Millán Astray, ese "coruñés de pro"

Millán Astray, ese "coruñés de pro"

O máis normal sería, a mediados dun mes de agosto bañado polas raiolas do sol, rompérmonos os miolos en elixir o tema de actualidade sobre o que escribir este artigo. As noticias propias da época estival ateigan os xornais. Porén, desta vez sobran os minutos. E sobran, porque unha vez máis o PP fai pública unha decisión impopular e antidemocrática baixo o murmurio, aproveitándose dunha ponte festiva en toda Galiza que trae consigo o descenso da lectura da prensa. O Goberno municipal encabezado por Carlos Negreira daba a coñecer o pasado día 15 pola tarde que non recorrería a sentenza que anula a retirada do título de "fillo predilecto" da Coruña a Millán Astray, aquel que berraba "¡Muerte a la inteligencia! ¡Viva la muerte! Aquel que participou activamente no golpe de Estado man a man con Franco, Sanjurjo ou Mola. Aquel que foi nomeado responsábel de Radio, Prensa e Propaganda do franquismo. O mesmo ao que Negreira enxalzou como un "coruñés de pro", un "coruñés de toda la vida".

O PP defende que non se trata dunha decisión de carácter político, mais si que o é. Estamos perante un asunto puramente ideolóxico. Como en todo o que ten a ver coa memoria histórica galega, Negreira e os seus advirten de que "el Gobierno municipal no quiere perder ni un minuto en politizar el pasado y prefiere mirar al futuro y apostar por la concordia y por trabajar por cuestiones que realmente preocupan a los ciudadanos". Acaso non vos preocupa que un alcalde e os seus concelleiros actualmente no Goberno avalen golpistas e criminais? Acaso non vos preocupa, de cara ao futuro, que un dos principais responsábeis da barbarie fascista fique homenaxeado representado como un exemplo para as xeracións futuras? O exemplo de que? O exemplo da barbarie, da crueza e do violento ideario da ultradereita.

O PP escúsase, como recolle o fallo da sentenza, en que a distinción de Millán Astray como "fillo predilecto", foi aprobado nun Pleno municipal en agosto de 1922, "catorce años antes de la sublevación". Mais o PP é consciente de que se trata dunha decisión estritamente política para satisfacer os nostálxicos do franquismo. E é que con independencia de sentenzas xudiciais e de informes xurídicos, o Concello da Coruña ten plena competencia para conceder ou retirar as distincións sen necesidade de aplicar a Lei da Memoria Histórica. Por iso, o nacionalismo reclamará que se lle retiren todos os honores a Millán Astray na próxima comisión de honores e distincións con independencia da época en que lle foron entregados.

"Próxima parada: Avenida Primo de Rivera"

Fica moito por facer para honrar a memoria dos bos e xenerosos asasinados por defenderen os ideais nacionalistas, por deitar luz e divulgar aspectos do noso devir histórico, tan fundamentais para recoñecérmonos como pobo. Tamén fica moito por facer para que cidades como A Coruña deixen de ser capital da simboloxía franquista. Nestes intres, recupero a estraña sensación, entre medo, opresión e abraio, que sentín a primeira vez que empreguei o autobús público na Coruña. Tan tranquila, observando o encanto de cada recuncho do porto, de súpeto oín: "próxima parada Avenida Primo de Rivera"!!! Non podía ser, ou si. Ía ben esperta, mais esa impunidade coa que a megafonía expulsaba o nome do ditador parecíame surrealista. Tanto que nin a baixar do bus agardei para chamar a miña nai, e despois o meu pai, para llo contar. "Isto que é?" "Meu deus, quero fuxir de aquí", díxenlles con asombro. Mais non é tan estraño despois de tantos anos de maioría absoluta do PSOE, que mantivo o discurso de que na Coruña non había simboloxía franquista, senón só simboloxía histórica que cumpría conservar. Tolerancia? Convivencia? Non hai xustificación. Só unha actitude vergoñenta.

Ao longo de moitos plenos municipais, PSOE e PP votaron conxuntamente para rexeitar as numerosas mocións presentadas polo BNG para que A Coruña retirase toda simboloxía franquista. O pleno de setembro de 2009 supuña un punto de inflexión ao acordar a retirada de máis de 50 símbolos franquistas. Mais o desleixo do PSOE provocou que aínda a día de hoxe continúen nas rúas coruñesas as placas dos nomes cuxa retirada xa se aprobou en pleno. Tamén é preciso que se practiquen políticas de información e concienciación da cidadanía nos valores democráticos e a recuperación da memoria histórica galega. E é que hai moitos mártires aos que lles render homenaxe os 17 de agosto. Como ben deixou escrito Castelao, "non enterran cadáveres, enterran semente".