalistas galegos: ¡disólvanse! Galeguistas: ¡formen filas!
10. En fin, compañeiras, compañeiros xa fóra das filas do BNG, a quen me dirixín con cariño digno de mellor causa: "los muertos que vós matáis gozan de buena salud". Como Castelao quería hai 77 anos, continuaremos a tentar construír a Galiza posíbel... Que vos vaia ben na nova singradura, que botedes ben a nave; non esquezades, porén, que, en querendo que vaia máis veloz, se vos ides desprendendo de lastro aceleradamente, talvez, no apuro, botedes fóra os víveres, co cal a nave irá moi rápida, iso si, mais vós ficaredes sen alimento... ¡Que magnífico agasallo para consolidar o statu quo até as próximas eleicións!
En todo caso, misión cumprida: o BNG atacado e diminuído; a Galiza non lle "cómpre" o nacionalismo; todo a obra de autoorganización, de autodeterminación, minusvalorada e desprezada desde dentro... Exemplar, abofé...